"Houbo moito malentendido á hora de interpretar a lexislación da UE e cómpre deixar algunhas cousas claras", advertiu Kestutis Sadauskas, director xeral da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG MARE), no acalorado debate que este luns se viviu na Comisión de Pesca da Eurocámara polo veto á pesca de fondo que desde este domingo se aplica en 87 caladoiros do nordeste Atlántico para protexer ecosistemas mariños vulnerables (EMV).
A Comisión agarda máis datos científicos en decembro pero advirte de que non haberá unha revisión "automática" nin inmediata do veto á pesca de fondo
Ante o rexeitamento unánime ao veto, a petición da súa suspensión e as duras críticas á UE por parte dos europarlamentarios do Estado, o representante da Comisión Europea -en ausencia do comisario de Pesca, Virginijus Sinkevičius, por un ingreso hospitalario- non dubidou en reprochar a actitude de España e dos seus representantes, aos que instou a "traballar de maneira colectiva, abandonar o enfoque partidista e apostar por unha cooperación frutífera".
Así, e respecto da inclusión no veto a todas as artes de fondo e non só o arrastre, Sadauskas foi claro e lembrou que foron precisamente o Consello e o Parlamento quen en 2016 "decidiron incluír os palangreiros e todas as artes de fondo" no regulamento do que deriva o acto de execución aplicado desde este domingo, "opoñéndose á proposta da Comisión Europea daquela".
"Foi unha decisión deliberada e consciente do Consello [da UE, reunión dos ministros dos gobernos de cada Estado] e da Eurocámara e non é unha decisión política da Comisión, que só executa o que estes decidiron como colexisladores en cumprimento do regulamento de Augas Profundas", insistiu ante as queixas dos europarlamentarios de PP, PSOE ou BNG pola inclusión de todas as artes de fondo no veto. "Non temos marxe para facer distingos: non podemos prohibir só unhas artes porque non nolo permite o regulamento aprobado en 2016", continuou, deixando claro que foron os propios executivos -tamén o español- e a Eurocámara os que decidiron ampliar a prohibición da pesca máis aló do arrastre nas zonas determinadas.
A Comisión lembra que foi unha "decisión deliberada do Consello e da Eurocámara" incluír todas as artes de fondo no veto e que só se aplica o regulamento de 2016
O representante da Comisión, ante as críticas polas "présas" e as dúbidas sobre a necesidade de aplicar o acto de execución malia os atrasos acumulados e xusto antes da achega dun novo informe científico, foi tamén claro. "Esixíasenos que se activase en 2018, así que levamos catro anos de atraso; se agardamos por un novo ditame, o acto non se aplicaría de inmediato porque habería que poñer en marcha o proceso de consultas, o de emendas e examinar a documentación... Con sorte, situariámonos na primavera do ano que vén", dixo Sadauskas, que aclarou que ese novo ditame previsto será finalmente analizado o 16 de decembro e non en novembro como se advertira. En todo caso, aclarou de que "non levará automaticamente" a unha nova decisión, senón que abrirá un proceso que finalizaría, como minímo, a próxima primavera.
A Comisión non aforrou críticas, especialmente duras cara a España. Así, e respecto ás declaracións que cualificaban o veto de "sorpresa", foi directo: "Non estou de acordo en que digan iso porque as zonas onde se ía aplicar eran coñecidas desde xaneiro de 2021, hai máis de 18 meses", dixo Sadauskas, tras asegurar que desde a DG MARE estiveron "en consultas coas partes afectadas, preguntando que opinaban". "Pero non recibimos tanto feedback como nos tería gustado", insistiu.
A Comisión advirte dun "problema" cos datos de España e lamenta non ter recibido "tanta información como nos gustaría, nin do sector nin dalgún Estado"
Ademais, advertiu de que o Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES, polas súas siglas en inglés, cuxa opinión científica foi a base para decidir a aplicación do veto) atopou "un problema" cos datos achegados por España. "Agora si achegou algúns datos que serán analizados no vindeiro ditame", soltou.
En canto ás denuncias do sector de que o veto se basea en datos "obsoletos", lembrou que o ICES elaborou o seu ditame a partir dos que enviaron os Estados en 2019 e 2018 e que os dos anos vindeiros serán motivo de debate na seguinte análise. "Non recibimos tanta información como nos gustaría, nin do sector nin dalgúns Estados membros", insistiu.
"Nunca houbo más consultas, maior esforzo por facelas que con este regulamento; escoitamos a todo o mundo", responde ás críticas pola falta de diálogo co sector, ademais de defender a "transparencia" da Comisión porque "todo o mundo puido acceder á información científica".
