Máis dunha hora doutro quente debate, desta vez no Parlamento Europeo, sobre o veto á pesca de fondo que desde o pasado 9 de outubro se aplica en 87 caladoiros do nordeste Atlántico para protexer ecosistemas mariños vulnerables (EMV). Logo de que a pasada semana fose na Comisión de Pesca onde a Comisión Europea tratou de contrarrestar as duras críticas ao acto de execución, fundamentalmente desde os parlamentarios do Estado, desta vez foi no pleno onde volveu ratificar a normativa e lembrar que é unha aplicación derivada dun regulamento aprobado xa en 2016 polo Consello e a propia Eurocámara na que se incluíron "todas as artes de fondo, sen ningunha excepción".
"Pedimos varias veces a España detalles e información sobre o impacto exacto do veto no seu sector pesqueiro, pero ata agora sen éxito", dixo a comisaria Dalli
Así o dixo, Helena Dalli, comisaria de Igualdade, en representación do seu homólogo de Pesca, Virginijus Sinkevičius, aínda convalecente e ausente por unha doenza. Ela, como fixera o pasado luns Kestutis Sadauskas, director xeral da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca, non dubidou en censurar -de xeito máis ou menos velado- a actitude do Goberno de España e negar as críticas que desde o Estado lle chegan respecto das insuficientes consultas co sector, a falta de estudos científicos detallados ou mesmo dunha análise de impacto socioeconómico que, agora, reclama de volta ao Executivo de España. "Pedimos varias veces a España detalles e información sobre o impacto exacto que a normativa ten no seu sector pesqueiro, pero ata agora sen éxito", dixo.
Non foi o único reproche da comisaria logo dun tenso debate, con duras intervencións dun e doutro lado e unha división clara na Eurocámara que non se corresponde, nin moito menos, cos grupos parlamentarios ou coas afinidades habituais de cada partido.
Deputados liberais e de esquerda uníronse aos Verdes na defensa do veto fronte á posición de PP, PSOE ou BNG, aos que se uniron desde o PCP ata a extrema dereita
Mentres deputados e deputadas dos Verdes, liberais franceses, do Movemento 5 Estrelas italiano ou da Francia Insubmisa -do grupo da esquerda europea- defendían con vehemencia a aplicación do veto, na súa contra situáronse desde representantes da extrema dereita francesa e italiana e da ultradereita de Vox ata parlamentarios de IU e do PCP -ambos no grupo da esquerda europea-, ademais de PP, PSOE, BNG ou PNV.
Foron principalmente os representantes españois, franceses e portugueses -dalgúns dos Estados máis afectados pola normativa- os que insistiron en pedir a súa suspensión e unha "reavaliación". Mentres, a comisaria Dalli lembraba que o acto aplicado desde o pasado 9 de outubro "non muda nada do establecido en 2016, nin en canto ás artes de pesca nin en canto ás profundidades afectadas".
Na súa opinión, a nova normativa parte dun "equilibrio" entre a protección da economía e dos ecosistemas mariños e baséase nos datos científicos a partir dos que "os Estados enviaron" sobre a actividade pesqueira.
"Bruxelas e o ICES agardaron moitos anos a que se entregasen datos correctos por parte dos Estados membros", di a Comisión
Ademais, rexeitou con contundencia as acusacións de que non houbo consultas dabondo co sector ou os países máis afectados. "Hóuboas nos últimos dous anos, desde 2020, con convites a talleres por parte do ICES ou reunións regulares con organizacións estatais e operadores interesados... Por desgraza, non todos aproveitaron a ocasión de contactarnos e tanto a Comisión como estes actores debemos aprender disto", explicou.
"Bruxelas e o ICES agardaron moitos anos a que se entregasen datos correctos por parte dos Estados membros", dixo Dalli, que aclarou que unha vez que os tivo "non perdeu o tempo" en aplicar o regulametno porque o contrario sería "unha prórroga inxustificada".
Ademais, volveu asegurar que os datos científicos nos que se basea o veto serán revisados anualmente -a próxima revisión será en decembro e un posible cambio na listaxe de zonas vetadas chegaría a mediados de 2023- e aclarou que a intensidade da actividade pesqueira declarada polos Estados foi clave para determinar que áreas foron prohibidas á pesca de fondo. Respecto do impacto socieconómico, cargou contra o Goberno central. "Pedimos unha avaliación deste impacto a España porque só vemos cifras na prensa e moi variadas; estamos esperando por esas informacións concretas porque segue a resultar moi difícil cuantificar cal é o impacto exacto deste veto na frota", explicou.
