A xustiza europea dálles a razón aos afectados polo índice hipotecario IRPH

Xuízo en Ferrol pola aplicación do índice IRPH nunha hipoteca © PAH Ferrol e Comarca

O avogado xeral da UE, Maciej Szpunar, publicou este martes o seu ditame sobre o uso do índice IRPH, que referenciaba o prezo dos préstamos hipotecarios. Preto dun millón de fogares en todo o Estado Español están pendentes das conclusións do letrado, que aínda que non son vinculantes, a miúdo coinciden co resultado da sentenza no Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE), prevista para dentro duns meses.

O avogado xeral da UE deu a coñecer o seu ditame, que non é vinculante pero que adoita ser aceptado na sentenza final, que se coñecerá nuns meses

De acordo co criterio do avogado, o IRPH pode someterse a control xudicial. Nas súas conclusións presentadas este martes, o avogado xeral polaco, Szpunar, propón ao Tribunal de Xustiza que, na súa futura sentenza, declare, en primeiro lugar, que unha cláusula contractual pactada entre un consumidor e un profesional, como a controvertida, que fixa un tipo de xuro tomando como valor de referencia un do seis índices de referencia oficiais legais que poden ser aplicados polas entidades de crédito aos préstamos hipotecarios con tipo de xuro variable, non está excluída do ámbito de aplicación da directiva. É dicir, que pode someterse a control xudicial, polo que unha sentenza neste senso abriría a porta á anulación das hipotecas, consideradas abusivas.

O IRPH é un índice de referencia para os préstamos hipotecarios que se utilizou en España ata 2013. Consistía, en liñas xerais, nunha media dos tipos de xuro que se aplicaban en España e que publicaba o Banco de España. Nun comezo, cun euribor que non deixaba de subir, presentouse como unha alternativa menos volátil e exposta a rápidas subas. Con todo, o índice de referencia comunitario empezou a caer (agora está en negativo) e o IRPH quedou como a alternativa cara.

É este feito, xunto ás críticas por falta de transparencia nos contratos, o que levou a unha loita por parte de distintas organizacións e consumidores que vían como estaban a pagar máis a pesar de que os tipos de xuro non deixaban de caer. Aínda que o Supremo avalou o seu uso en 2017 con dous votos particulares en contra, presentouse unha cuestión prexudicial, que é a que xulga o Tribunal de Xustiza da UE e sobre a que declarou este martes o avogado xeral.

Atopa falta de "transparencia" e recomenda "control xudicial" para ao redor dun millón de hipotecas no Estado Español que durante anos pagaron xuros moi superiores á media

A vista oral celebrouse o pasado 25 de febreiro en Luxemburgo, e a publicación do informe do avogado xeral é o último paso antes de ditarse a sentenza, que se espera para finais de 2019 ou comezous de 2020.

Calcúlase que hai ao redor dun millón de hipotecas en España con este índice que levarían anos pagando de máis. Segundo unha estimación da plataforma Asufin, un cliente cunha hipoteca de 200.000 euros aboaría de media 165 euros máis ao mes desde 2004 por contar co IRPH en lugar do euribor. Na organización de consumidores Adicae estímase que son uns 20.000 euros pagos de máis de media nunha hipoteca.

Os datos actuais mostran a gran diferenza. O euribor en agosto estaba no -0,356% máis o diferencial que aplique o banco, mentres que o IRPH atópase no 1,836%, segundo o dato de xullo recollido polo Banco de España.

 

Falta de transparencia

O que o TXUE xulga é se este tipo de cláusulas se aplicaron nos contratos con ou sen a transparencia necesaria e se os clientes eran conscientes e coñecedores do impacto que tiña contar cun ou outro índice de referencia. Así o explicaba hai uns meses en conversa con Praza José María Erauskin (Abogados Res), o letrado que represenou os afectados pola aplicación deste índice: "O IRPH é unha referencia inxusta, pero o tribunal non se vai meter aí, senón que vai decidir se isto debe ser coñecido polos clientes aos que se lles está ofrecendo unha hipoteca. A discusión, basicamente, é se todo isto haillo que dicir ao cliente ou non"

"O Tribunal Supremo afirma que como o IRPH é un índice oficial, o banco xa non ten que dar explicacións, senón que cada persoa debe ser suficientemente atenta para buscar o que iso significa para ela", criticaba daquela Erauskin. "Calquera persoa que lle expliquen como funciona o IRPH vaino rexeitar, o problema foi que a ninguén lle dixeron estas cousas. España di que canta máis información se lle dá ao consumidor, máis se contribúe a confundilo e a enlealo. Isto é tomarnos por parvos", concluía.

