A Xunta modifica o convenio e suprime o dereito a comedor do persoal laboral

Imaxe de arquivo dunha mobilización da CIG Función Pública © CIG

Lara Graña / David Lombao

O gasto homoxeneizado no apartado de persoal da Xunta de Galicia foi, a peche de 2011, de 3.627 millóns de euros. As contas públicas de 2012, aínda pendentes dunha modificación que se dá por feita, xa recollen un recorte de máis de vinte millóns de euros. Non ocorre o mesmo cos pasivos financeiros, adicados ao pagamento dos xuros da débeda, cunha contía que aumentará máis dun 31%. Non obstante, a reestruturación do gasto vaise aplicar ao gasto corrente e, nomeadamente, ao que afecta á remuneración dos empregados públicos. As novas medidas postas sobre a mesa, e que a Xunta quere negociar en sete días, pretenden recortar outros 80 millóns de euros en gasto de persoal.

Entre o abano de medidas está a modificación, formulada sen negociación previa, do V Convenio único da Xunta de Galicia. Pacto ao que se chegou durante a etapa do bipartito e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 3 de novembro de 2008. O convenio, daquela, foi negociado e asinado polos representantes da UGT, a CIG e o Goberno autonómico. O anteproxecto recentemente presentado suspende a aplicación de ata tres artigos do documento de 2008. Os que afectan aos empregados públicos non inclúen o matiz da "temporalidade" que si se inclúe no caso da supresión do plus de altos cargos.

Un dos cambios é a suspensión do artigo 29 do V Convenio, e supón a eliminación do dereito a comedor gratuíto para o persoal laboral da Administración. Só se mantén o dereito aos traballadores da quenda de noite a recibir bebidas frías e quentes. A posibilidade de comer ou cear nas cafetarías xestionadas polo Goberno suprímese. O convenio, asinado pola entón directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, explicitaba o seguinte: "Naqueles centros que conten con servizo de comedor garántese o dereito a utilizalo; será gratuíto a partir do 1 de febreiro de 2009 para o persoal que preste servizos no centro sempre que se atope en xornada de traballo ao remate da súa quenda do seguinte xeito: o persoal en quenda de maña terá dereito ao xan- tar, o de quenda de tarde á cea".

Xubilacións forzosas sen reposición que contradín o PP

Outro dos cambios normativos que terán maior impacto no cadro de persoal público é a xubilación forzosa dos traballadores públicos. O paquete de medidas presentado por Facenda aos sindicatos determina que "o persoal que cumbra a idade de xubilación forzosa -65 anos-" disporá "dun prazo dun mes" para "solicitar a prolongación da súa permanencia na situación de servizo activo". En caso contrario, xubilarase automaticamente. Esta solicitude terana que presentar tamén os traballadores que, cando entre en vigor a nova norma, xa teñan 65 anos "e permanezan en situación de activo". Sobre o seu caso, a Xunta tamén resolverá de novo.

Segundo os sindicatos esta medida deixa a porta aberta a xubilación sistemática de todos o persoal ao servizo da Administración que cumpra os 65 anos como unha vía para reducir o plantel. Isto sucede, en boa medida, porque a proposta presentada por Facenda non inclúe o precepto que si incluía o convenio aprobado durante o mandato do bipartito, segundo o cal a Xunta tiña a obriga de substituír aos xubilados anticipadamente "por calquera traballador/a que se atope inscrito como desempregado (...) mediante un contrato da mesma natureza có extinguido).

Se finalmente o recorte proposto pola Xunta se pon en marcha sen modificacións  nun dos ámbitos nos que máis se percibirá, o sanitario, o Goberno galego estará contradicindo ao partido que o sustenta, o PPdeG. Non en van, os conservadores galegos, a través do deputado Miguel Santalices, presentaban o pasado novembro no Parlamento unha proposición non de lei para a elaboración dun "plan de ordenación dos recursos humanos para garantir a continuidade asistencial" no Sergas que atinxe directamente á xubilación.

Nomeadamente, esta proposta, aprobada por unanimidade de populares, socialistas e nacionalistas, instaba a Xunta a ofertar "aos profesionais" do Sergas "a posibilidade de ampliar a idade de xubilación, sempre que se manteña a capacidade funcional do profesional e non sexan posibles novas contratacións ou incorporacións".

Descanso

Segundo a información facilitada pola CIG Autonómica, e presentada por Facenda, tamén se suprime unha das disposicións adicionais do convenio de 2008, que afecta directamente ao persoal laboral da Xunta. En concreto, os traballadores públicos dos centros "que, como causa das súas características específicas", gozasen de descanso en Nadal e Semana Santa, non o poderán seguir facendo. Por último está a modificación do artigo 19 do convenio. Esta implica "a non compensación en libranzas dos domingos e festivos traballados, que se aboarán".

 

Elena Muñoz, titular de facenda © Xunta

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.