Naturgy manipulou o prezo da luz desde Sabón para aumentar os seus ingresos

Central de ciclo combinado de Sabón (Arteixo) © Grupo Cobra

Naturgy manipulou o prezo da luz desde a central térmica de Sabón, en Arteixo, para aumentar indebidamente os seus ingresos. Fíxoo durante case dous anos, incluíndo os nove primeiros meses da pandemia por coronavirus e coas medidas máis estritas de confinamento, e aproveitado "as circunstancias de mercado propias de Galicia". 

Así o aclara a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que sancionou a Naturgy con 6 millóns de euros por "manipular o prezo no mercado eléctrico de restricións técnicas". Ademais, a empresa deberá pagar unha indemnización de 35,5 millóns de euros ao operador do sistema eléctrico "para compensar o prexuízo ocasionado" pola súa conduta. En total, 41,5 millóns.

Sede de Naturgy en Madrid © Naturgy

A CNMC obriga a pagar a Naturgy 41,5 millóns entre multa e indemnización por manipular o prezo da electricidade desde a central de ciclo combinado de Sabón

Foi unha sanción grave que vén de facerse pública e que é relatada con detalle no expediente sancionador incoado a Naturgy. Nel aclárase que a compañía enerxética ofertou no mercado de restricións técnicas a luz "a prezos excesivos e dispares con respecto ás súas ofertas no mercado diario eléctrico, sen xustificación e co obxectivo de aumentar os seus ingresos"

O mercado de restricións técnicas ten como obxectivo resolver aquelas situacións que poden supoñer problemas para a calidade, fiabilidade ou seguridade do sistema eléctrico, como a falta de produción necesaria para a demanda prevista ou para as variacións de consumo. É aí onde as compañías presentan ofertas de enerxía para resolver as devanditas restricións. 

Segundo a CNMC, e durante o período que vai do 23 de marzo de 2019 ao 31 de decembro de 2020, a central de gas natural de ciclo combinado de Sabón "aproveitaba as situacións nas que a competencia no mercado de restricións era reducida para incrementar as súas ofertas" neste mercado e "obter así uns maiores ingresos". 

A central aumentaba o prezo da electricidade no mercado de restricións "aproveitando as circunstancias propias do mercado en Galicia" e a "reducida competencia"

A alarma saltou, segundo explica o órgano regulador, ao analizar os ingresos obtidos pola central térmica de Sabón durante os anos 2019 e 2020. Aí comprobou que era a central de ciclo combinado do Estado con maiores ingresos finais por MW instalado e ano e que era tamén a "que máis ingresos obtivera en España" malia que a súa participación no mercado diario era "moi reducida" en comparación coas centrais do mesmo tipo. 

De feito, a CNMC aclara que mentres o resto de instalacións de ciclo combinado obtiñan de media menos do 16% dos seus ingresos da participación no mercado de restricións técnicas, no caso da de Arteixo a porcentaxe elevábase a case o 93%. Así, en 2019 as ofertas da central de Sabón neste mercado ían dos 54 aos 122 euros/MWh, manténdose arredor dos 100 durante períodos continuados, mentres que en 2020 mantivéronse en arredor dos 85 €/MWhvv. As ofertas do mercado diario situábanse entre os 40 e os 60 euros e as diferenzas entre o ofertado neste e o que ofertaba no de restricións variaban dos 4 ata os 70 euros. 

Central de ciclo combinado de Sabón © Grupo Cobra

Segundo a análise detallada da CNMC, Naturgy asignaba un prezo "excesivo"  e "dispar do prezo ofertado ao mercado diario" ás súas ofertas a restricións técnicas. E aproveitaba que neste mercado non se aplica o sistema marxinalista senón o pay as bid, no que un xerador recibe exactamente o prezo que oferta. 

Pero ademais, e tal e como se explica no expediente de sanción, a conduta de Naturgy levouse a cabo "intencionadamente" e "aproveitando as circunstancias de mercado propias da zona xeográfica de Galicia na que se localiza, durante o período sinalado, na que resulta necesario habitualmente algún grupo térmico para a seguridade do sistema eléctrico, nun contexto de reducido nivel de competencia". 

Sabón aproveitou o peche de Meirama, o encarecemento do carbón e os problemas do ciclo combinado nas Pontes para subir os prezos ante a escaseza de competencia e alternativas

A central de Sabón aproveitouse de que as centrais da zona -Galicia- que eran capaces de resolver as restricións e, xa que logo, ser competidoras dela nese mercado "se viron afectadas por diferentes factores que favoreceron a actuación" da instalación de Naturgy. Estas centrais dispoñibles eran Meirama -que pechou en xuño de 2020-, os catro grupos da central térmica de Endesa nas Pontes -afectadas polo "encarecemento da xeración con carbón e o conseguinte cambio da orde de mérito a favor do ciclo combinado"- e a central de ciclo combinado da mesma compañía, que sufriu "longas indispoñibilidades" durante o período analizado, concretamente do 48% das horas. 

Así, as ofertas das centrais de carbón quedaron en desvantaxe competitiva, aínda que acabaron sendo despachadas tamén nalgún caso xunto á central de Sabón, que foi durante moitos días a única de ciclo combinado dispoñible en Galicia que podía resolver as restricións técnicas da zona "contando cuns menores custos que as centrais de carbón da mesma zona". 

Sede da CNMC CC-BY-SA Luis García

"Estes factores son coñecidos pola central de Sabón antes de realizar as súas ofertas ao mercado de restricións técnicas", aclara a CNMV, que lembra que a instalación de Naturgy en Arteixo acabou sendo requirida no 91% dos días para este servizo. 

Foi aquí onde Naturgy viu o negocio, ofertando ao mercado de restricións nos momentos de reducida competencia un prezo da electricidade un 95% superior ao prezo do mercado diario, mentres que nas xornadas de menor competencia foi dun 34% superior. 

A central de Sabón aproveitaba os momentos de reducida competencia para ofertar un prezo da electricidade un 95% superior ao do mercado diario

A certeza da súa dispoñibilidade "permitiulle determinar as súas ofertas, non en función do seu propio custo de produción, senón do dos seus potenciais competidores, resultando ofertas a prezos excesivos". Segundo a CNMC, a actuación da central de Sabón "tivo un impacto directo no custo dos servizos de axuste do sistema", outorgándolle a Naturgy "un beneficio de 43,2 millóns de euros". 

Malia as detalladas alegacións presentadas por Naturgy, a CNMC rexeitou os seus argumentos. A eléctrica nega a "manipulación" de prezos que lle atribúe o organismo, que responde aclarándolle que o que fixo foi, "no fondo, atentar contra os principios fundamentais do mercado", marcando un importo excesivo "fronte ao que tería resultado nunha contorna máis competitiva" e "aproveitándose desa circunstancia para obter un beneficio que, doutro xeito, non tería obtido". 

Francisco Reynés, presidente executivo de Naturgy © Naturgy

 A actuación irregular de Naturgy outorgoulle un beneficio de 43,2 millóns

Ademais, insístelle en que tivo como "propósito" o de "aproveitarse das circunstancias de mercado propias da zona de Galicia, ofertando en situacións de menor competencia a prezos excesivos co fin de obter uns ingresos superiores por restricións técnicas"

Por todo isto, a CNMC declara responsable dunha infracción grave a Naturgy, que en conversa con este diario asegura que non adoita facer valoracións sobre sancións ou comunicados do órgano regulador pero que aclara que recorrerá a sanción nos tribunais. Terá que facelo na sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional no prazo de dous meses. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.