Alén diso, e respecto ás queixas pola ausencia dun informe de impacto socieconómico do veto, a Comisión di que foi "a primeira vez" que o consello científico examinou a intensidade da pesca para decidir que caladoiros pechar, pero lembrou que non poden "basearse só en datos económicos". "O noso labor é traballar en base a informes científicos malia non ignorar que hai un efecto económico", insistiu.
Pero a maior crítica cara ao Goberno de España e as reaccións chegadas desde o Estado aínda estaba por chegar. O pasado xoves, o ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, anunciaba en Vigo que a Comisión Europea lle confirmara por escrito "a non aplicación do regulamento sobre ecosistemas mariños vulnerables dos 0 aos 400 metros de profundidade". O que supoñía, segundo dixo, que "a frota española de arrastre poderá manter a actividade en 41 das 87 áreas que foran vetadas".
"En España entendeuse que se aplicaría o veto por riba dos 400 metros, así que o número de pescadores afectados será moito menor do considerado nun principio"
"Nunca se decidiu pechar as augas dunha profundidade menor aos 400 metros; un Estado tratou de aclarar nas instancias que corresponde isto e comprácenos constatar que se limitou a un único Estado membro o malentendido agora aclarado", dixo con ironía, lembrando que "o acto de execución non mudou nin un ápice o que pon o regulamento de 2016 e a Comisión non introduciu cambio ningún ultimamente". "En España entendeuse que se aplicaría o veto por riba dos 400 metros de profundidade, así que o número de pescadores afectados será moito menor do considerado nun principio", engadiu.
Por último, e ante a petición de axudas ás embarcacións e tripulacións afectadas polo veto, Sandauskas advertiu dalgunha opción pero tamén da "imposibilidade de axudas directas" e instou os Estados a "modernizar o sector para que sexa menos vulnerable ante este tipo de situacións" e lograr que "estean mellor fornecidos cando haxa que protexer os ecosistemas".
"Se ven o mapa, fai case falta un microscopio para atopar as zonas afectadas polo veto. Son rexións mínimas, ínfimas e que non representan tantas oportunidades de pesca", chegou a dicir, logo de lembrar que no último debate no Consello de Pesca "só houbo un Estado que se opuxo" á aplicación do regulamento. "Os demais dixeron que necesitaban que puidese ser emendado se hai novos datos científicos e iso é o que se fai", concluíu.
"É un veto inxusto e desproporcionado; un golpe da burocracia e da ignorancia que pretende arruinar a pesca galega", dixo Ana Miranda (BNG)
As respostas do representante da DG MARE chegaron tras as duras críticas de varias europarlamentarios do PP, o PSOE ou o BNG, todos eles unidos na petición de suspensión do acto de execución. A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, que amosou un aparello do palangre na tribuna, acusou a Comisión de "descoñecer as consecuencias" en Galicia dun veto que cualificou de "inxusto e desproporcionado" e un "golpe da burocracia e a ignorancia". "Pretenden arruinar a pesca galega", dixo quen solicitou acceso a todos os informes e unha aclaración sobre "as zonas afectadas e as que non".
Desde o PP, Gabriel Mato acusou a Comisión de ditar un acto de execución "da peor maneira e no peor momento" e de "estar lonxe de defender os intereses dos pescadores". Ademais, o seu compañeiro no partido, o galego Millán Mon, pediu unha "rectificación" ante a "aplicación indiscriminada" do informe do ICES. "Os mariñeiros son máis ecoloxistas que ninguén, pero séntense maltratados por Europa e razóns non lles faltan", engadiu.
"Se as áreas son tan microscópicas como di, para que as pechan?", retrucou González Casares (PSOE) ao representante da Comisión
No PSOE, o eurodeputado galego Nicolás González Casares, criticou que a Comisión fose "a dar unha reprimenda" e amosouse "preocupado" por que en Galicia "se fale mal de Europa". "É culpa das decisións da Comisión", dixo sobre un veto no que cre que hai "unha grande arbitrariedade" sen "unha verdadeira consulta ao sector pesqueiro". "Aboca á destrución de milleiros de empregos", lembrou, en coincidencia coa súa compañeira Clara Aguilera. "Se as áreas son tan microscópicas como di, para que as pechan?", preguntoulle a Sandauskas.
Todos os europarlamentarios que interviñeron na Comisión criticaron a aplicación do veto agás unha, a francesa do grupo dos Verdes Caroline Roose. "Hai seis anos, o Parlamento e o Consello aprobaron o regulamento que di, claramente, que a Comisión ten que aprobar un acto de execución para prohibir a pesca de fondo nas zonas determinadas. A Comisión só fixo o seu traballo e tivemos seis anos para prepararnos. É unha medida totalmente razoable que nos piden os científicos desde hai anos", dixo.