O anteproxecto de lei de Emprego Público está aprobado. A Xunta de Galicia fixo valer o seu voto de calidade para sacar adiante a tramitación dunhas propostas que provocaron unha gran contestación no colectivo de empregados públicos. Segundo apuntou a Praza o responsable da CIG Autonómica, Fernando García, o encontro de hoxe non foi "unha negociación" xa que "a Comisión de Persoal non está para negociar". Antes da reunión, García xa daba por feito o desenlace: "estará aprobado". Iso si, apuntou que as mobilizacións ían continuar por toda Galicia.
E así foi e así será. Aprobado o anteproxecto, as sete cidades galegas acollerán este xoves concentracións dos empregados públicos para reclamar a retirada de "todas" as medidas. O texto será aprobado no Consello da Xunta, salvo cambios de última hora cos que as centrais sindicais non contan. O director xeral de Función Pública, José María Barreiro, deu por terminadas as negociacións. Todos os sindicatos votaron en contra.
Malestar sindical
Os catro sindicatos da función pública, que están a levar a cabo mobilizacións de maneira conxunta, non ocultaron o seu malestar ante as informacións que negaban que os traballadores tiveran presentado unha alternativa ás medidas, como recolleu Praza Pública. "Son mentiras", condenaron desde o sindicato nacionalista. "Queremos transmitirlle tanto ao presidente da Xunta coma a cidadanía que existen alternativas onde non só se pode, senón que se debe, recortar e que lle darían a Xunta moito máis dos 80 millóns de euros que buscan", dicía o escrito presentado no Rexistro da Xunta de Galicia e entregado polos propios sindicatos. As centrais condenan que "outra vez se intente desvirtuar a imaxe do empregado público".
Cambios na proposta
Os cambios que introduciu a dirección xeral de Función Pública no anteproxecto, que suavizan a proposta inicial en materia de baixas laborais, non serviron para anular as protestas dos empregados públicos. O Goberno galego "mellorou o texto inicial para ampliar os supostos nos que o Goberno galego completará o 100% do salario desde o primeiro día de baixa". Así, "aos xa previstos de enfermidade profesional, accidente laboral e maternidade, engadíronse os de intervención cirúrxica, hospitalización", reportou a Xunta en nota de prensa.
O resto das medidas non se modifican e, para a consellería de Facenda, axudarán a "non tocar" os salarios dos traballadores públicos.