A "recuperación económica" pregoada polo PP repuxo só 1 de cada 10 empregos perdidos

Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

Numerosos dirixentes e cargos do Partido Popular enunciaron nos últimos meses o discurso da recuperación económica. "España constitúe un exemplo na saída da crise", afirmou Núñez Feijoo en varias ocasións, de igual xeito que sinalou que "pouco a pouco consolídase a recuperación”. Atopamos declaracións semellantes nas intervencións de Mariano Rajoy, que recentemente sinalou que "a recuperación económica chega a cada vez máis xente", ou nas do ministro Luis de Guindos.

Efectivamente, a economía española está crecendo a un ritmo anual do 3%, un crecemento que en Galicia se reduce ao 1,6%. Tamén está evolucionando de forma positiva o número de persoas desempregadas, dende a taxa do 25,7% que chegou a acadar en España en 2013, ata o 22,4% que rexistrou a Enquisa de Poboación Activa do segundo trimestre, unha cifra que en Galicia é algo inferior (20%).

Dende xuño de 2013 a xuño de 2015 recuperáronse só 18.684 empregos (ata os 898.384), apenas un de cada dez (o 10,19%, exactamente) perdidos durante os anos máis duros da crise

Porén, a mellora experimentada pola economía nos últimos dous anos tivo un efecto moi cativo na creación efectiva de emprego, que ten nos datos de afiliacións á Seguridade Social o seu indicador máis fiable. A crise acabou entre 2007 e 2013 con 183 mil postos de traballo en Galicia, pasando das 1.061.746 persoas ocupadas ata as 878.347. Dende xuño de 2013 a xuño de 2015 recuperáronse só 18.684 empregos (ata os 898.384), apenas un de cada dez (o 10,19%, exactamente) perdidos durante os anos máis duros da crise.

O número de traballadores e traballadoras de menos de 35 anos se reducise dende os 385.411 de 2007 ata os actuais 215.546, unha caída do 44%

O panorama é moito máis negativo se analizamos a situación das xeracións máis novas, dos e das menores de 35 anos. O constante envellecemento da poboación residente en Galicia, cun inexorable enfraquecemento dos chanzos inferiores da pirámide poboacional, a emigración da mocidade e a dificultade da xente nova para atopar un emprego fixeron que o número de traballadores e traballadoras de menos de 35 anos se reducise dende os 385.411 de 2007 ata os actuais 215.546, unha caída do 44%. Un descenso que nos últimos dous anos freou a súa intensidade, pero non se detivo.

Número total de traballadores e traballadoras en Galicia (2007-2015). Fonte: INSS

Número de traballadores e traballadoras en Galicia menores de 35 anos (2007-2015). Fonte: INSS

 

A evolución do emprego, por cidades

Ferrol e Vigo (e as súas comarcas) son as cidades que máis sufriron as consecuencias da crise, cunha destrución do 22,6% e do 19,8% dos seus empregos dende xuño de 2007

Analizando a evolución do emprego por cidades e comarcas, reprodúcense as mesmas dinámicas sinaladas para o conxunto de Galicia (forte destrución de emprego dende o 2007, tímida recuperación dende o 2013 e unha alarmante redución de traballadores e traballadoras menores de 35 anos) aínda que con intensidades diferentes en cada lugar.

Así, Ferrol e Vigo (e as súas comarcas) son as cidades que máis sufriron as consecuencias da crise, cunha destrución do 22,6% e do 19,8% dos seus empregos dende xuño de 2007. A Coruña (15,72%), Ourense (15,41%) e Pontevedra (14,31%) roldan a media galega (15,4%), o mesmo que importantes comarcas coma o Salnés (15,6%) ou o Morrazo (14,9%). Compostela (10,97%) e Lugo (9,41%), o mesmo que o Barbanza (12,67%) presentan unha menor destrución acumulada de empregos, con cifras moi importantes, en calquera caso.

As porcentaxes adoitan ofrecer unha visión un tanto aséptica da realidade, que se cadra non amosa unha imaxe suficientemente clara do problema: na cidade de Vigo traballan hoxe 25 mil persoas menos que en 2007, unha caída que na Coruña, por exemplo, é de máis de 15 mil persoas. As outras cinco cidades perderon ao redor de 5 mil postos de traballo, e nunha comarca coma O Salnés traballan hoxe 7 mil persoas menos que antes da crise.

Na cidade de Vigo traballan hoxe 25 mil persoas menos que en 2007, unha caída que na Coruña, por exemplo, é de máis de 15 mil persoas

É certo que nos dous últimos anos cesou esta destrución de emprego, e mesmo se iniciou unha leve recuperación. Porén, o número de postos de traballo creados é aínda ridículo, se o poñemos en perspectiva. As 18 mil novas afiliacións rexistradas no conxunto de Galicia significan unicamente 800 novos postos de traballo en Lugo, 700 en Vigo ou Pontevedra, 500 na Coruña ou Compostela, manténdose estancada Ferrol e continuando o descenso en Ourense. Salnés, Morrazo ou Barbanza si presentan ritmos de recuperación algo superiores, pero aínda moi lentos.

En 2007 había en Ferrol 8.163 traballadores menores de 35 anos, hoxe son 3.595. As cifras son igualmente alarmantes noutras urbes: Vigo ou A Coruña perderon case a metade dos seus traballadores e traballadoras novas

A crise afectou especialmente ao número de traballadores e traballadoras menores de 35 anos, que descendeu en todas as cidades entre un 40 e un 50 por cento (e mesmo nun 56% en Ferrol). En 2007 había na cidade departamental 8.163 traballadores menores de 35 anos, hoxe son 3.595. As cifras son igualmente alarmantes noutras urbes: Vigo (de 44.563 a 22.446) ou A Coruña (de 33.080 a 18.180) perderon case a metade dos seus traballadores e traballadoras novas. Neste caso, ademais, a recuperación non chegou, nin sequera de forma tímida. Dende o 2013 o número de homes e mulleres de menos de 35 anos afiliadas á Seguridade Social en Galicia seguiu descendendo: 12 mil menos, que se unen aos 158 mil empregos de xente nova perdidos nos anos anteriores.

Oficina de emprego nunha vila galega CC-BY-SA Merixo
Persoas agardando para deixar un currículo nunha feira de emprego en Vigo © Empregalia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.