O pasado verán as denuncias sindicais, confirmadas pola Seguridade Social e Inspección de Traballo, obrigaron a Coren a integrar no seu cadro de persoal a 1.350 falsos autónomos. Estes falsos autónomos levaban anos realizando as súas funcións a través de Servicarne, unha falsa cooperativa que recibe encargos de matadoiros e empresas de procesado de carne de todo o país. Este pasado mes de maio o Ministerio de Traballo confirmou que Servicarne é unha falsa cooperativa.
A CIG detalla "ameazas e extorsións", "situacións de acoso" e "prácticas mafiosas" por parte da empresa
Despois de que as denuncias da CIG e doutros sindicatos forzasen á empresa ourensá a recoñecerlles os seus dereitos laborais a estes traballadores, agora a central nacionalista denuncia que Coren está tentando evitar que presente candidaturas por ves primeira nas eleccións sindicais que se deben celebrar este mes de xullo.
A CIG detalla "ameazas e extorsións", "situacións de acoso" e "prácticas mafiosas" por parte da empresa, que estaría a chamar "unha por unha e de xeito individual a cada unha das arredor de medio cento de persoas que integran a candidatura da CIG para manter xuntanzas que duran até tres e catro horas, co obxectivo de que renuncien a presentarse pola central e opten por facelo na candidatura que promove a empresa e que é a única con representación no comité".
Segundo a CIG, a empresa está a ofrecer "melloras nas condicións laborais" aos traballadores que renuncien á candidatura e, no extremo contrario, castigos e ameazas a quen se negue. De feito, denuncian que un dos traballadores foi despedido por este motivo. Praza.gal púxose en contacto coa empresa para coñecer a súa versión dos feitos, sen obter resposta.
Coren “baixo ningún concepto quería que a CIG tivese candidatura, polo que comezaron coas ameazas verbais dicíndonos que era mellor que nos presentaramos pola candidatura da empresa"
O empregado compareceu hai uns días en rolda de prensa para explicar a súa situación, detallando que foi despedido dous días despois de manter unha xuntanza con representantes da empresa, que lle esixiran que renunciase a presentarse ás eleccións sindicais. "Cando pasamos a formar parte do grupo entendemos que era o momento de comezar a traballar para ter unha representación sindical digna co obxectivo de lograr melloras laborais”, dixo o afectado.
Coren “baixo ningún concepto quería que a CIG tivese candidatura, polo que comezaron coas ameazas verbais dicíndonos que era mellor que nos presentaramos pola candidatura da empresa; ante a miña negativa chegan incluso a ofrecerme mellorar as miñas condicións laborais, pero como me sigo a opoñer optan por despedirme dous días despois da reunión”, engadiu.
A CIG anunciou a posta en marcha dunha campaña "contra a represión sindical". Ademais de recorrer xudicialmente a rescisión do contrato convocaranse protestas e faranse repartos informativos. E, así mesmo, levarase a cabo unha concentración diante do establecemento de Coren na rúa Eulogio Gómez Franqueira dous días antes do acto de conciliación polo despido, previsto no SMAC para o día 11.
"Estamos fartos/as da impunidade coa que actúa Coren e da falsa imaxe pública que se obsesiona por cultivar de que é un modelo de creación de emprego e de desenvolvemento, cando é exemplo de precariedade, explotación, clientelismo, caciquismo e represión”, sinalou Paulo Carril.
O sindicato lembra que a pesar da integración teórica dos antigos falsos autónomos, a súa igualdade de dereitos laborais está aínda lonxe
"Vai haber candidatura", subliñan dende o sindicato, que sinala que contan "cun amplo grupo de compañeiros e compañeiras que saben o que se xogan, que se arriscan e que se presentan por parte da CIG" e que "vendo o que está pasando e as prácticas mafiosas da empresa, os traballadores están reafirmados na súa escolla".
Durante anos estes "falsos autónomos" sufriron unhas condicións laborais "de escravitude": "Sen horario fixo, sen salario mínimo, sen cobrar as baixas, sen vacacións nin permisos, baixo ritmos salvaxes, con enfermidades profesionais sen recoñecemento e con represión laboral e sindical", detalla a central. O sindicato lembra que a pesar da integración teórica dos antigos falsos autónomos, a súa igualdade de dereitos laborais está aínda lonxe. Recoñecemento de antigüidade, aspectos de seguridade e outros elementos salariais, de vacacións e de días libres, están entre as demandas da central.