A oposición únese para pedir explicacións á Xunta polo "caos" da folga dos buses

Petición conxunta de Villares, Leiceaga e Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Os portavoces parlamentarios dos tres grupos da oposición, Luís Villares de En Marea, Xoaquín Fernández Leiceaga do PSdeG e Ana Pontón do BNG, asinaron este venres unha petición conxunta para que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, compareza de xeito urxente no Parlamento de Galicia para dar conta do conflito aberto polo seu plan para integrar as liñas de bus escolar coas regulares. O paro masivo de todo tipo de autobuses en Galicia os pasados martes e mércores a raíz da iniciativa da Xunta fai que os tres partidos falen de “caos” e situación “insostible” e esixan a Vázquez unha rectificación.

Villares, Leiceaga e Pontón piden conxuntamente a comparecencia urxente da conselleira de Infraestruturas no Parlamento para que dea conta do conflito aberto polo seu novo sistema de transporte

Foron os portavoces en materia de transportes dos tres grupos, Antón Sánchez de En Marea, Raúl Fernández do PSdeG e Olalla Rodil do BNG, os que este venres compareceron conxuntamente no Parlamento para presentar a inciativa conxunta dos tres grupos. Para Sánchez, a conselleira debe “rectificar” e apostar por un novo plan “participativo” e pensado con outra estrutura de país. Segundo o portavoz de En Marea, a situación actual é froito de “oito anos” de abandono e improvisación do PP. Para o socialista Fernández, “o dereito dos galegos de ter un transporte público está a ser obviado e non garantido” pola Xunta, que logrou pór en contra non só ao sector do transporte senón tamén ás nais e pais do alumnado. Pola súa banda, a nacionalista Rodil reclamou a paralización do plan e a apertura dun proceso negociado con todos os afectados. Desde a Xunta, a conselleira insistiu este venres en que o seu plan é “o único viable e legal”, pero admitiu que é posible incorporarlle “melloras”.

A folga convocada por CIG, UGT e CCOO de xeito indefinido para todos os martes e mércores está a contar coa comprensión da patronal, na que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo o foco este xoves. Ambos, sindicatos e patronal, consideran que a integración das liñas escolares coas regulares que pretende a Xunta suporá unha redución do número de servizos e, con ela, de empresas e postos laborais.

A portavoz de transporte do BNG, Olalla Rodil, na súa comparecencia acompañada polos seus homólogos de En Marea, Antón Sánchez, e PSdeG, Raúl Fernández Dominio Público BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.