As mulleres galegas teñen os salarios por hora máis baixos do Estado

Salario medio anual dos homes e mulleres galegas (2008-12) Dominio Público Praza Pública

As mulleres asalariadas galegas gañan un 24% menos que os homes asalariados, segundo os últimos datos dispoñíbles das Enquisa anual de estrutura salarial, correspondentes a 2012. Unha fenda que non só non se reduce, senón que nos anos de crise económica, dende o 2009, mesmo se incrementou, pasando do 20,6% ao 24,2%. Ao igual que noutros ámbitos, son os salarios máis baixos e os contratos con peores condicións quen máis sufriron os efectos dos axustes económicos.

As mulleres galegas gañan unha media de 11,02 euros por hora, 2,34 euros menos que os homes galegos (13,36 euros) e tamén dous euros menos que a media das mulleres españolas (13,1 euros de media)

As mulleres non só teñen máis dificultades para acadar un emprego, senón que acceden a el en peores condicións, cunhas maiores taxas de temporalidade e con máis contratos a tempo parcial. Este é un dos factores determinantes para explicar a fenda salarial, que se pode observar con claridade analizando a retribución por hora normal traballada, o que nos ofrece unha variable non afectada nin pola temporalidade nin pola parcialidade do emprego. As mulleres galegas gañan unha media de 11,02 euros por hora, 2,34 euros menos que os homes galegos (13,36 euros) e tamén dous euros menos que a media das mulleres españolas (13,1 euros de media). Por suposto, moi por debaixo das mulleres vascas (15,27) madrileñas (14,8) ou catalás (13,93). