A Xunta autoriza a Erimsa a extraer cuarzo de 1.160 hectáreas de uso agrícola en Frades

Parcela tipo sobre a que actuará o proxecto de Erimsa en Frades incluída na documentación do seu proxecto © Erimsa

O Goberno galego converte en obriga a proposta da empresa de só actuar previo acordo cos propietarios, aos que deberá devolver os terreos con máis espesura de terra vexetal da que propuña

A Consellería de Medio Ambiente vén de emitir a declaración de impacto ambiental coa que autoriza á empresa mineira Erimsa a extraer cuarzo de 1.160 hectáreas de uso agrícola en Frades polo procedemento de cribado ou peneirado da terra. A empresa propuña actuar só en terreos nos que chegase a acordos cos propietarios para alugarllos e devolverllos posteriormente aptos novamente para uso agrícola ou gandeiro, e agora a Xunta converte ese requisito en obriga. Esta autorización a Erimsa súmase a outra previa para outras 200 hectáreas en Mesía outorgada hai dous anos e contrasta coas negativas que a empresa vén recibindo para explotación similares na Terra Cha

Esquema do procedemento de cribado para a obtención do cuarzo no proxecto de Erimsa para Frades © Erimsa

O proxecto agora autorizado a Erimsa en Frades, nas proximidades de onde xa opera unha canteira convencional, consiste en cribar progresivamente diversas parcelas para extraer delas cuarzo a un ritmo medio dunhas 39 hectáreas ao ano durante 30 anos. Segundo a empresa, a secuencia de explotación progresiva suporá traballar en superficies de entre 200 e 300 metros cadrados “que se van restaurando conforme se explotan”.

Ademais de converter en obriga a proposta da empresa de só actuar en terreos previo acordo cos propietarios -renunciando así “ao dereito de expropiación forzosa que a lei outorga aos titulares dunha concesión mineira”, segundo lembra a Xunta-, o Goberno galego tamén lle fixa diversos condicionantes ambientais de protección de ríos ou espazos con vexetación frondosa. E fronte á proposta da empresa de devolver os terreos aos seus propietarios ao remate da súa explotación cunha capa superior de terra vexetal de 15 centímetros, a Xunta esíxelle que teña unha espesura de 25-30 centímetros “de maneira que se garanta o axeitado desenvolvemento radicular e implantación das especies herbáceas que se pretenden sementar”.

Varios dos condicionantes ambientais que a Xunta fixa a Erimsa para a explotación de terras agrícolas en Frades CC-BY-SA Xunta de Galicia

A empresa cuantificou en 8 os novos postos de traballo que creará 

Segundo a documentación exposta ao público hai un ano para obter a actual autorización ambiental, a propia empresa cuantifica en 8 os novos postos de traballo que creará o seu proxecto e asegura que tras retirar de cada parcela o cuarzo que atope “o terreo se devolve ao seu uso tradicional, limpo de cantos e listo para poder destinarse de novo ao seu uso anterior”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.