O Ministerio de Pesca, Agricultura e Alimentación accedeu finalmente a "flexibilizar" os novos controis pesqueiros que fixa a UE. A reunión mantida este pasado luns entre a Secretaría Xeral de Pesca e representantes da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores (FNCP) e da Confederación Española de Pesca rematou cun acordo para "facilitar a aplicación da normativa comunitaria" que pon fin así ao amarre que a frota de baixura mantivo este pasado luns, no que tamén tiveron lugar numerosas protestas en diferentes portos de Galicia.
O pacto, segundo asegura Basilio Otero, presidente da FNCP, é "moi boa noticia" ao acoller "as dúas principais reivindicacións" do sector, as que se refiren á pesada de especies a bordo e á comunicación previa de chegada a porto.
O acordo flexibiliza a aplicación das dúas medidas máis polémicas: a pesada a bordo de cada especie capturada e o aviso da chegada a porto con catro horas de antelación
O novo Regulamento de Control da Pesca, que para as embarcacións de 12 ou máis metros de eslora empezouse a aplicar o pasado 10 de xaneiro, supuña a obriga de anotar xa a bordo todas as capturas por especie cando estas fosen inferiores aos 50 quilos, unha condición que a frota de baixura xa dixo que era "imposible" de cumprir, tanto pola dificultade para pesar con precisión mentres se faena no mar como a complicación para separar por especies no caso das embarcacións pequenas.
Agora, a Secretaría Xeral de Pesca acorda co sector que os erros ou omisións na estimación das cantidades no diario de a bordo "non constituirán unha infracción sempre e cando a declaración de desembarque recolla a cifra correcta de cantidades por especie", polo que dará instrucións aos servizos de inspección en control para aplicar esta decisión.
Os erros ou omisións na estimación das cantidades capturadas non serán infracción se a declaracións de desembarque é correcta
Ao tempo, España solicitará á Comisión Europea o vindeiro 26 de xaneiro que modifique o regulamento para que os erros para cantidades inferiores a 50 quilos por especie "non constitúan un incumprimento" e para que estes erros, mentres non se mude a norma, non sexan considerados infraccións graves.
Na reunión tamén se acordou que a anotación de capturas por operación de pesca será cumprida se se facilita polo menos unha vez ao día, antes da entrada a porto ou no lugar de desembarque.
Ademais, e respecto a outro dos asuntos máis polémicos do regulamento, a Secretaría Xeral de Pesca acordou coas confrarías que a notificación previa de chegada a porto levarase a cabo "no momento no que o buque poña rumbo" a el. Deste xeito, o prazo poderá ser máis breve que as catro horas de antelación que se establecían no regulamento, agás nos casos nos que existan prazos específicos ou haxa obriga de preaviso.
Os barcos deberán notificar previamente a chegada a porto no momento de poñer rumbo a el e non con catro horas de antelación
Con este acordo, o sector pon fin ás protestas polo momento, logo de que o pasado luns as mobilizacións contra este novo regulamento se estendesen por toda a costa galega, desde A Mariña ata as Rías Baixas, pasando pola Costa da Morte.
Coas bucinas soando simultaneamente e as lonxas pechadas, a frota de baixura deixou claro o seu rexeitamento a unha normativa que cren que pretendía aplicar a embarcacións pequenas condicións "imposibles de cumprir" para as pequenas e que convertían os barcos en "oficinas andantes", como explicou o patrón maior da confraría de Ferrol, Gustavo Chacartegui. ""Non nos negamos ao control, pero un control lóxico", dixo.