O Instituto Galego de Estatística (IGE) sinala o maior peso das circunstancias do posto sobre o salario e os problemas para atopar candidatos coa preparación axeitada, que levan a CCOO a pedir á Xunta mellores políticas de formación
O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de facer pública unha nova entrega da súa enquisa periódica sobre postos vacantes nas empresas galegas, un estudo que reflicte que o 80%, en liña con anteriores entregas, non teñen postos vacantes porque non precisan ningunha persoa máis. O custo de contratación é, a moita distancia, co 13,3%, o segundo motivo polo que as empresas declaran non ter vacantes, mentres que en terceira posición sitúase, cun 9,17%, a falta de persoas demandantes con cualificación e formación axeitada. Un eido no que CC.OO. Galicia pon o foco para pedir á Xunta mellores políticas formativas.
Pero a enquisa do IGE pregunta tamén polos motivos polos que as empresas con prazas vacantes non puideron cubrilas. E a principal resposta, das varias que podía dar cada empresa, é, cun 31,48%, que as persoas candidatas non consideraron adecuadas circunstancias do posto laboral distintas das condicións económicas. Ese elemento, o salario, aparece moi por detrás, con só o 14,81% das empresas declarando que as persoas candidatas non aceptaron a súa oferta laboral polas condicións económicas.
Xunto con eses motivos para non poder cubrir as súas prazas vacantes, as empresas sinalaron nun 30,56% a falta de persoas candidatas con formación axeitada en xeral, nun 19,44% a falta de titulación superior relacionada con ciencias, tecnoloxía, enxeñaría ou matemáticas (STEM) e nun 5,56% a falta de preparación dixital suficiente.
Para CCOO a enquisa "corrobora o que levamos moito tempo dicindo: que as empresas deben facer máis atractivas as ofertas laborais, pero que hai cuestións tan importantes ou máis que o diñeiro"
Neste contexto, a secretaria de Organización e Políticas Públicas de CCOO en Galicia, Maica Bouza, asegura que as conclusións do estudo do IGE "desmenten as reiteradas queixas da patronal" sobre as vacantes laborais e deben levar á Xunta a "tomar nota" e "deseñar estratexias eficaces" para adecuar a formación ás necesidades reais das empresas e corrixir a situación.
No que respecta ao maior peso das condicións laborais sobre o salario para non cubrir unha vacante, para Bouza "corrobora o que levamos moito tempo dicindo: que as empresas deben facer máis atractivas as ofertas laborais, pero que hai cuestións tan importantes ou máis que o diñeiro".