A comisaria chegou a asegurar que Pedro Sánchez aclarara que os barcos afectados en España "poderían seguir traballando como de costume". "A Comisión Europea nunca cualificou de destrutiva a industria pesqueira", dixo respondendo a algunha afirmación, aclarando que a intención é a de "protexer as 87 áreas para que se recuperen e se volvan repoboar". "Queremos un océano saudable e sostible, que será a mellor proposta de futuro para as comunidades pesqueiras", engadiu.
"É lamentable atacar a medida; os armadores tiveron seis anos para prepararse unha vez aprobado o regulamento en 2016", reprochan os Verdes
Aí estivo o fondo do debate. Os europarlamentarios do grupo dos Verdes -e tamén algún liberal e de esquerda francés- insistían en que o veto á pesca nos EMV era, en realidade, en beneficio para os mariñeiros. "Defendemos os pescadores. Se seguimos pescando ao ritmo actual, non vai quedar nin un só peixe, crustáceo ou molusco dispoñible antes de 2050; dio a ONU e urxe actuar", dixo Younous Omarjee, de Francia Insubmisa, que pediu á Comisión "facer fronte ás presións e ameazas de España e Francia" contra a normativa.
"É lamentable atacar esta medida... Os armadores tiveron seis anos para prepararse unha vez aprobado o regulamento en 2016". "Cal é o drama? A medida é pertinente para os pescadores", dixeron desde os Verdes. "Deixemos de debater porque xa o fixemos; defendamos os mares porque así defendemos os pescadores e fomentamos a pesca artesanal e sostible", engadiu o eurodeputado italiano Dino Giarrusso.
Pola contra, os europarlamentarios da representación española volveron unirse contra o veto. O socialista e galego Nicolás González Casares volveu criticar "o exceso de celo" da normativa e pediu unha "reavaliación e suspensión do acto de execución". "É unha situación insostible; os pescadores non queren subvencións nin indemnizacións, senón saír a pescar", dixo tras alertar do "antieuropeísmo" que, segundo cre, estas decisións supoñen en Galicia.
"É unha situación insostible; os pescadores non queren subvencións nin indemnizacións, senón saír a pescar", di González Casares
Desde a bancada popular, Francisco Millán Mon acusou a Comisión de "traballar con brocha gorda e non con pincel fino", pediulle unha vez máis a "suspensión" do veto e a súa "revisión" o antes posible. O europarlamentario galego denunciou o "uso indiscriminado" de datos científicos, a "ausencia dunha avaliación de impacto socioeconómico" ou a "falta de consultas suficientes" que negou de novo a comisaria.
“Os mariñeiros da frota do pincho non se explican como non se presentaron antes alegacións para ser excluídos desta decisión”, lembra Ana Miranda
Pola súa banda, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, reclamou tamén a "suspensión urxente" dun veto que "é un desastre" e denunciou que "á Comisión Europea non lle importa a pesca". "Estamos a favor de preservar os recursos mariños e a biodiversidade, pero aquí non se tivo en conta o impacto social e económico, nin se tiveron en conta datos actualizados, nin se distinguiron as distintas artes", dixo. Con todo, engadiu un matiz, aludindo ás reivindicacións que lle foron trasladadas por mariñeiros da frota do pincho: “Non se explican como non se presentaron antes alegacións para ser excluídos desta decisión”.
Tamén foron moi críticos co veto á pesca de fondo deputados dos grupos da ultra e extrema dereita, italianos, franceses e tamén españois, que atacaron a UE e reclamaron mesmo a recuperación de competencias nas augas afectadas.
O eurodeputado de Vox Jorge Buxadé, en liña cos seus compañeiros, censurou o "fanatismo climático" que, segundo dixo, "cóbrase unha vítima máis, o sector pesqueiro" que, manifestou, é "un sector estratéxico que sofre un ataque máis" do que, denominou, "rede de burócratas" da UE. "Benvidos, aínda que sexa só por unha vez, ao sentido común", espetou ao resto de representantes españois. Todo entre reproches doutros eurodeputados que lembraron que a decisión sobre a protección dos EMV é "lexítima e democrática" porque foi aprobada polo Consello e a Eurocámara hai xa varios anos.