A Xunta presenta os seus Orzamentos, nos que o pago da débeda segue a absorber máis do 14% do total

Entrega no Parlamento do proxecto de Orzamentos, este sábado © Xunta

Os orzamentos da Xunta para o ano 2020 ascenden a 11.541,2 millóns de euros, cun incremento de algo máis de 250 millóns de euros con respecto ás contas presentadas hai un ano. Sanidade, Educación e Acción social son as partidas que máis medran en termos absolutos e Cooperación, Administración Local e Actuacións Ambientais son as que máis crecen en termos porcentuais. 

Pola contra, descenden as achegas para Vivenda, Infraestruturas e Desenvolvemento Empresarial. Tamén o fai a partida destinada ao pagamento da débeda, que o pasado ano se disparara un 37%. Con todo, a súa cantidade segue a ser moi elevada e, de feito, representa máis dun 14% do orzamento total para o vindeiro ano.

O Goberno galego entregou este sábado no Parlamento o seu proxecto de Orzamentos. Fíxoo o conselleiro de Facenda da Xunta, Valeriano Martínez, nun encontro co presidente da cámara, Miguel Ángel Santalices Vieira, que lle deu paso á Mesa do Parlamento, que aprobou o calendario de tramitación deste texto lexislativo, que prevé a celebración do pleno orzamentario o vindeiro martes 17 de decembro.

Dende o ano 2009, momento en que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao poder, os fondos dedicados a pagar a débeda ascenderon un 318%

As partidas máis importantes dos Orzamentos presentados este sábado son as destinadas a Sanidade e Educación, que medran un 3% e un 4,4% respectivamente. A seguinte en importancia é a que serve para pagar a débeda da Administración autonómica, que na última década se elevou dende algo máis de 4.200 millóns de euros no ano 2009 a uns 11.500 millóns a mediados de 2018. Dende o ano 2009, momento en que Alberto Núñez Feijóo accedeu ao poder, os fondos dedicados a pagar a débeda ascenderon un 318%, con moita diferenza a partida que máis engordou nos últimos 11 anos. 

Cooperación (+18%) e Actuacións ambientais (-12%) son os ámbitos nos máis medra o Orzamento, en termos relativos. Os fondos para Cultura crecen un 3,8% e os destinados a Investigación e Innovación aumentan un 8%. A dinamización rural leva un 6,4% máis e o apartado de Industria, Enerxía e Minas increméntase un 11%. A Acción Social medra un 6,2% e a Normalización Lingüistica sobe un 5,3%.

Caen un 13,5% os fondos dedicados a Vivenda, especialmente a rehabilitación

No outro extremo, Vivenda (-13,5%), Infraestruturas (-16%) e Desenvolvemento Empresarial (-12,3%) son as que máis caen. Destaca especialmente a caída que se produce nos fondos destinados ao fomento da rehabilitación e a calidade da vivenda, cun descenso de 11,5 millóns de euros.

Aínda que as cantidades destinadas a Normalización Lingüistica medran un 5,3% este ano, dende o 2009 a cifra total caeu un 60%

A análise en perspectiva dos orzamentos presentados polo Partido Popular dende o seu regreso á Xunta no ano 2009 permite comparar o esforzo orzamentario que nese momento se realizaba co actual. Neste senso, aínda que as cantidades destinadas a Normalización Lingüistica medran un 5,3% este ano, dende o 2009 a cifra total caeu un 60%. De igual xeito, malia que os fondos para Cooperación levan anos en ascenso e que nas contas presentadas este sábado o aumento é importante (+18%), dende hai 11 anos o descenso é do 43%.

O mesmo sucede con Cultura (-47% dende o 2009), coa Dinamización Rural (-17%), Pesca (-37%), Comercio (-54%),  Desenvolvemento Empresarial (-37%) ou Promoción do Emprego (-38%).

As contas para 2020 son as primeiras nas que os fondos para o ensino superan os que se destinaron no 2009

En canto ás dúas meirandes partidas do Orzamento, Sanidade e Educación, a evolución dende hai once anos é positiva. No caso da Sanidade, o ascenso é de case o 10%, pero no de Educación de tan só un 2%. De feito, as contas para 2020 son as primeiras nas que os fondos para o ensino superan os que se destinaron no 2009.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.