A escalada de comisións bancarias non cesa: seis euros mínimo por unha transferencia na oficina

Unha persoa saca cartos dun caixeiro automático Dominio Público Pxhere

Nos últimos días, clientes de Abanca están a ser notificados sobre a modificación de varias das comisións que cobra a entidade a partir do vindeiro 5 de xullo. Advirten da suba de varias delas seguindo cunha escalada que é común en varios bancos desde hai anos e pola que protestaron xa persoas usuarias e organizacións de consumidores. 

Realizar unha transferencia nunha oficina de Abanca supón un mínimo de 6 euros de comisión para moita da súa clientela

De non cumprir cos varios requisitos que prevé a entidade, realizar unha transferencia a través de Abanca nunha das súas oficinas ou por teléfono custará, a partir do mes de xullo, un mínimo de 6 euros, un euro máis do que ata agora. Será o custo menor xa que o establecido é o cobro do 0,6% sobre o importe da operación, dúas décimas máis do que agora, aínda do 0,4%. 

De facerse a través de internet (vía banca electrónica ou móbil) a porcentaxe sobre a transferencia é do 0,3% pero o mínimo que ata agora se cobraba -2 euros- sobe ata os 3. Ademais, e tal e como confirma a entidade a este diario, as transferencias inmediatas "pasan a custar 50 céntimos máis", engadindo 1,50 euros sobre a tarifa que corresponda. 

Interior dunha oficina bancaria en Galicia © Abanca

Xa que logo, cada transferencia inmediata de cartos desde unha oficina de Abanca suporá a moita da súa clientela un mínimo de 7,50 euros, cantidade que se une ás que supoñen outras comisións como a de administración ou as de mantemento de conta e tarxeta. 

"Cada vez son maiores e máis habituais as comisións, mesmo por operacións frecuentes para calquera persoa", advirte Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCG), que xa advertira ao pouco de comezar a pandemia do "golpe extra" que "para as economías máis desfavorecidas e as persoas máis vulnerables" supuxeran outros anteriores incrementos nos custos das comisións. A tendencia non mudou en case ningunha entidade bancaria. 

No caso de Abanca, os clientes menores de 29 anos líbranse de pagar por cada transferencia non urxente se o fan en banca electrónica, banca móbil ou se son ordes periódicas, lembra Abanca, que aclara que tamén están exentos aqueles titulares nunha conta "na que exista unha nómina ou pensión domiciliada ou teñan outro tipo de vinculación co banco (seguros, tarxetas con actividade...)". 

"Ter todos os cartos e a nómina domiciliada non chega xa para que non che cobren comisións", di Miguel López, da Unión de Consumidores de Galicia

Pero hai moitas máis comisións e para evitalas todas, os requisitos de vinculación de Abanca "son moi estritos e moi difíciles de cumprir", lembra López. Hai que ser titular dunha conta con nómina ou pensión domiciliada ou cuns ingresos regulares mensuais de polo menos 600 euros, un saldo medio mensual en produtos de aforro de polo menos 500 euros atribuídos a cada titular e, ademais, cumprir con algún dos seguintes requirimentos: ter realizado compras cunha tarxeta de crédito da entidade de polo menos 2.000 euros no último ano ou 1.200 euros se ten contratado un seguro medidado por Abanca, ter un saldo medio mensual en fondos de investimento, valores, seguros de aforro ou plans de pensións de polo menos 8.000 euros por cada titular ou dous seguros mediados polo banco. 

"Non paso pola oficina, fago todo por internet, teño domiciliada a nómina e conta no banco desde que era un neno e paguei case 140 euros de comisións nun ano", explica a Praza.gal un cliente que coincide na crítica de moitas persoas que adoitan pagar esas cantidades. Só a comisión de mantemento da conta -supón 42 euros semestrais (84 euros)- e o mantemento dunha tarxeta de débito (28 euros) supera os 100 euros ao ano, ao que hai que engadir a comisión de administración, extinta ou mínima en moitos bancos pero que aínda se aplica nalgúns como Abanca: son 60 céntimos por cada apunte en conta. En resumo: doce euros máis de chegar ás vinte operacións, algo nada inusual. 