 

30.000 afectados en Galicia

No 2017 o Tribunal Supremo ditou unha sentenza que negaba que se producira "falta de transparencia" ou "abuso". Pero a xustiza europea si lle deu a razón aos consumidores

Calcúlase que as hipotecas dun millón de familias en toda España dependen deste índice, que as encarece entre 100 e 300 euros ao mes. En Galicia poderían ser ao redor de 30 mil, sendo unha das comunidades cunha incidencia menor (10 hipotecas con IRPH por cada mil habitantes), lonxe da media estatal ou de Catalunya, Euskadi, Comunidade Valenciana, Baleares ou Andalucía, os territorios máis afectados.

Un dos casos máis coñecidos no noso país é o do ferrolán Marcos Guerreiro, traballador das industrias auxiliares de Navantia, que asinou no ano 2006 unha hipoteca coa entidade financeira Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI) -filial do Banco Santander. Finalmente conseguiu acollerse ao Código de Boas Prácticas Bancarias, que lle ofreceu unha moratoria de cinco anos que lle permite pagar moito menos cada mes. Ademais, acadou unha sentenza pioneira en España, que anulou nove cláusulas da súa hipoteca por ser consideradas abusivas. Grazas a isto, por fin puido reducir considerablemente a súa débeda. 

Nos últimos anos tanto Guerreiro como outros miles de afectados e afectadas manteñen unha longa batalla xudicial, na que a xustiza española ofreceu solucións moi distintas nuns tribunais e noutros e nuns territorios e noutros. En novembro de 2017 o Tribunal Supremo ditou unha sentenza que negaba que se producira "falta de transparencia" ou "abuso". Porén, aínda ficaba a vía da xustiza europea, que si que lles deu a razón aos consumidores prexudicados polo IRPH.

Sede do Tribunal de Xustiza da UE, en Luxemburgo © TXUE

O impacto sobre a banca española

Caixabank, Kutxbank, Santander ou BBVA son as entidades que se poderían ver máis afectadas por unha sentenza desfavorable

Moi atentos están tamén os bancos españois. CaixaBank é a empresa máis exposta, ao recoñecer 6.400 millóns de euros en hipotecas ligadas a este tipo de xuro. Séguenlle Banco Santander, con 4.300 millóns, BBVA, con 3.100 millóns, e Bankia, con 1.600 millóns. Sabadell, segundo un informe de RBS, contaría con 800 millóns neste tipo de préstamos e Bankinter non tería exposición a esta sentenza, ao non comercializar estes créditos. Respecto das entidades medianas, Kutxabank conta con 727 millóns, Liberbank con 209 millóns (dos que 99,5 millóns están en hipotecas dos propios empregados), Unicaja ten 200 millóns e Ibercaja, 50 millóns. En total, máis de 17.000 millóns de euros en hipotecas referenciadas ao IRPH.

Máis difícil de calcular é o impacto que tería sobre as súas contas unha sentenza contraria aos seus intereses, posto que habería que ter en conta aspectos como a retroactividade.

Por iso, as cifras que os analistas puxeron sobre a mesa son estimacións amplas. Por exemplo, Goldman Sachs calculou que tería un impacto de entre 7.000 e 44.000 millóns. Outras firmas de análise foron máis conservadoras, fixando o posible impacto entre 3.000 e 7.000 millóns, como o prognóstico de Morgan Stanley, ou UBS, que o sitúa nos 4.990 millóns.

Os consumidores chegaban xa cun respaldo institucional antes do ditame do avogado e a sentenza. A Comisión Europea publicou un informe o ano pasado no que lle pedía ao TXUE que ditaminase en contra do sistema polo que se aplicaba o IRPH ao entender que a transparencia non era a debida.

En 2018 o avogado xeral, Szpunar, emitiu unhas conclusións noutro caso que afectaba o sector bancario e aos contratos hipotecarios en España: as cláusulas de vencemento anticipado. Declarouse favorable a que se considerase abusivo que se puidese desafiuzar a un cliente pola falta de pagamento dunha única cota. Isto acabou incluíndose na última lei hipotecaria, aprobada xa co PSOE no Goberno.

Con Szpunar apoiando as teses expostas pola Comisión Europea e se a sentenza segue o seu ditame, a banca española recibiría a enésima emenda xudicial aos seus contratos hipotecarios. O IRPH podería supor un novo golpe para os bancos nos xulgados, como o foron as cláusulas solo. Outras cuestións xudicializadas que poñen en dúbida as prácticas hipotecarias foron as cláusulas de vencemento anticipado, os xuros de demora, as hipotecas multidivisa ou o reparto dos gastos hipotecarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.