Unha nova sentenza do TSXG confirma a paralización dos proxectos mineiros de Erimsa na Terra Chá

Manifestación contra as minas na Terra Chá © CAMTC

As portas péchanse para Erimsa na Terra Chá. A empresa con capital chinés e domiciliada en Noruega leva anos tentando avanzar nos seus proxectos mineiros de extracción de seixo en Vilalba, Abadín, Riotorto, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. Porén, a xustiza está a impedir unha e outra vez o desenvolvemento destas actuacións, que tamén contan cunha intensa oposición cidadá, encabezada polos propietarios de explotacións agrogandeiras, que se poderían ver moi prexudicados pola actividade mineira.

Erimsa buscaba a reactivación dun procedemento iniciado en 2008 e, polo tanto, caducado, para obter autorización para a súa actividade en territorio cospeitense

Nesta ocasión o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de ratificar nunha sentenza a paralización do proxecto que Explotaciones de Rocas Industriales y Minerales SA (Erimsa) pretendía levar a cabo no termo municipal de Cospeito, confirmando os ditames feitos públicos hai 12 meses polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Lugo e dándolle a razón ao propio Concello de Cospeito, oposto frontalmente ao proxecto mineiro.

Manifestación contra as minas na Terra Chá © CAMTC

A sentenza deixa claro que a empresa non subsanara deficiencias tan relevantes como a falta de informes sectoriais favorables por parte de varios departamentos da Xunta

Erimsa buscaba a reactivación dun procedemento iniciado en 2008 e, polo tanto, caducado, para obter autorización para a súa actividade en territorio cospeitense. Porén, a sentenza deixa claro que a empresa non subsanara deficiencias tan relevantes como a falta de informes sectoriais favorables por parte de varios departamentos da Xunta, comezando pola Consellaría de Medio Ambiente. O ditame, que lle impón as custas do xuízo á empresa mineira, considera incuestionable que o expediente de autorización autonómica previa rematou nunha resolución firme desestimatoria.

Esta nova sentenza contraria súmase ás ditadas no ano 2016, onde se lle denegaba a licenza municipal para as concesións Alicia e Karles, en Castro de Rei e Cospeito, previa denegación da autorización autonómica. E tamén aos ditames que no ano 2013 impediron a pretensión da compañía de que lle foran concedidas por silencio administrativo as licenzas administrativas para a explotación do seixo da zona.

Erimsa obtivo tres concesións mineiras a finais do ano 2006 para extraer seixo en varios municipios chairegos e solicitou as licenzas de actividade, levando a unha forte oposición veciñal e dos gobernos municipais da zona

Erimsa obtivo as concesións mineiras Karles, Alicia e A Pastoriza a finais do ano 2006 para extraer seixo en diversos municipios chairegos. Estas concesións afectan case 6.000 hectáreas de alto valor agronómico nos concellos de Vilalba, Abadín, Riotorto, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. No ano 2008 Erimsa solicitou as licenzas de actividade, levando a unha forte oposición veciñal e dos gobernos municipais da zona. A raíz deste rexeitamento, formouse a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, cuxo obxectivo foi manter informada a veciñanza sobre as consecuencias da explotación mineira e iniciar unha loita que, case quince anos despois, segue desenvolvéndose nos tribunais con estas sentenzas.

Nestes anos a Comision contra as Minas na Terra Chá solicitou reiteradamente á Xunta a declaración de caducidade das concesións mineiras

Nestes anos a Comision contra as Minas na Terra Chá solicitou reiteradamente á Xunta a declaración de caducidade das concesións mineiras. Porén, a día de hoxe seguen en vigor "dun xeito totalmente irregular", lembra o Sindicato Labrego Galego, moi activo dende hai anos na oposición a estes proxectos extractivos. A Comisión celebra "esta nova victoria xudicial" e volve demandarlle á Xunta que "declare definitivamente a caducidade das concecións para rematar con este pesadelo".

Imaxe de Erimsa sobre o tipo de extracción de minerais que realiza en terras agrícolas © Erimsa

Proxectos mineiros de Erimsa na comarca de Ordes

A empresa tamén está a poñer en marcha proxectos en Frades e Mesía

Mentres que na Terra Chá os intentos de Erimsa para desenvolver novas explotacións mineiras están a fracasar, a empresa tamén está a poñer en marcha proxectos semellantes na Comarca de Ordes, especialmente en Frades e Mesía. 

Hai ano e medio a Xunta autorizou a Erimsa a extraer seixo de 200 hectáreas de uso agrícola en Mesía e recentemente a empresa solicitou extraer cuarzo doutras 1.160 hectáreas de uso agrícola en Frades. A empresa di comprometerse a actuar só previo acordo cos propietarios das parcelas, que mercará ou alugará para despois devolvelas novamente en condicións de explotación agrogandeira.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.