A Xunta gaba a "enorme vantaxe" de ter empresas militares en Galicia "no actual contexto global"

O presidente Rueda visitando este martes a empresa Delta Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente Rueda reitera o apoio ás industrias de seguridade, defensa e aeroespaciais con 183 millóns públicos ata 2030

Ao mesmo tempo que parte do seu Goberno participaba este martes na misa da Translación na catedral de Santiago, na que o arcebispo Francisco Prieto volveu pedir a paz no mundo e protexer ás persoas máis fráxiles, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, gababa a "enorme vantaxe" de que "no actual contexto global" haxa en Galicia empresas militares. Así o dixo nunha visita en Nigrán a instalacións de Delta Vigo, onde reiterou o apoio da Xunta ás industrias de seguridade, defensa e aeroespaciais con 183 millóns públicos ata 2030.

O presidente Rueda visitando este martes a empresa Delta Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

Segundo Rueda, empresas galegas como Delta Vigo "contribúen a situar a Galicia como un referente no sector aeroespacial e da defensa". O presidente salientou a importancia de "estar preparados" en sectores punteiros como "a tecnoloxía de navegación aérea, o ferrocarril do futuro ou a defensa" pola "enorme vantaxe" que supón para os territorios no actual contexto global". Un contexto que non explicitou pero que a Xunta vén ligando coas oportunidades que supón a militarización da economía e as súas "crecentes oportunidades".

Nesa liña, o presidente salientou "entre outras medidas, a primeira iniciativa estratéxica de seguridade, defensa e aeroespazo de Galicia que se aprobou este verán". "Contará cun investimento público de 183 millóns de euros ata 2030, o que permitirá mobilizar 900 millóns de euros", lembrou a Xunta. 

O presidente Rueda visitando este martes a empresa Delta Vigo CC-BY-SA Xunta de Galicia

A aposta da Xunta pola militarización da economía chega ao tempo que o Goberno galego tenta aproveitar outros desastres globais -como o cambio climático, coa presentación de Galicia como "refuxio climático" para o turismo- ou locais -como o avellentamento da poboación, "nicho de mercado" para novas empresas-.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.