A patronal eólica advirte da perda de 1.600 empregos e ve "inaudito" mobilizarse contra o sector

Manel Pazo, presidente de EGA, na presentación do informe © EGA

A patronal advirte dunha crise no sector en Galicia que "non lle preocupa a ninguén" e dunha "parada" que fai que o país "perda a guerra da independencia enerxética"

A patronal eólica lamenta a "situación de parada" na que se atopa o sector en Galicia, onde "apenas se constrúe nada novo e sofre unha moratoria única en toda Europa". A Asociación Eólica de Galicia (EGA) presentou este martes un estudo do impacto económico e social do devandito sector en Galicia, elaborado por Deloitte e referido a 2020, no que advirte dunha crise que "a ninguén lle preocupa". 

"Perdemos 1.600 empregos mentres que noutras industrias a piques de perder centos, todos os axentes sociais e político se moven, incluído o Goberno de España", lamenta EGA, que cre que os datos "evidencian" que Galicia "está a perder a guerra da independencia enerxética, da inflación e por suposto da emerxencia climática". 

Parque eólico na Serra do Xistral CC-BY-SA M. Pereira

EGA di non entender "o rexeitamento" dalgunhas organizacións á eólica e dise "perplexa" ante as manifestacións contra esta enerxía no Día do Medio Ambiente

Dos datos do informe, EGA destaca que o sector supón unha contribución de máis de 489 millóns de euros ao PIB de Galicia, un 0,84% que é un retroceso respecto ao 0,9% de 2019. Tamén que supón 11 millóns de euros en rendas a propietarios ou que dá emprego a 5.435 persoas (1.951 de maneira indirecta) logo de perder 1.587 postos de traballo nun ano. Advirte de que aqueles municipios con presencia de eólicos perderon un 26% menos de poboación ou que se evitou nese ano a emisión de 5,2 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera que supuxo un aforro económico de 128 millóns de euros. 

"A eólica galega foi un caso de éxito nos tres últimos decenios, mentres que nos tres últimos anos, desde 2020, a potencia instalada foi case nula e a Xunta decretou unha moratoria de 18 meses para novso parque que se prolongará ata o 30 de xuño de 2023", explicaron nunha rolda de prensa onde interveu o seu presidente, Manel Pazo. Así, EGA considera que Galicia "está retrocedendo en todos os seus desafíos estratéxicos: enerxías renovables, custos enerxéticos, emprego industrial de calidade e cambio climático"

E engade que, ante esta situación, non entende "o rexeitamento dalgunhas plataformas e organizacións, porque non se está a construír nada desde hai un par de anos, cun horizonte igual de ermo". "Se o Día Mundial do Medio Ambiente celebrámolo cunha manifestación en contra dunha enerxía renovable, verde, limpa e alternativa como a eólica, no actual contexto de absoluta dependencia enerxética e prezos por riba dos 200 euros MW/h, a nosa perplexidade é aínda maior", di a patronal, que cre "inaudito" que a "única mobilización" no país esa xornada, o pasado 5 de xuño, fose a que denunciaba a proliferación eólica. 

Así, EGA demanda aos partidos políticos galegos "unha planificación clara" para que o sector "poida sber ata que punto Galicia aposta pola enerxía eólica, puidendo programar con criterio e seguridade xurídica os seus investimentos". "Hai doce anos, todos os grupos parlamentarios aprobaron engadir 2.500 MW aos existentes; e hoxe, ante unha alerta enerxética e climática demoledora, bótanse atrás e opóñense", di a patronal, que insiste en que "as enerxías renovables son a única soclución". 

Alegacións contra o proxecto de parque eólico en Monfero © Monfero di NON

"É incuestionable. En Galicia a eólica está madura porque dispoñemos dunha tecnoloxía avanzada e unha experiencia acreditada", di EGA, que cre que "un país non se pode permitir o luxo de confrontar ano a ano a política enerxética e a súa correspondente planificación. Menos aínda na actual conxuntura", asegura. 

A patronal, ademais, resume a sitaución actual do sector en Galicia cos datos de 2021, onde a potencia instalada foi de 3.897 MW (só 46 máis que en 2020), sendo a cuarta comunidade autónoma neste ránking, por detrás de Castilla y León, Aragón e Castilla-La Mancha. 

En Galicia había en 2021 187 parques en explotación que xeraron 9.559 GWh, algo menos que en 2020, que sitúa o país como a terceira comunidade e cunhas cifras que equivalen ao 39,5% da xeración eléctrica e ao 54,6% da demanda eléctrica total da comunidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.