A Comisión Europea amósase cauta con Altri mentres non obteña todos os permisos e financiamento público

Resposta da comisaria europea de Medio Ambiente a varias preguntas de BNG e Sumar sobre Altri CC-BY-SA Praza Pública

A Comisión Europea está pendente do proxecto de Altri en Palas de Rei, do que di que "nesta fase do procedemento, non existen indicios dunha posible infracción", pero salientando que a fábrica aínda non ten todos os permisos nin recibiu fondos comunitarios, polo que non pode avaliar aínda que estes sexan conformes. Así vén de responder, con contestacións idénticas, a dúas preguntas distintas formuladas polas eurodeputadas Ana Miranda, do BNG, e Estrella Galán, de Sumar.

Resposta da comisaria europea de Medio Ambiente a varias preguntas de BNG e Sumar sobre Altri CC-BY-SA Praza Pública

Bruxelas di que "nesta fase do procedemento, non existen indicios dunha posible infracción" pero salienta que a fábrica aínda non ten todos os permisos nin recibiu fondos comunitarios, polo que non pode avaliar aínda que estes sexan conformes

A nacionalista Miranda focalizara a súa pregunta na declaración de impacto ambiental favorable a Altri emitida pola Xunta. Nela salientaba a existencia na zona na que se quere implantar a fábrica de varias especies de flora protexidas e preguntaba se a Comisión considera a autorización ambiental compatible coa protección da biodiversidade e da Rede Natura 2000, lindeira co espazo a ocupar.

Pola súa banda, a eurodeputada madrileña de Sumar preguntou á Comisión se ante os potencias perigos do proxecto pensa aplicar o principio de precaución e cautela e solicitar a súa suspensión. Tamén preguntou se a Comisión vai investigar a suposta vulneración da normativa comunitaria sobre emisións e impacto ambiental que suporía o proxecto.

A resposta ás preguntas de Miranda e Galán chega agora por conta da comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswall, que contesta exactamente o mesmo ás dúas.

A comisaria di que o proxecto de Altri foi valorado de acordo coa directiva europea sobre impacto ambiental, cun proceso participativo que permitiu á cidadanía expresar a súa opinión e tendo en conta as medidas compensatorias propostas pola empresa. Pero matiza que "segundo a lexislación española, a declaración de impacto ambiental emitida polas autoridades competentes [a Xunta] non constitúe unha autorización para o desenvolvemento do proxecto, que está suxeita á obtención de todos os permisos pertinentes esixidos pola lexislación medioambiental da UE".

Recreación da fábrica de Altri en Palas divulgada pola propia empresa © Greenfiber

A comisaria de Medio Ambiente responde exactamente o mesmo a distintas preguntas formuladas por Ana Miranda, do BNG, e Estrella Galán, de Sumar

Roswall di que "nesta fase do procedemento, non existen indicios dunha posible infracción do Dereito da UE" e salienta que a normativa europea contempla procedementos de recurso para que a cidadanía poida impugnar ante a xustiza decisión relacionadas co impacto ambiental. Tamén sinala que a Comisión "carece de competencias para suspender proxectos nos estados membros" xa que a súa capacidade de intervención limítase "aos casos estruturais e sistémicos, non á situacións puntuais de presunto incumprimento". 

Porén, Roswall remata a súa resposta sinalando unha vía pola que si podería actuar a Comisión Europea no caso de Altri, a de supervisar a súa conformidade no caso de que de reciba fondos europeos, algo que aínda non sucedeu. A comisaria di que "segundo a información dispoñible, non parece que o proxecto a gran escala de Altri estea recibindo fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) neste momento" polo que "a Comisión non está en condicións de avaliar a conformidade do proxecto cos requisitos do MRR, incluído o principio de 'non causar un prexuízo significativo'".

As respostas agora emitidas pola Comisión son similares a outras previas, como a que recibiu hai mes e medio tamén Ana Miranda da mesma comisaria Roswall. Nela sinalábase que a UE "aínda" non podía comprobar o cumprimento da normativa europea por parte de Altri pero advertíase de que a Comisión "seguirá supervisando" o proxecto.

Comunicación de resultados de Altri no primeiro trimestre na que dá conta dos avances en Galicia © Altri

Altri vén de dar conta aos mercados portugueses da obtención do permiso ambiental, "um passo importante na tramitação ambiental do projeto"

Por outra banda, Altri vén de presentar os seus resultados do primeiro trimestre do ano ante a Comissão do Mercado de Valores Mobiliários portuguesa, un documento no que reflicte que vén de recibir a declaración de impacto ambiental positiva, "um passo importante na tramitação ambiental do projeto". O documento tamén constata que "xá em maio de 2025, o Grupo Altri concretizou a aquisição da Greenalia Forest, uma das principais empresas do setor florestal galego, e da Greenalia Logistics, dando um importante passo estratégico na consolidação da sua presença na Galiza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.