A CIG mobilizouse "por unha saída xusta da crise" e unha maior intervención pública na economía

Mobilización da CIG na Praza de María Pita da Coruña, este domingo © CIG

As mobilizacións pediron a "derrogación total" das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013

A CIG levou a cabo mobilizacións este domingo en 18 cidades e vilas galegas, reivindicando "unha saída xusta da crise". Nas concentracións, o sindicato esixiu "políticas que permitan encetar unha auténtica recuperación económica e social e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas" en Galicia. E, en concreto, centrou as súas demandas na "derrogación total" das reformas laborais de 2010 e 2012 e das reformas das pensións de 2011 e 2013.

A Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo acolleron varias marchas en cada cidade, que confluíron en prazas céntricas de cada urbe, onde tivo lugar o respectivo acto final. Tamén se levaron a cabo concentracións en Vilagarcía de Arousa, A Guarda, As Pontes, Boiro, Cangas, Cee, Lalín, O Porriño, Redondela, Ribadeo e Verín.

Mobilización da CIG en Compostela, este domingo © CIG

A CIG denuncia que as medidas dos Gobernos español e galego "son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise"

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denuncia que as medidas que están a adoptar os Gobernos español e galego "son insuficientes ou inexistentes para dar unha resposta xusta á crise" derivada da pandemia e "lévannos a unha maior precariedade, máis desigualdade social e máis pobreza porque o capitalismo aposta por salvar a economía en vez de protexer as persoas".

O sindicato reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio

Ademais das derrogacións das reformas laborais e das pensións, a CIG reclama a fixación por lei do SMI no 60% do salario medio, a supresión do IPREM e o establecemento dunha renda de inserción laboral e social coa contía do SMI e o establecemento por lei unha pensión mínima igual ao SMI e a súa revalorización anual co IPC real.

Mobilización da CIG en Lugo, este domingo © BNG

A CIG demanda "a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos" ou a nacionalización de Alcoa ou Alu Ibérica

A CIG sinala que no actual contexto de crise os gobernos español e galego "teñen que ter un papel fundamental na dinamización económica" polo que demanda "a intervención pública no sistema financeiro, coa xestión directa dos fondos europeos", así como a creación dun Banco Público Galego ou a participación da Xunta en proxectos empresariais clave e a nacionalización das plantas galegas de Alcoa ou Alu Ibérica.

Finalmente, o sindicato propón un reforzo dos servizos públicos, eliminando a taxa de reposición e fortalecendo o ensino público e a sanidade pública incrementando os cadros de persoal en ambos os dous casos

Mobilización da CIG na Coruña, este domingo © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.