A PAC que volve ameazar o agro galego

Gandeiros durante unha manifestación polo emprego rural © UUAA

A reforma da Política Agraria Común (PAC) volve ter pendente a Galicia. Labregos e gandeiros agardan a unha nova estratexia comunitaria para o campo que, no seu deseño inicial, volve discriminar o país, tal e como denuncian os sindicatos e tal e como llo manifestaron ao ministro Arias Cañete a pasada semana. Porque á espera de futuras modificacións, a UE pretende vincular o reparto de fondos á superficie das explotacións, o que prexudica con claridade un territorio como o galego, cunha base territorial moito menor.

A UE pretende vincular o reparto de fondos á superficie das explotacións, o que marxinaría a Galicia, cunha base territorial moito menor

Tanto o Sindicato Labrego Galego (SLG) como Unións Agrarias (UUAA) coinciden en alertar deste criterio de reparto das axudas baseado no número de hectáreas de cada explotación. O orzamento fixado pola UE ata 2020 sitúase en preto dos 50.000 millóns de euros que terán que ser repartidos polo Goberno central tras o acordo coas comunidades. A Conferencia de Agricultura e Desenvolvemento Rural, que se celebra entre este luns e martes en Madrid, será fundamental para que autonomías e Estado cheguen a un pacto, pero hai moito por resolver.

De seguirse o criterio aprobado en Europa -e co que o Executivo de Rajoy pretende seguir adiante-, Galicia seguiría tendo a contía en axudas por activo máis pequena de todo o Estado, sendo o sector lácteo un dos grandes prexudicados. Así, os sindicatos reclaman xa que se inclúan medidas correctoras para que as primeiras  hectáreas subvencionadas reciban unha prima respecto das seguintes. De non facerse así, Galicia sería duramente marxinada, xa que ten unha media de 15 hectáreas por explotación, fronte ás 30 do conxunto do Estado.

E é aquí onde xorde o outro gran problema. Mentres o ministro de Agricultura, Arias Cañete, teima en continuar coa situación actual, o 20% dos preceptores das axudas da PAC levan a maioría dos fondos comunitarios, tal e como denuncia o SLG, que xunto a UUAA solicita que se controle que estes fondos europeos cheguen a aqueles profesionais "que realmente viven da agricultura e da gandería" para que se deixe á marxe os propietarios de grandes extensións que non teñen como actividade efectiva o sector primario.

A duquesa de Alba, a familia Domeq ou Mario Conde son dos maiores beneficiarios de axudas comunitarias no Estado

E por que pode suceder isto? Porque no actual deseño da PAC estipúlase que para ser perceptor de axudas só é preciso que o 10% dos ingresos proveñan da agricultura, así como ter o 15% de UGM (Unidades de Gando Maior) por hectárea. Terreos inmensos que non se dedican a actividade agrogandeira ningunha, agás unha mínima que lles permita recibir subvencións que acaban cobrando grandes propietarios. "Un xeito inmoral de recibir axudas", como aclaran os sindicatos agrarios.

Ata o momento, os máximos perceptores de axuda en Europa son grandes terratenentes e empresas, tales como o príncipe Carlos de Inglaterra, Heineken, a tabacaleira Philip Morris, Basf, Nestlé ou Credit Agricole Bank. En España, a duquesa de Alba, a familia Domeq ou Mario Conde están tamén estre os maiores beneficiarios. No Estado, hai 910.000 perceptores de axudas da PAC, mentres os que cotizan á Seguridade Social Agraria son uns 350.000.

En España hai máis de 900.000 perceptores de axudas da PAC pero só 350.000 cotizantes á Seguridade Social Agraria

Ademais, a UE segue situando o tope nos 300.000 euros por axuda, ademais de deixar sen definir con claridade que é un agricultor activo. Os sindicatos agrarios vían nun límite máis pequeno -entre os 100.000 e os 60.000 euros- unha solución para limitar así o cobro destes fondos a labregos con medianas e pequenas explotacións que realmente teñan unha actividade profesional agraria, xeren postos de traballo e manteñan vivo o medio rural. Pero non parece que vaia cambiar, nin tan sequera na ida da progresividade das axudas que tamén propoñen as centrais labregas pero que non son escoitadas.

 

A fin das cotas lácteas

Outro dos maiores impactos que sufrirá o campo galego será tamén a fin do sistema de cotas lácteas a partir de 2015 e que suporá a desregularización do mercado do leite en Europa. Desde o SLG reclaman que se artellen outras medidas reguladores do mercado alternativas para que se garantan uns prezos dignos e lembra que máis do 80% dos ingresos das explotacións depende do prezo ao que cotiza o leite. UUAA lémbralle tamén ao Goberno central que o feito de que os gandeiros galegos teñan que comprar desde hai anos cota para poder producir debe ter unha compensación económica agora que terán que afrotnar un novo escenario que, se non hai cambios, volveraos deixar como os máis prexudicados.

Centos de gandeiros que investiron en comprar cota terán agora que competir endebedados contra explotacións que tiñan cota gratis

Durante moitos anos, centos de gandeiros de Galicia investiron moitos cartos en comprar cota e adquirir uns dereitos de produción que agora quedan en nada. Moitos destes traballadores soportan débedas que terán que seguir afrontando nun mercado liberalizado e no que competirán con explotacións que, como as francesas, tiñan cota gratis do Estado

Desde os sindicatos agrarios tamén se alerta do sector hortícola, con cada vez máis importancia no país, sobre todo entre a xente moza que se incorpora á actividade agraria. Detacan que, malia a súa importancia, non recibe ningún tipo de apoio na nova PAC, ao igual que no sector do viño, onde as limitacións impostas provocarían que ningún viñedo galego cobrae céntimo ningún.

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta
Gandeiros durante unha manifestación polo emprego rural © UUAA

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.