A Xustiza da UE avala o veto á pesca de fondo que ergueu o sector e a Xunta

Buque de pesca de altura, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Xunta

No outono de 2022 entrou en vigor o novo regulamento executivo pola que a Comisión Europea determinaba as zonas de pesca en augas profundas existentes e establecía unha listaxe de áreas con ecosistemas mariños vulnerables onde quedou limitada ou vetada a pesca de fondo. Son 87 "zonas sensibles" no nordeste do océano Atlántico onde se prohibe pescar para, segundo a UE, "protexer 57 ecosistemas mariños vulnerables" (EMV). 

A medida ergueu en Galicia un unánime rexeitamento, unha unidade en contra da decisión da Comisión Europea poucas veces vista e que xuntou nunha soa voz o PP coa oposición, a Xunta co Goberno de España e todos co sector. Contra un veto que, segundo cuantificara a Consellería do Mar, suporía un impacto de máis de 347 millóns para a frota afectada —directamente 200 barcos de capital galego, outros 900 de maneira indirecta e ata 4.400 tripulantes— e duns 816 millóns para a economía galega. 

Ecosistemas mariños considerados vulnerables (puntos brancos) en función de diversos criterios do ICES, unha das variables tidas en conta para o veto á pesca de fondo © ICES

O Goberno de España e varias entidades que agrupan mariñeiros galegos e asturianos presentaron senllos recursos contra a designación das zonas protexidas levada a cabo e o Tribunal Xeral da UE —en primeira instancia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE)— vén de emitir un ditame histórico que rexeita esta impugnación e avala a recente normativa

O Tribunal Xeral da UE rexeita os recursos de España e mariñeiros e avala o veto á pesca de fondo nas áreas protexidas

A Xustiza europea, xa que logo, dá o visto e prace ao veto á pesca de fondo en determinadas zonas vulnerables sinaladas pola Comisión, mantendo así o peche a estas artes —incluíndo a a de arrastre e o palangre de fondo— e confirmando que estas proteccións baséanse tanto na ciencia coma no dereito. 

Así, a sentenza indica que a designación dunha zona mariña vulnerable vén marcada pola presenza verificada ou posible de especies protexidas para garantir a súa protección fronte aos "significativos efectos adversos das artes de fondo en xeral", ben sexan fixos ou móbiles, como insiste o ditame. 

O tribunal non cre que a Comisión tivese a obriga de analizar o impacto de cada arte ou o impacto socioeconómico

Ademais, matiza que os mariñeiros españois non demostraron que o arrastre non supoña un risco para os ecosistemas mariños vulnerables

Porque, a pesar da insistencia do Goberno de España e do sector, o tribunal comunitario aclara que a Comisión "non estaba obrigada a apreciar a fraxilidade dos ecosistemas atendendo a cada tipo de arte utilizada", en referencia á diferenza que os recorrentes advirten entre o palangre empregado por eles (arte fixa) e o arrastre (móbil). 

Pesqueiro de arrastre ©

Aclara tamén o ditame que a Comisión tampouco tiña por que "avaliar as consecuencias das medidas de conservacións nas actividades pesqueiras e na vida económica e social". 

A sentenza lembra que a sostibilidade que se prevé coa regulación actúa a prol do ecosistema pero "tamén da viabilidade a longo prazo da pesca"

"Procede lembrar que o obxectivo de sostibilidade medioambiental a longo prazo das actividades pesqueiras constitúe un obxectivo fundamental da Política Pesqueira Común, cuxa consecución actúa a favor non só da protección do ecosistema mariño, senón tamén da viabilidade económica e social a longo prazo das actividades pesqueiras", lembra o Tribunal Xeral da UE. 

Alén disto, a sentenza aclara que non se demostrou que a Comisión excedese a súa marxe de apreciación ao utilizar unha determinada metodoloxía para establecer as zonas protexidas proposta no ditame do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM). 

Tamén que non se demostrou que a metodoloxía non fose a axeitada, que non puidese contribuír ao obxectivo de protección buscado nin que outra metodoloxía resultase máis eficaz para delimitar as zonas. 

"Perdemos todos"

O tribunal tamén desestimou as alegacións referidas á suposta ilegalidade do acto lexislativo que prevía a adopción do regulamento impugnado e lembra que a prohibición só se aplica á pesca con artes de fondo a unha profundidade igual ou superior aos 400 metros. 

Agora, contra a resolución do Tribunal Xeral pode interpoñerse un recurso de casación ante o TXUE, limitado ás cuestións de Dereito, nun prazo de dous meses e dez días a partir da notificación da resolución. 

Coñecida a sentenza, o sector pesqueiro galego reaccionou lamentando o ditame. En declaracións a Europa Press, o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, Sergio López, alertou dun "golpe importante" para os palangreiros galegos por unha decisión do Tribunal Xeral da UE que considera "inxusta" e que pon en risco a "viabilidade" do sector e mesmo o aboca á "desaparición". 

"Hoxe perdemos todos, palangreiros e todo o sector pesqueiro europeo", resumiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.