A Fiscalía da Audiencia Nacional investiga a manipulación do prezo da luz de Naturgy en Sabón xa multada por Competencia

Central de ciclo combinado de Sabón © Grupo Cobra

Competencia considerou que a central de Naturgy en Sabón aproveitara de xeito ilegal o peche de Meirama, o encarecemento do carbón e problemas no ciclo combinado nas Pontes para subir os prezos ante a escaseza de competencia

A Fiscalía da Audiencia Nacional informou este mércores de que vén de abrir dilixencias sobre a manipulación por parte de Naturgy do prezo da luz desde a súa central de Sabón, feitos xa sancionados pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), como contou hai un mes Praza.gal. Tras coñecerse esa sanción, Facua-Consumidores en Acción presentou unha denuncia e agora a Fiscalía analiza un posible delito contra os dereitos dos consumidores.

Segundo o relato dos feitos de Competencia, Naturgy manipulou o prezo da luz desde a central térmica de Sabón, en Arteixo, para aumentar indebidamente os seus ingresos. Fíxoo durante case dous anos, incluíndo os nove primeiros meses da pandemia por coronavirus e coas medidas máis estritas de confinamento, e aproveitado "as circunstancias de mercado propias de Galicia".

Sede de Naturgy en Madrid © Naturgy

A compañía enerxética ofertou a electricidade no mercado de restricións técnicas "a prezos excesivos e dispares con respecto ás súas ofertas no mercado diario eléctrico, sen xustificación e co obxectivo de aumentar os seus ingresos". O mercado de restricións técnicas ten como obxectivo resolver aquelas situacións que poden supoñer problemas para a calidade, fiabilidade ou seguridade do sistema eléctrico, como a falta de produción necesaria para a demanda prevista ou para as variacións de consumo. É aí onde as compañías presentan ofertas de enerxía para resolver as devanditas restricións.

Segundo a CNMC, durante o período que vai do 23 de marzo de 2019 ao 31 de decembro de 2020 a central de gas natural de ciclo combinado de Sabón "aproveitaba as situacións nas que a competencia no mercado de restricións era reducida para incrementar as súas ofertas" neste mercado e "obter así uns maiores ingresos". 

A central de Sabón aproveitouse de que as centrais da zona -Galicia- que eran capaces de resolver as restricións e, xa que logo, ser competidoras dela nese mercado "se viron afectadas por diferentes factores que favoreceron a actuación" da instalación de Naturgy. 

Estas centrais dispoñibles eran Meirama -que pechou en xuño de 2020-, os catro grupos da central térmica de Endesa nas Pontes -afectadas polo "encarecemento da xeración con carbón e o conseguinte cambio da orde de mérito a favor do ciclo combinado"- e a central de ciclo combinado da mesma compañía, que sufriu "longas indispoñibilidades" durante o período analizado, concretamente do 48% das horas.

Sede da Audiencia Nacional © CGPJ

A Fiscalía quere saber se houbo un incremento no prezo final pagado polos consumidores e se este afectou a todo ou parte do territorio estatal

Por eses feitos Competencia sancionou a Naturgy con 6 millóns de euros por "manipular o prezo no mercado eléctrico de restricións técnicas". Ademais, a empresa deberá pagar unha indemnización de 35,5 millóns de euros ao operador do sistema eléctrico "para compensar o prexuízo ocasionado" pola súa conduta. En total, 41,5 millóns.

Pero agora a Fiscalía analiza tamén se houbo delito e vén de pedir un informe a Competencia no pide saber, entre outras cuestións, se houbo un incremento do prezo final pagado polos consumidores e usuarios e se este afectou a todo ou parte do territorio estatal.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.