A CIG acaba de anunciar a convocatoria dunha folga xeral para chamar á cidadanía a "demandar" a posta en práctica de "medidas non lesivas para a clase traballadora", tal e como anunciou onte en Praza o secretario xeral do sindicato, Suso Seixo. Apenas 24 horas despois do anuncio da central nacionalista, a patronal galega (CEG) fixo público un informe no que reclaman, entre outras medidas, o copagamento sanitario. A asociación de empresarios, que preside o coruñés Antonio Fontenla, pide tamén unha rebaixa da presión fiscal que, ao seu entender, soportan as compañías privadas. "Baixada do tipo impositivo do imposto de sociedades, diminución da presión fiscal familiar e rebaixa dos módulos do IVE", di textualmente a proposta da patronal.
Máis aínda. Para a CEG o imposto de Sociedades "continúa a ser un dos máis altos da UE". Reclama reducilo "para evitar a deslocalización de empresas rendibles, eliminar o incremento do tipo de gravame nos pagamentos fraccionados" ou "a limitación de compensación das bases impoñibles". Pero esta afirmación da patronal galega tropeza de fronte cos datos oficiais da Agencia Tributaria. Estatística que pon de manifesto que, de media, as empresas non pagan o 30% establecido na taxa de Sociedades, senón que abonan o 16,7%. Nalgúns casos, e grazas a diversas facilidades fiscais, o tipo efectivo sitúase no 9,9%, 20 puntos por debaixo do marcado por lei. En Alemaña este gravame é do 20%, de aí que os colectivos empresariais afirmen que a presión fiscal que soportan sexa máis elevado que o da media europea. Pero o 30% de España é, atendendo aos datos, só teoría.
Os últimos datos dispoñibles son do ano 2010 e do informe anual que difundiu a Agencia Tributaria (dese mesmo exercicio). "No catro últimos anos a presión fiscal sobre as sociedades reduciuse en case oito puntos", afirma textualmente a AEAT en devandito documento. "A intensidade da perda de potencia recadatoria do imposto é aínda maior se o tipo se calcula sobre o resultado contable positivo: neste caso o tipo efectivo pasa a ser do 9,9%", non do 30%.