A Xunta de Feijóo recupera en época electoral axudas para contratar parados nos concellos

Feijóo, con Francisco Conde nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

A Xunta decidiu recuperar en plena precampaña programas de cooperación cos concellos para a contratación de parados. No mesmo día, e tras o mesmo Consello, no que Feijóo anunciaba a data das eleccións autonómicas do 25 de setembro, o DOG publicaba a orde na que se establecían as bases para as "axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural". É o denominado Aprol rural, programa que destina case 7 millóns de euros a municipios con menos de 10.000 habitantes para a contratación de traballadores temporalmente para obras ou servizos de interese xeral e social e do que se beneficiarán 900 persoas desempregadas dunhas 250 localidades. 

No día que Feijóo anunciaba a data das eleccións, o DOG publicaba as bases das subvencións a concellos de menos de 10.000 habitantes para contratar 900 parados

Durante todo o mes de agosto, que foi o prazo establecido, as entidades locais levaron a cabo as súas solicitudes e houbo mesmo alcaldes que anunciaron as súas intencións en canto aos postos a cubrir coa subvención. A Consellería de Economía confirma que se "está a revisar a documentación e a conceder as dúas primeiras contratacións en cada concello do máximo das cinco previstas". Ademais, e desde ese momento, "comeza o prazo para a selección das persoas traballadoras desempregadas mediante oferta dirixida ao Servizo Público de Emprego de Galicia", un proceso que rematará no mes de novembro. 

En plena campaña, e durante este mes, a Xunta está a conceder os primeiros contratos e as oficinas de emprego chamando aos aspirantes

Xa que logo, e en plena campaña, a Xunta está a conceder as contratacións e as oficinas de emprego xa están a chamar os primeiros candidatos para ocupar os traballos e dos que se seleccionarán os 900 definitivos. Ao tempo, e tal e como destacan as bases, prémianse de entre os municipios incluídos aqueles con menor poboación aínda. Dos 258 concellos con menos de 10.000 habitantes en Galicia, 150 deles están gobernados polo PP, un detalle no que o candidato socialista á Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, reparou no debate da CRTVG cando criticou que Feijóo recuperase estas axudas xusto agora e, precisamente, en municipios onde o PP é maioritario. Todo, malia deixar fóra moitos máis desempregados galegos: algo máis de 60.000 persoas paradas poderán optar a estes contratos, fronte as máis de 170.000 que quedan fóra. 

60.000 persoas desempregadas de pequenos concellos poden acceder aos traballos, fronte ás 170.000 doutros que quedan fóra

Desde Economía, arguméntase que "o obxectivo fundamental desta medida é facilitar a mellora da empregabilidade dos traballadores desempregados a través da adquisición de experiencia profesional naquelas áreas de menor poboación e con menos oportunidades laborais para contribuír á fixación de poboación no rural". E insiste nese "obxectivo de fixar poboación evitando que se concentren as contratacións en determinados beneficiarios ou queden áreas sen atender" malia que, por exemplo, desde 2010, a maioría dos concellos con maior incremento no número de habitantes tiñan menos de 10.000 censados. 

A Xunta di que recupera estes programas de cooperación tras anos parados "ao dispoñer de fondos adicionais por cumprimento do déficit"

En canto ao momento elixido, e logo das críticas por outras medidas que a oposición cualifica de "electoralistas", a Consellería aclara que Aprol Rural é un "programa novo enmarcado na Axenda 20 para o Emprego" e que se "vén de poñer en marcha". "Convócase, tal e como se comunicou no seu momento, ao dispoñer a comunidade autónoma  de fondos adicionais por cumprimento do déficit", destaca, tras varios anos sen noticia destes programas de cooperación cos concellos. 

Este programa Aprol rural, da Consellería de Economía, forma parte dun grupo de catro ao que a Xunta destina unha partida de 15 millóns coa que aspira a que unhas 3.700 persoas en paro poidan ter "unha oportunidade" de incorporarse ao mercado laboral. O segundo programa, dirixido a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de vinte lanzadeiras de emprego, tamén se puxo en marcha neste verán. 

O Estado reduciu ao mínimo nos últimos anos os fondos que transfire ás autonomías para que os concellos contraten desempregados

O caso é que estes programas de cooperación cos concellos en forma de subvencións e axudas recupéranse tras anos paralizados e a pouco das eleccións e logo de que o Executivo central de Mariano Rajoy reducira até case eliminar os fondos que se transfiren ás autonomías para que, precisamente, os concellos poidan contratar demandantes de emprego. Dos 50 millóns de 2011 ao 1,3 deste pasado ano. Ademais, e tal e como lembra o técnico de Emprego Enrique Neguruela neste artigo, foi o propio Feijóo quen, ao pouco de chegar á xunta en 2009, suprimiu unha partida de 8,5 millóns que o anterior goberno bipartito establecera para que as entidades locais contratasen parados. 

"O PP recortou o programa de contratación das persoas paradas e reduciuno nun 88%. Agora, sen orzamento e tendo que facer unha ampliación de crédito, lémbrase de que hai unha medida consistente na contratación de persoas paradas por concellos e, despois de tela catro anos conxelada, recupéraa o día que convoca as eleccións para que poidan ser beneficiarios fundamentalmente os parados dos concellos onde goberna o PP", critica con dureza o ex asesor da Consellería de Traballo nun artigo, no que cualifica o momento e as formas deste programa de cooperación como "unha cacicada" e que destaca que se marxine os municipios de maior poboación nas axudas cando nin as cifras de desemprego non son diferentes segundo o número de habitantes. 

Feijóo, con Francisco Conde nunha imaxe de arquivo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.