A confección, o AVE, a minaría ou o rural, a análise nunhas xornadas na USC

Programa das Xornadas de Economía Galega Dominio Público Asemblea Nacional das Estudantes Galegas - USC

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago acollerá ao longo desta próxima semana unhas xornadas sobre a economía galega organizadas pola Asemblea Nacional das Estudantes Galegas. No seu marco, ademais de conferencias e proxeccións, haberá un debate sobre o sector público en Galicia que será moderado por Praza.gal. As xornadas dan dereito á obtención dun crédito académico para os graos de Economía, Administración e Dirección de Empresas, Comunicación Audiovisual, Xornalismo, Ciencias Políticas, Dereito e Historia.

Ademais de conferencias e proxeccións, a Asemblea Nacional das Estudantes Galegas organiza un debate sobre o sector público en Galicia con Maite Cancelo, Xaime Barreiro, Xosé Manuel Beiras e Xavier Vence moderado por Praza.gal

As xornadas comezarán este luns día 24 coa sua presentación, ás 16 horas, seguida dunha conferencia sobre a confección e a industria galega a cargo do profesor Xoán Carmona e a proxección posterior, con coloquio, do documental Fíos Fora. O martes ás 17 horas o profesor Xaime Barreiro pronunciará unha conferencia sobre a alta velocidade en Galicia e a continuación celebrarase un debate sobre o sector público en Galicia no que participarán o propio Barreiro e os tamén profesores Maite Cancelo, Xosé Manuel Beiras e Xavier Vence. Tanto a conferencia sobre o AVE como a palestra posterior sobre o sector público galego estarán moderadas polo xornalista de Praza.gal David Reinero.

As xornadas continuarán o mércores con unha conferencia do profesor Xoán Doldán sobre o proxecto de mega-minaría de Corcoesto e a proxección posterior do filme Lobos sucios cun coloquio coa guionista Paula Cons. O xoves os profesores María Loureiro e Edelmiro López impartirán conferencias sobre a xestión do común e o futuro do rural en Galicia. E o venres as xornadas inclúen unha visita matinal á central térmica das Pontes e, pola tarde, unha conferencia sobre o mercado enerxético a cargo de Adrián Dios e Juan Pablo Álvarez, seguida da proxección do documental Asolagados e un coloquio co guionista Afonso Eiré.

Programa das Xornadas de Economía Galega Dominio Público Asemblea Nacional das Estudantes Galegas - USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.