O vicepresidente económico di que en 24 obrigouse a reducir a potencia, co que os MW autorizados pasan dos 2.200 validados nas avaliacións ambientais aos 1.961 que agora reciben a autorización de construción, o que supón o 50% do xa instalado
O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, informou este mércores no Parlamento de que o seu departamento vén de conceder autorización administrativa previa e de construción a 75 dos 77 parques eólicos que en xaneiro xa recibiran a autorización ambiental da Consellería de Medio Ambiente. Segundo Conde, 24 deles terán finalmente menos potencia do previsto, co que os MW autorizados pasan dos 2.200 validados nas avaliacións ambientais de xaneiro aos 1.961 que agora reciben a autorización de construción. Unha cifra que supón o 50% dos 4.000 MW que hai xa instalados en Galicia.
Ademais destes parques competencia da Xunta, o Estado tamén validou ambientalmente en xaneiro outros 7 proxectos que suman outros 712 MW.
Se o 25 de xaneiro era a data que tiña a Xunta para resolver a tramitación ambiental de todos os proxectos que lle presentaran os promotores, momento no que realizou a principal criba autorizando 77 e denegando polo seu impacto outros 43, agora, tres meses despois, había un novo fito. Desta volta o que tiña que analizar o departamento de Industria da Xunta, dependente da vicepresidencia económica, eran cuestións técnicas e resolver sobre a autorización final dos proxectos, proceso no que só quedaron polo camiño dous parques.
Ademais, segundo Conde, en 24 parques dos agora autorizados “obrigouse aos promotores a reducir a potencia con respecto ao proxecto inicial para que se axustasen aos requirimentos técnicos, medioambientais e patrimoniais necesarios”.

As empresas teñen aínda dous anos para poñer en marcha os seus proxectos antes de perder os permisos de conexión
Como xa pasou coas autorizacións ambientais, as agora outorgadas non significan que todos os proxectos acaben finalmente construídos. Agora as empresas deben obter outras licenzas parciais e terán aínda dous anos para poñer en marcha os seus proxectos, prazo no que se non o fan perderán o permiso de conexión á rede eléctrica e deberán reiniciar os trámites.