A conselleira da 'auditoría' das caixas ficha por unha das grandes auditoras internacionais

Marta Fernández Currás © Xunta

Soou como conselleira no novo -ao final idéntico- goberno de Núñez Feijóo, pero acabará na empresa privada. A galega Marta Fernández Currás, logo de toda unha vida profesional dedicada á Administración Pública na Xunta e no Goberno central, deixa a secretaría de Estado de Presupostos e Gastos que ocupou os últimos cinco anos para incorporarse á consultora Ernst & Young (EY), segundo asegura Europa Press. Non abandona, non obstante, un sector claramente vinculado ao seu labor público das últimas décadas, nun paso que dificilmente evitará as alusións a unha nova porta xiratoria. Sae pola do Ministerio de Facenda e entra -ademais- na área de Sector Público dunha das catro grandes auditoras mundiais, unha das cales marcou para sempre a súa xestión en Galicia. 

Currás sae pola porta do Ministerio de Facenda e entra na de Ernst & Young logo de toda unha vida profesional no sector público

Nada en Vigo en 1963 e residente na Coruña, Fernández Currás é inspectora de Facenda, profesora asociada da USC e interventora e auditora do Estado, cargo que agora exercerá non para o Executivo central senón para unha das xigantes auditoras. Foi delegada do Instituto de Estudos Fiscais en Galicia do Ministerio de Economía; xefa da Dependencia Rexional de Recadación da Axencia Tributaria e a primeira interventora xeral da Xunta, onde entrou da man do goberno bipartito en 2007 e onde se mantería dous anos. As diferenzas co conselleiro José Ramón Fernández Antonio levárona a deixar o posto para regresar ao carón de Feijóo en 2009 ao Goberno galego, xa como conselleira de Facenda. Ademais, tamén exerceu de administradora de Facenda en Santiago, de interventora adxunta territorial de Pontevedra ou como vogal do Tribunal Económico Administrativo Rexional. 

Foi interventora xeral da Xunta co bipartito e conselleira de Facenda con Núñez Feijóo

En 2011, tras a vitoria do PP nas eleccións xerais, Rajoy recrutouna para o Ministerio de Facenda e converteuse tamén na primeira muller en exercer como secretaria de Estado de Presupostos e Gastos. Chegou en plena crise económica e foi parte fundamental na execución de duros recortes orzamentarios. Ata que o pasado venres decidiu marchar e aceptar a oferta de Ernst & Young, unha das grandes auditoras mundiais xunto a PriceWaterhouseCoopers (PwC), Deloitte e KPMG e das que coñece ben o seu proceder, cando menos desta última. Foi a que marcou a súa xestión na Consellería de Facenda, onde topou co proceso inicial da fusión das caixas galegas. 

En xaneiro de 2010, Fernández Currás presentaba en solemne rolda de prensa a "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG", un estudo "independente" que, previo pago dun millón de euros, avalaba a "solvencia da fusión das caixas galegas", que producirían unha "rendibilidade e eficiencia altas". A tan repetida "solvencia e galeguidade" da que tirarían PP e Executivo para xustificar a unión e que defendería durante meses e con teimosía a daquela conselleira. Tal era o interese do Goberno galego por situarse como peza esencial da fusión que forzara a inserción da sinatura da titular de Facenda entre as de Méndez e Gayoso naquel documento de marzo de 2010 que supoñía o inicio oficial da integración. Nada era o que parecía. 

Ficha por unha das catro grandes auditoras mundiais, unha das cales (KPMG) marcou a súa xestión en Facenda

KPMG nin fixera auditoría ningunha nin avalara a fusión das caixas. Máis de tres anos despois do primeiro dos múltiples fastos auspiciados pola Xunta para bendicir a unión de Caixanova e Caixa Galicia sóubose que o que realizara a consultora non era unha auditoría, senón un "diagnóstico acelerado da viabilidade da fusión" que non recomendaba -nin deixaba de recomendar- que as dúas entidades se convertesen nunha soa. E Fernández Currás sabíao porque recibira a documentación seis días antes de anunciala en rolda de prensa e baixo o epígrafe "privado e confidencial". A comisión de investigación botaba abaixo un dos principais argumentos do Goberno galego a favor da integración das entidades.

Presentara con solemnidade en 2010 a auditoría de KPMG que avalaba a fusión das caixas e que logo recoñecería que nin era auditoría nin avalaba nada

Tres anos e oito meses despois daquela rolda de prensa coa que se avalaba a "solvencia" das caixas galegas, Fernández Currás recoñeceu por fin que o de KMPG non era unha auditoría nin recomendaba nada. Respondera, xa desde o seu cargo de secretaria de Estado, ao segundo cuestionario enviado pola comisión de investigación na que se negara a comparecer e admitira que aquel documento só era "un informe e análise" coa que o Goberno galego trataba de "cumprir o mandato dado polo Parlamento de Galicia, que expresa o sentir maioritario da sociedade galega, en relación co impulso dunha operación corporativa galega entre as caixas".

Agora, case sete anos despois daquela comparecencia pública que marcou o seu paso pola Xunta, Fernández Currás ficha por Ernst & Young, a terceira en ingresos das Big Four do sector da consultoría e auditoría, a non moita distancia de KPMG, a cuarta na lista das grandes. Todas elas, por certo, resultado de sucesivas fusións. 

Marta Fernández Currás © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.