Respostas ao veto á pesca de fondo: prohibición coñecida que chega catro anos tarde e sen análise económica

Mariñeiros nun buque arrastreiro © Oceana

Desde este domingo 9 de outubro entra en vigor o novo regulamento executivo pola que a Comisión Europea determina as zonas de pesca en augas profundas existentes e establece unha listaxe de áreas con ecosistemas mariños vulnerables onde queda limitada ou vetada a pesca de fondo. Son 87 "zonas sensibles" no nordeste do océano Atlántico onde se prohibe pescar  para, segundo a UE, "protexer 57 ecosistemas mariños vulnerables" (EMV). 

A medida ergueu en Galicia un unánime rexeitamento, unha unidade en contra da decisión da Comisión Europea poucas veces vista e que xunta nunha soa voz o PP coa oposición, a Xunta co Goberno de España e todos co sector. Contra un veto que, segundo cuantifica a Consellería do Mar, suporía un impacto de máis de 347 millóns para a frota afectada -directamente 200 barcos de capital galego, outros 900 de maneira indirecta e ata 4.400 tripulantes- e duns 816 millóns para a economía galega. "Un golpe mortal", resume Rosa Quintana, a conselleira. 

Agás algunhas organizacións ecoloxistas e ambientalistas, como Greenpeace, poucas voces en España amosan un mínimo apoio a este veto que, segundo o Goberno de España, a Xunta e o propio sector, baséase nunha información científica "insuficiente e anticuada" e que "non ten en conta os efectos económicos e sociais" da prohibición. Con eses dous argumentos principais recorre o Goberno de España ante o Tribunal de Xustiza da UE o regulamento mentres desde San Caetano e o sector agardaron -sen éxito- por unha moratoria de dous meses á espera de convencer a Comisión para que teña en conta novos informes. 

Buque pesqueiro galego CC-BY-SA Xunta

O veto á pesca de fondo xorde dun regulamento comunitario de 2016 que se empezou a negociar en 2012 e que debeu ser aplicado en 2018

Pero o regulamento aplicarase desde xa e sobre el pairan aínda moitas dúbidas e preguntas. Coas voces de administracións e sector conxuntadas e contundentes desde hai semanas ante o evidente impacto económico e social, xorden tamén outras análises. Como a de Sebastián Losada, coruñés licenciado en Ciencias do Mar, asesor de Greenpeace Internacional para temas de conservación do medio mariño e membro da Coalición para a Conservación dos Fondos Mariños. Hai dúas décadas foi representante das organizacións ambientalistas europeas no Consello Asesor de Pesca da Comisión Europea e hai dez anos, asesor do Grupo Verde Europeo na Comisión de Pesca para a reforma da Política Común Europea de Pesca. A súa achega, xunto á do sector e doutras fontes coñecedoras das negociacións en Bruxelas, intentan deitar luz sobre a polémica medida.  

De onde vén o veto á pesca de fondo?

Xorde dun regulamento comunitario de 2016, que establece que non se poden usar sistemas de pesca que toquen o fondo mariño nunhas áreas determinadas e a máis de 400 metros de profundidade. Pero vén de algo antes, desde que desde principios deste século varios estudos alertaron da sobreexplotación de recursos costeiros, que provocou que as frotas optasen por caladoiros máis profundos, onde os peixes son máis vulnerables, afectando espazos claves pola súa importancia nos ecosistemas. Ademais, advertiuse dos danos dunha pesca de arrastre que bombea centos de millóns de toneladas de dióxido de carbono ao remover o sedimento mariño.  

Desde 2006, a ONU adoptou varias resolucións pedindo medidas para protexer os fondos mariños e na UE negociouse o Regulamento de Augas Profundas, aprobado finalmente en 2016 logo de varios anos de negociacións. Desde 2012, cando se levou a cabo a súa primeira lectura, e ata 2015, cando se reiniciou o procedemento, apenas se avanzou. A dilación mantívose ata que por fin foi aprobado o regulamento 2016/2336

Nel, prohíbese -xa desde aquela- o arrastre de fondo a máis de 800 metros para protexer os ecosistemas mariños vulnerables e establécense outras disposicións para que se sinalen e protexan os que se atopen en profundidades entre 400 e 800 metros. En definitiva, ordénase adoptar o acto de execución que entra en vigor este 9 de outubro e que tanta polémica ergueu, malia que chegou moito máis tarde do previsto. 

