A mocidade reclama un maior uso do galego no sector téxtil do país, que ignora o seu vínculo con Galicia

Presentación do estudo, este mércores © Deputación de Pontevedra

A lingua galega atópase nunha situación “alarmante” dentro do sector téxtil galego. Así o destaca o libro ‘A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega'

A lingua galega atópase nunha situación “alarmante” dentro do sector téxtil galego. Así o destaca o libro ‘A lingua galega no sector téxtil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega’, baseado no traballo académico de Anabel Antela e coordinado por Xosé Bahamonde. A publicación foi impulsada pola Mesa Pola Normalización Lingüística co apoio da Deputación de Pontevedra.

No estudo, Antela analizou 16 marcas e grupos galegos cunha facturación de máis de 10 millóns de euros.  A autora destaca que todas elas utilizan o castelán como lingua vehicular da súa web, e aínda que todas son galegas, só as páxinas de Inditex (mais non a do grupo) permiten a utilización do galego. De 16 unicamente 7 citan o seu vínculo con Galicia e en ningún momento fan fincapé coa súa orixe galega, só citando a orixe do deseñador ou lugar de apertura. 

Anabel Antela, autora do estudo © Deputación de Pontevedra

Antela analizou 16 marcas e grupos galegos. De 16 unicamente 7 citan o seu vínculo con Galicia e en ningún momento fan fincapé coa súa orixe galega

“É preciso dar a coñecer estes referentes como galegas de maneira que ademais de ser coñecidos como grandes éxitos españois, o sexan tamén pola súa orixe”, salientou a investigadora na presentación da publicación, na que estivo acompañada pola responsable de Lingua da Deputación, María Ortega, e mais por Marcos Maceira, presidente da Mesa. A autora destacou que resulta "alarmante" a baixa presenza do galego en moitos ámbitos, especialmente no ámbito empresarial e en concreto nun sector, o téxtil, "que tantos éxitos leva protagonizado en Galiza".

O 95% considera "agradable" a utilización do galego, o 70% di que o seu emprego reforza imaxe de marca e o 60% afirma que un producto anunciado en galego induce á compra 

O estudo afondou tamén na relación que a mocidade establece coa lingua e co propio sector téxtil, destacando a "actitude positiva para o uso da lingua no sector" que amosaron nas respostas a unha enquisa realizada para a ocasión. Por exemplo, o 95% da mostra considera "agradable" a utilización do galego e o 70% di que o seu emprego reforza imaxe de marca. Así mesmo, o 60% afirma que un producto anunciado en galego induce á compra e o 95% considera necesario o fomento da lingua e a súa normalización.

Presentación do estudo, este mércores © Deputación de Pontevedra

"O mellor aval de que algo se produce en Galiza é usar o galego, o empresariado ten que ser consciente de que teñen un activo. Hai que dar prestixio ao galego”

O director do estudo e ex decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Xosé Bahamonde, destacou que o galego é fundamental para a "marca Galicia" e subliñou que a sociedade galega reclama máis o uso do idioma para coñecer a orixe dos productos que merca: “O mellor aval de que algo se produce en Galiza é usar o galego, o empresariado ten que ser consciente de que teñen un activo. Hai que dar prestixio ao galego”, di.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.