O Goberno galego está disposto a pagar ata medio millón de euros polos gastos de empresas "estratéxicas" ás que demore permisos e faino cun procedemento ligado á normativa estatal, que prevé esixir "de oficio" a responsabilidade ao persoal que vexa culpable
Os gobernos do PP levan máis dunha década aprobando e reformando sucesivas leis para impulsar o desenvolvemento empresarial e industrial de Galicia con medidas que presentaron como dirixidas a reducir burocracia e axilizar procedementos administrativos. O obxectivo aínda non se logrou, xa que na lei de acompañamento dos orzamentos para o próximo ano, coa que muda ducias de diversas leis previas, o Goberno galego insiste nel con diversas novas medidas, entre elas unha para supostamente garantir que a Xunta é quen de tramitar en menos dun ano os proxectos industriais que ela mesma cualifique como "estratéxicos".
Se esa tramitación non se culmina nun ano por demoras imputables á Xunta, esta indemnizará á empresa promotora polos gastos en que incorrese ata ese momento con ata o 1% do custo do proxecto industrial e ata un máximo de medio millón de euros. Unha medida que a reforma legal do Goberno galego liga á normativa básica estatal en materia de responsabilidade patrimonial das administracións, que a Xunta di que activaría "de oficio" e que contempla a posibilidade de repercutir esa indemnización, en caso de dolo, culpa ou neglixencia grave, ao persoal público que considere responsable.
A Xunta argumenta na súa reforma legal que, ante "as necesidades de promoción e fomento da actividade económica en Galicia" e o "carácter estratéxico" dos proxectos que ela mesma cualifica como tales, vai asumir "o compromiso, como estándar mínimo de calidade e de funcionamento do servizo público", de que esas iniciativas industriais sexan aprobadas no prazo máximo dun ano "desde que a persoa promotora achega a documentación completa". Faino "como medida concreta para promover a confianza e seguridade xurídica" das empresas, e para dar probas das súas intencións asume un compromiso económico como penalización se non cumpre.
A reforma da Xunta di que impulsará de oficio o procedemento para recoñecer a indemnización, e remíteo á normativa estatal, que á súa vez establece que a administración esixa de oficio do seu persoal "a responsabilidade en que incorrera por dolo, culpa ou neglixencia"
"Se a demora na tramitación fose imputable á administración autonómica, o incumprimento do prazo establecido se considerará como un funcionamento anormal e determinará, no seu caso, e nos termos previstos na normativa en materia de responsabilidade patrimonial da administración, o dereito da persoa promotora a ser indemnizada polos danos ocasionados", di o texto.
Esa indemnización será polos "gastos xustificados nos que incorrera na preparación da documentación necesaria para a tramitación do procedemento, cun límite do 1% do custo total do proxecto industrial, e ata o importe máximo de 500.000 euros, todo isto sen prexuízo da posible acreditación de maiores danos e prexuízos de acordo coa lexislación reguladora da responsabilidade patrimonial da Administración".
Pero a Xunta engade un matiz máis á súa reforma legal. Se ela mesma entende que pola demora na aprobación dun proxecto houbo "danos ou lesións susceptibles de ser indemnizadas en concepto de responsabilidade patrimonial, iniciará de oficio o procedemento correspondente, de acordo co establecido na lexislación básica estatal". Entre esa lexislación básica está a Lei 40/2015 de Réxime Xurídico do Sector Público, que no seu capítulo dedicado á responsabilidade patrimonial das administracións contempla, no seu artigo 36.2, a posibilidade de que estas repercutan de oficio esa indemnización ao funcionariado que sexa responsable se considera que incorreu en dolo, culpa ou neglixencia.
Así o di esa norma: "A Administración correspondente, cando indemnizase aos lesionados, esixirá de oficio en vía administrativa das súas autoridades e demais persoal ao seu servizo a responsabilidade en que incorreran por dolo, ou culpa ou neglixencia graves".