As fábricas de Alcoa na Mariña levan o 12% das axudas para compensar o custo das emisións de CO2 no Estado

Factoría de Alcoa, en Xove, dende o mar © Ecoloxistas en Acción

Industrias galegas levan case o 20% das axudas para compensar o custo das emisións de CO2 en España. E Alcoa, na Mariña, leva máis do 12% dos 244 millóns de euros en axudas aprobadas polo Ministerio de Industria en todo o Estado, case 30 millóns. 

Estas axudas van destinadas a aquelas industrias de elevado consumo enerxético, fundamentalmente electrointensivas, que teñen que pagar elevadas cantidades en dereitos de CO2 por superaren as súas asignacións e, xa que logo, sobrepasar os límites marcadas de contaminación. A cotización destes dereitos de emisión supera os 70 euros por tonelada neste mes de setembro, o importe máis baixo no que vai de ano pero dez euros máis que hai un ano e uns 43 euros por tonelada máis que na mesma altura de 2020

A factoría de ENCE dende a Praia de Lourido CC-BY-NC Diego Portela

Galicia recibe o 18% das axudas para compensar o custo das emisións de CO2, a porcentaxe máis alta do Estado

Así, a factura que as empresas pagan por contaminar non deixou de subir logo da parálise industrial provocada pola pandemia. Ante esta situación, a crise enerxética e a posibilidade de que as empresas opten por trasladarse a países con medidas máis laxas contra o cambio climático e escaso impacto económico, o Goberno central impulsa este mecanismo de axudas que este ano aumento en 65 millóns de euros -en virtude do real decreto en resposta ás consecuencias da guerra de Ucraína- e que abrangue un total de 212 compañías. 

Por comunidades, Galicia lidera o ránking das axudas, recibindo o 18% do total, seguida de Asturias, co 16%, e Euskadi, co 15%. Ademais, por sectores, maior contía corresponde ao sector do ferro e aceiro, co 37,5%, seguido do papel, co 18,5%, e o aluminio, co 15%. 

Na listaxe de beneficiarios deste mecanismo de compensación de custos de emisións de gases de efecto invernadoiro destacan sobre todo as instalacións de Alcoa na Mariña, que reciben case 30 millóns de euros, 2,9 milóns para Alumina Española e case 27 para Aluminio Español, que supón, con diferenza, a maior partida de todas as propostas polo Ministerio de Industria e o 70% das que chegan ás industrias galegas incluídas. 

As axudas compensan os custos por emisións indirectas de CO2 de 2021, ano no que a planta de Aluminio e a de Alúmina permaneceron operativas. Neste exercición, a primeira está paralizada e a segunda reduciu a súa produción ao 50% polo elevado prezo do gas. Ademais, Alcoa recupera as axudas logo de ter que devolver as recibidas en 2018 e 2019 -uns 37 millóns- ao presentar un ERE porque o mecanismo está condicionado ao mantemento do emprego durante tres anos.

Factoría de Ferroatlántica en Sabón CC-BY-NC-SA Plan de Ordenación do Litoral - Xunta de Galicia

Ademais de Alcoa, entre as industrias que máis axudas reciben destacan Xeal, Ferroatlántica ou Megasa

Ademais, destacan tamén as fábricas de Xeal en Cee (1,2 millóns) e Dumbría (3,7) ou a de Ferroatlántica en Sabón (3,3). Tamén aparece a celulosa de Ence na ría de Pontevedra, con 1,3 millóns, a refinería de Repsol da Coruña (1,7) ou Megasa (2,1). 

Segundo os últimos datos publicados pola Comisión Europea, as fábricas de alúmina e de aluminio de Alcoa supoñen a industria con maior impacto climático en Galicia ao superar a emisión de 1 millón de toneladas de gases de efecto invernadoiro en 2021

Ademais, entre as cinco industrias galegas con maior impacto negativo no clima en 2021 tamén aparece, en cuarto lugar, a central de ciclo combinado a gas fósil de Naturgy en Sabón (Arteixo), por detrás da refinaría de Repsol da Coruña, localizada a escasa distancia. Pasou de emitir 31.400 toneladas de GEI en 2018 a 642.000 en 2021, multiplicando por 20 o seu impacto no clima.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.