Pecharán oficinas en lugares nos que haxa solapamentos e a intención é que se acolla ao ERE o persoal de máis idade
O persoal de Abanca afrontan un expediente de regulación de emprego (ERE), derivado da integración de Banco Caixa Geral. A entidade galega proponse que saian 250 empregados e pechar 55 oficinas, fundamentalmente por solapamento. Pedirá tamén desprazamentos para traballadores dos servizos centrais de Banco Caixa Geral, que están en Madrid, posto que o proxecto é mantelos en Galicia.
A intención declarada polo banco galego na primeira reunión cos sindicatos para tratar o ERE é que se acolla ao mesmo o persoal de máis idade e que o faga de forma voluntaria para que a medida non resulte traumática.
A vindeira semana, o día 5 de marzo, as partes volveranse ver para abordar as condicións concretas e tamén para tratar unha posible modificación dos horarios. Buscarán un acordo no período de conversas previas, antes da apertura formal da negociación do ERE, que lles concedería 30 días para lograr un pacto.
Boa parte do equipo de Abanca pasou xa por catro expedientes de extinción de relación laboral dende a fusión das antigas caixas galegas
Boa parte do equipo de Abanca, que na actualidade está composto por algo máis de 6.000 persoas, pasou xa por catro expedientes de extinción da relación laboral, desde o que se aprobou en 2010, despois da fusión das antigas caixas galegas, ata o que se aplicou cando o banco no que se transformou o resultado daquela unión foi rescatado con 9.000 millóns de euros públicos.
Abanca adquiriu a filial en España de Caixa Geral de Depósitos por 364 millóns de euros, despois dun proceso de venda posto en marcha polo Goberno de Portugal. Con esta operación integra as 110 oficinas que Banco Caixa Geral ten en 10 comunidades autónomas españolas e a un equipo de 524 traballadores.