Virginijus Sinkevičius, comisario europeo de Pesca, durante unha visita a un porto danés © Comisión Europea

Unha demora de varios anos

Xa que logo, o regulamento aprobado en 2016 -que iniciara os trámites en 2012- ordenou que "a máis tardar o 13 de xaneiro de 2018" se identificasen esas zonas vulnerables e se elaborase unha listaxe onde aplicar o veto. Que se adoptase o acto de execución para aplicar a normativa, que foi o que a Comisión Europea publicou o pasado 15 de setembro para a súa implantación desde este domingo, case catro anos máis tarde do acordado. 

A superficie pechada, finalmente, foi de máis de 16.400 quilómetros cadrados e a decisión baseouse na opinión científica do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés), cuxos datos foron cruzados cos de actividades pesqueiras achegadas polos Estados membros da UE.

"Imos tarde, moi tarde. Hai unha década que se aprobou protexer os ecosistemas mariños vulnerables e limitar a pesca de fondo nestes espazos, pero primeiro tardou o regulamento e logo a súa aplicación", di Sebastián Losada, que durante a súa etapa en Bruxelas puido asistir, precisamente, á negociación sobre a normativa aprobada en 2016. Por iso, di, non entende que haxa quen aluda á "sorpresa" pola decisión ou a atribúa ás "présas". 

Que artes se vetan? Quen o aprobou?

Desde o sector pesqueiro, as administracións e todos os partidos políticos implicados insístese en que o veto agora aplicado abrangue todas as artes de fondo, non só o arrastre, e que iso supón incluír sistemas que non son tan daniños, ao estenderse sobre o leito pero non moverse, como o caso do palangre. 

O ICES aclara que non se avaliou ben o impacto das artes fixas, pero o regulamento de 2016, aprobado por España, xa advertía do veto ás "artes de fondo" en xeral

Así, inclúense no veto, as redes de arrastre, dragas, redes de enmalle de fondo, palangre de fondo ou nasas. O propio informe do ICES xa advirte de que os efectos do arrastre de fondo son de sobra coñecidos pero que hai "problemas" para avaliar o impacto dos sistemas de pesca fixos. "A pegada bentónica e os impactos destas artes tamén se descoñecen en gran medida", di un documento que os mariñeiros acusan de centrarse basicamente no arrastre para acabar afectando a moitos máis métodos de pesca.  

Esa inconsistencia e escaseza de datos no informe sobre o impacto doutras artes foi un dos argumentos que levou a Cepesca (Confederación Española de Pesca), a Alianza Europea de Pesca de Fondo (EBFA) ou a Federación Nacional de Confrarías de Pescadores, xunto coas administracións, a erguer a voz e as protestas e ao Estado a presentar un recurso ante o TXUE. 

Acción de Greenpeace contra un arrastreiro galego no Atlántico Norte, en 2004 © Greenpeace/Kate Davison

O caso é que esta normativa derívase do Regulamento 2016/2336, que hai seis anos, no seu artigo 9 parágrafo 9, xa advertía de que "se prohibirá a pesca con artes de fondo en todas as zonas incluídas na lista". "Desde aquela sabíase que se incluían todas as artes de fondo, non só o arrastre... Se cadra non sobraba delimitar máis os sistemas vetados ou deixar determinadas artes fóra, pero nada se fixo e o regulamento foi aprobado por todos os Estados", di unha fonte coñecedora daquela negociación. España, con dereito de veto no Consello, tamén votou a favor daquela, sendo presidente do Goberno Mariano Rajoy e Isabel García Tejerina ministra de Agricultura e Pesca. 

Ademais, a Comisión aclara que o CIEM emitiu o ditame requirido logo de varios anos de negociación e de reunións cos Estados membros para levar a cabo un "modelo científico sólido". Tamén advirte, na propia publicación da orde de execución, que "o Comité de Pesca e Acuicultura non emitiu ningún ditame no prazo establecido polo seu presidente" sobre este tema. 

