"Gobernar é servir a todas as persoas, especialmente as máis fráxiles", lembra o arcebispo

Cerimonia da Translación de 2025 © Arquidiocese de Santiago

Na Translación do Apóstolo, Francisco Prieto salienta que "non hai auténtico progreso se exclúe", mentres o presidente do Parlamento, delegado do rei, di que "ningunha ditadura vai ser nunca mellor que unha democracia por moi imperfecta que sexa"

O arcebispo de Santiago, Francisco Prieto, lembrou este martes aos responsables políticos que "gobernar é servir a todas as persoas, especialmente as máis fráxiles". Así o dixo na celebración da Translación dos restos do Apóstolo a Santiago, cuxa cerimonia de ofrenda implantada en 1646 pola monarquía española correu este ano por conta do presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como delegado de Felipe VI. Un Santalices que salientou que "ningunha ditadura vai ser nunca mellor que unha democracia por moi imperfecta que sexa".

En liña con diversas manifestacións públicas tanto súas como do seu antecesor, Julián Barrio, o arcebispo Prieto puxo o foco na súa homilía "na dignidade da persoa". Prieto salientou que "ningunha sociedade democrática pode sosterse sen cidadáns con conviccións fondas e sentido ético" e que "a fe non se impón ao espazo público senón que se ofrece como contribución ao ben común". 

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, delegado do rei na cerimonia da Translación deste 2025 © Parlamento de Galicia

O arcebispo lembrou que "Xesús corrixe a ambición de poder, sexa na Igrexa ou na vida pública" dicindo que "o que queira ser grande entre vós, que sexa o voso servidor". Por iso salientou que "gobernar é servir a todas as persoas, especialmente as máis fráxiles", poñendo "a centralidade da persoa na súa dignidade inalienable". Nesa liña, Prieto puxo o foco en problemas sociais mundiais como a guerra ou locais como a crise da vivenda ou as migracións, incidindo en que "non falamos de cifras senón de persoas" e que "non hai auténtico progreso se exclúe".

Pola súa banda, Santalices dedicou verbas na súa intervención aos incendios do pasado verán, os problemas de acceso á vivenda ou a necesidade de pensamento crítico entre a mocidade. Pero a liña central do seu discurso foi o diálogo e a convivencia tanto a nivel galego como estatal e internacional. 

Representantes dos gobernos galego e español na cerimonia da Translación deste martes CC-BY-SA Xunta de Galicia

Santalices insistiu en invitar o papa León XIV para o Xacobeo 2027

Segundo Santalices, ante a polarización política e as guerras "algúns poderían pensar que defender o espírito de diálogo e convivencia é unha mostra de debilidade". Porén, a súa aposta, retomando discursos recentes do rei Felipe VI, é "a defensa do multilateralismo fronte á multipolaridade" no internacional e a convivencia no interno. Nesa liña, o presidente do Parlamento dixo, ante a "crise de confianza que afecta á credibilidade das institucións", que "ningunha ditadura vai ser nunca mellor que unha democracia por moi imperfecta que esta sexa". 

Santalices tamén insistiu en que "sería unha honra" contar dentro dun ano, no Xacobeo 2027, "coa visita da súa santidade o papa León XIV". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.