A patronal únese finalmente ao acordo para prorrogar os ERTE ata o 31 de xaneiro

Yolanda Díaz e José Luis Escrivá, cos representantes de CC.OO, UGT e da patronal CEOE, na xuntanza sobre a prórroga dos ERTE © Ministerio de Traballo

As patronais únense ao acordo e avalan o Goberno central na prórroga dos ERTE logo dunha negociación ata última hora e que durou ata a pasada noite. As organizacións empresariais deron finalmente o seu visto e prace á extensión dos expedientes de regulación temporal de emprego ata o vindeiro 31 de xaneiro, unha medida que foi aprobada este martes no Consello de Ministros. 

O acordo eleva as exoneracións das cotas empresariais no caso dos ERTE de rebrote

A CEOE decidiu sumarse ao preacordo que alcanzaran o luns o Goberno central e os sindicatos CCOO e UGT tras a reunión, este martes, do seu comité executivo. O acordo eleva as exoneracións das cotas empresariais no caso dos ERTE de rebrote, aqueles que as empresas poden presentar no caso de que a súa actividade sexa afectada por restricións impostas polas autoridades, o que abre as posibilidades a sectores máis aló da turismo, como o comercio e a hostelería. 

Un camareiro nun local de hostelería Dominio Público

Así, estas exoneracións serán a partir do 1 de outubro do 100% cando se impida a actividade da empresa se esta ten menos de 50 empregados, e do 90% se ten máis de 50. 

No caso de que as decisións das administracións limiten a actividade, as exoneracións empresarias para os traballadores afectados por este tipo de ERTE, con efectos retroactivos do 1 de setembro, serán do 100% en outubro, do 90% en novembro, do 70% en decembro e do 60% en xaneiro no caso de empresas de menos de 50 traballadores. Nas que superen esa cifra, as exoneracións irán do 90%, 80%, 60% e 50% entre outubro e xaneiro. 

O acordo prevé que o persoal contratado a tempo parcial e o fixo discontinuo cobre o 100% da prestación por desemprego, ademais de manter o 'contador a cero' nas prestación dos ERTE

Os ERTE dos sectores incluídos gozarán de exencións de cotas do 85% por cada mes entre outubro e xaneiro no caso de que a empresa tivese antes da chegada da pandemia menos de 50 traballadores, e do 75% se tiña máis. Ademais, estas exoneracións tamén serán aplicables a empresas que, sen pertencer a estes sectores, si dependan deles ou se atopen na súa cadea de valor. 

O preacordo prevé que os traballadores a tempo parcial e os fixos discontinuos cobren o 100% da prestación por desemprego, ademais de manter o contador a cero nas prestación dos ERTE, que serán do 70% da base reguladora aínda que superen os seis meses. Tamén se prevé abrir unha negociación para protexer os empregados temporais afectados por un ERTE e que acabaron no paro pero non teñen dereito a prestación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.