Pagamento con tarxeta de crédito Dominio Público Pxhere

"Recibimos moitas queixas co gallo da última suba anunciada e recibirémolas agora; o problema é que hai bancos onde ter todos os cartos na súa entidade e ter domiciliada a nómina non é para nada suficiente e onde os requisitos, para o común da cidadanía, non son doados de cumprir, especialmente se falamos de xente de avanzada idade, pensionistas e clase traballadora", insisten desde a UCG. "O que están a cobrar algunhas entidades por algo tan habitual como unha transferencia é unha barbaridade... Un despropósito", di López. 

"A decisión conxunta do sector de cobrar máis comisións non ten traza de modificarse; veu para quedar" 

Mentres as comisións de mantemento de conta e tarxeta en Abanca superan por pouco os cen euros, noutras entidades pode alcanzar desde os 160 aos 240 euros, como no Santander, CaixaBank ou BBVA, aínda que os requisitos para que baixe considerablemente a cota ou mesmo desapareza semellan factibles para un cliente medio (domiciliar a nómina ou recibos ou facer seis compras con tarxeta por trimestre, por exemplo). 

"Ante un panorama de baixísimos tipos de xuro, a banca mesmo puido usar esa xustificación para a alza xeneralizada no cobro de comisións pola imposibilidade de aumentar ingresos e ampliar marxes comerciais, pero non cremos que a prevista suba dos tipos a partir de agora vaia modificar nada", advirte Miguel López, que cre que as "comisións por todo e para todo viñeron para quedar". "É unha decisión conxunta do sector e non ten traza de modificarse", insiste. 

A gran banca do Estado ingresou un 15% máis en 2021 polas comisións aplicadas ás contas

De feito, en 2021, os resultados da gran banca no Estado xa reflectiron a súa política de endurecemento das comisións e dos requisitos para evitar o cobro de taxas levada a cabo nos últimos anos. Ingresaron no conxunto do exercicio a través das comisións aplicadas ás contas 2.147 millóns de euros, ata un 15% máis que en 2020 e un 13% máis que en 2019. 

Son os números de BBVA -que elevou os seus ingresos por comisións das contas case un 32%-, o Sabadell (+22%), Bankinter (+13%) e o Santander (+9,6%).

Persoal dunha oficina bancaria © BBVA

"Os bancos nin tan sequera teñen en conta se a operación que se fai depende do seu persoal ou de nós mesmos, que moitas veces facemos todo vía internet: cobran por case todo o que fas ou fan", explica López respecto das continuas subas, por exemplo, nas taxas ás transferencias. 

"Hai un movemento de todas as entidades financeiras para intentar consevar a clientela pero facéndoa refén, obrigándoa a pagar comisións por todo, con condicións moi fóra do que corresponderían polos servizos que prestan", insisten desde a UCG, que advirte que, "no caso dalgunhas entidades con tanta implantación territorial e que nalgún caso son a única alternativa, hai moita xente que non ten outra opción". "É lóxico que moita xente medite se lle compensa cumprir algún dos requisitos que se lle impón, facendo un seguro por exemplo, cando estás a pagar máis de 120 euros ao ano por comisións sen facer nada especial", engade. 

Contas de pago básica

O caso é que no Estado ningún banco pode negarse a abrir unha conta a un cidadán, tal e como establece unha directiva europea de 2014. Nela garántese o dereito de aceso a unha conta de pago básica, modalidade que todas as entidades están obrigadas a ofrecer. 

É un tipo de conta con pequenas comisións ou mesmo exenta delas que permiten depositar fondos, retirar diñeiro en efectivo, realizar pagos con tarxeta de débidto ou prepago, domiciliar recibos ou efectuar transferencias na UE cun límite de 120 operacións deste tipo ou de cargo nun ano.  

Só se pode negar a contratación dunha conta deste tipo se o interesado xa é titular dalgunha conta corrente en España ou no caso de non achegar a información requirida. Non son sempre gratuítas, xa que en España hai dous tipos: a que establece unha comisión máxima de tres euros ao mes e a dirixida a eprsoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión financeira, para as que é de balde.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.