As novas exixencias de control pesqueiro impulsadas pola UE, e que entraron en vigor o pasado 10 de xaneiro, teñen en pé de guerra a frota galega, que para este luns nunha xornada de protesta que inclúe diversas mobilizacións ou o peche das lonxas.
A clave está en que o sector —en Galicia e en todo o Estado— considera imposible de cumprir o novo Regulamento Europeo de Control da Pesca, que inclúe obrigas como a comunicación da chegada a porto varias horas antes, un diario de pesca electrónico ou a pesada a bordo de especies cun 20% de marxe de erro.
É unha regulación que vén de hai anos pero que se foi adiando e flexibilizando, dando prazo a Estados e frotas para que se fosen adaptando aos poucos. Ata que desde o pasado 10 de xaneiro as embarcacións de 12 ou máis metros de eslora xa están obrigadas a contar co deostado diario electrónico e a rexistrar as capturas nel. Tamén deben anotar o lugar exacto de captura de cada especie e dispoñer de sistemas de pesada de alta precisión a bordo para evitar multas se hai variacións importantes nas cifras.
A frota de baixura, principalmente, insiste en que as obrigas que se derivan do regulamento comunitario supoñen un problema para as embarcacións, que se expoñen a sancións (de ata 3.000 euros por cada erro administrativo, segundo denuncian) e a riscos no seu labor no mar, ademais de a unha excesiva burocracia.
A normativa é "desproporcionada e pouco realista para embarcacións pequenas", segundo denuncia a Xunta e o sector
A Xunta apoia o sector e aclara que, malia "compartir os obxectivos de control, trazabilidade e loita contra a pesca ilegal," a aplicación da normativa pode supor "riscos para os pescadores á hora de traballar e exposición a sancións innecesarias". "Resulta desproporcionada e pouco realista para embarcacións pequenas, con mareas curtas e sen medios técnicos para cumprir con esixencias como o rexistro exacto das capturas a bordo ou os prazos de notificación previa de entrada a porto", dixera a conselleira do Mar, Marta Villaverde, logo da reunión mantida hai uns días os presidentes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das federacións provinciais.
O BNG pide "excluír a frota artesanal" dun regulamento "pensado para grandes buques"
Tamén o BNG amosou o seu apoio ás demandas, reclamando "a exclusión da frota artesanal" do regulamento polo "grave impacto" no sector. O Bloque pediu "realismo e sentido común" e unha "moratoria inmediata" para "non afogar" estes barcos con "burocracia e obrigas pensadas para grandes buques", nunha reivindicación na que coinciden os mariñeiros.
Mesmo a patronal galega apoiou as protestas contra a normativa por "poñer en serio risco de desaparición a nosa frota artesanal, en prexuízo non só dos pescadores, senón do resto de elos da cadea de valor do sector mar alimentario".
Este luns, o presidente da Federación Nacional de Confrarías, Basilio Otero, encabeza unha delegación xunto a 16 presidentes provinciais para manter un encontro na Secretaría Xeral de Pesca e para exixir unha normativa "xusta, consensuada e adaptada á realidade do sector pesqueiro".
Bucinada e mobilizacións
Do que dea esa reunión dependerá que a frota continúe ou non amarrada e que se manteñan as protestas. Ante a sede da Secretaría Xeral haberá tamén unha concentración con representantes de 220 confrarías de todo Estado e na que que se prevé a presenza de mariñeiros de Bueu, Cambados, O Grove e outras moitas localidades da costa galega.
En Galicia, precisamente, durante este luns lévanse a cabo mobilizacións en varios peiraos, unha das principais na Coruña, ante a estatua da virxe do Carme no Parrote. Tamén haberá unha bucinada conxunta en todos os portos galegos ás 16 horas, coincidindo co comezo da xuntanza en Madrid, momento no que os barcos farán soar as súas bucinas.