O seu presidente, Juan Carlos Escotet, que hai dez anos se fixo cos restos das caixas galegas por 1.000 millóns tras rescatalas o Estado con 9.000 millóns xa dados por perdidos, considera que o imposto é “claramente inconstitucional”
Abanca presentou este venres os seus resultados do exercicio 2022, no que “xerou 217 millóns de beneficio, un 41% máis que en 2021 en termos recorrentes", segundo a propia entidade. Así o anunciou nun acto no que o seu presidente, Juan Carlos Escotet, anunciou a intención de recorrer ante a xustiza o imposto do Goberno de España aos beneficios extraordinarios da banca por consideralo “claramente inconstitucional”. Segundo dixo, o impacto dese imposto na súa entidade sería duns 50 millóns de euros.
A finais deste ano fará unha década da adxudicación dos restos das antigas caixas galegas ao grupo bancario de Juan Carlos Escotet, que renomearía o negocio como Abanca. Unha operación que supuxo primeiro o rescate por parte do Estado das antigas caixas cuns 9.000 millóns de euros que o Banco de España deu por perdidos e a posterior venta dos seus restos ao grupo Banesco de Escotet por 1.000 millóns, cifra que hai tempo que xa superaron os beneficios que vén obtendo Abanca.
Abanca di que segue aberta a posibles novas adquisicións doutras entidades a medio prazo
Neste contexto, a presentación este venres dos resultados de 2022 deixou cifras como que Abanca xestiona xa un volume de negocio de 106.000 millóns de euros, ou algo máis de 111.000 incluíndo a recente compra de Targobank. Adquisicións que veñen sendo unha constante desde a creación de Abanca e que seguen abertas non no curto prazo pero si no medio, segundo os seus responsables.
Porén, Escotet lamentou que a estratexia de crecemento da súa entidade pode resultar polo imposto aos beneficios extraordinarios impulsado polo Goberno de España, que vén criticando desde hai meses. Segundo dixo, tería un efecto de preto de 50 millóns de euros nas súas contas de resultados, polo que a entidade o recorrerá “no debido momento”.