A que profundidade? Rectificou a Comisión Europea?

Neste pasado xoves, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciaba en Vigo que a Comisión Europea lle confirmara por escrito "a non aplicación do regulamento sobre ecosistemas mariños vulnerables dos 0 aos 400 metros de profundidade". Iso supón, segundo dixo, que "a frota española de arrastre poderá manter a actividade en 41 das 87 áreas que foran vetadas". Unha "boa noticia", insistiu, que foi froito "do traballo conxunto do Goberno e do sector pesqueiro". 

O Estado advirte da "rectificación" da Comisión, que nega cambios: o regulamento da UE xa establecía o veto só "a máis de 400 metros de profundidade"

"En 41 das 87 zonas non será efectivo o veto comunitario á pesca de fondo", chegou a dicir o ministro, asumindo unha rectificación da Comisión Europea que esta mesmo negou á TVG pouco despois e máis tarde nas redes sociais: "Non hai cambio no regulamento, non houbo ningunha negociación"

Houbo rectificación? Non parece. A normativa de aplicación que se aplica desde este domingo aclara que as zonas sinaladas "estarán suxeitas ás normas establecidas no Regulamento 2016/2336, en particular no seu artigo 9, apartados 1 e 9". O artigo 9.9 é o que aclara a prohibición da "pesca con artes de fondo". O 9.1, sobre os "requisitos específicos" para protexer os EMV, especifica que "o presente artigo aplicarase ás actividades pesqueiras con artes de fondo a máis de 400 metros de profundidade". 

"Non hai ningunha rectificación nin nada mudou respecto do regulamento aprobado hai seis anos: non se aplica en zonas de menos de 400 metros de profundidade", explica unha fonte que asesora a Comisión de Pesca da UE. Xa que logo, e á espera de máis detalles, o Goberno de España só aclarou un aspecto xa fixado no regulamento vixente. A maioría da frota poderá seguir pescando naquelas áreas que dentro desas 41 zonas -que teñen polo menos un dos extremos lonxe do límite establecido- non sobrepasen os 400 metros de profundidade. Foi, en todo caso, unha "confirmación por escrito", como tamén dixo Planas. 

"O peche das 87 zonas só se aplica a partir dos 400 metros de profundidade, de modo que por riba desta profundidade permítese pescar a todas as artes, sexan de fondo ou de calquera outro tipo", dicía nun artigo en La Voz de Galicia María Ángeles Benítez Salas, directora da Representación da Comisión Europea en España. 

A Comisión, ademais, aclara que revisará a lista de zonas vetadas a través de novos informes científicos. O próximo será analizado a partir de novembro, pero non significa que o regulamento non se aplique xa. Así que acabe a análise dos novos datos, e se fose necesario, poderíase modificar a listaxe. 

O ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, co alcalde de Vigo, Abel Caballero, en Conxemar © Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación

O impacto socioeconómico sen avaliar

Tanto o sector como as administracións coinciden en sinalar outra eiva fundamental do acto de execución do regulamento que impón o veto á pesca de fondo desde este domingo: que se base en informes que non inclúen unha análise do impacto socieconómico e que este é, sobre todo en Galicia, moi duro. 

Certo. Non o hai. Por complexo que pareza de entender, tampouco se esixe. O Regulamento 2016/2336 non obriga a incluír un informe sobre o impacto socioeconómico. Outra cousa é que exista e sexa importante. Máis en Galicia, coa numerosa frota de pesca afectada nos seus peiraos.  

"Gustaríame ver o sector defender a protección dos fondos mariños e, en definitiva, o seu futuro. Desde 2012, ano na que a proposta sobre o regulamento de augas profundas foi levado por primeira vez á UE, ata agora no que se aplica por completo, pasou unha década. Dez anos nos que se estivo pescando en zonas onde, en teoría, non se debería ter traballado", lamenta Sebastián Losada, que insiste en que a normativa chega "con moita demora" e ao que lle sorprenden declaracións de cargos políticos ou partidos que aluden á "sorpresa" ou a unha decisión que os colleu "de imprevisto". Houbo, insiste, tempo para adaptarse a situación. Tamén para negociar, engaden outras voces. Colleunos a noite, disque.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.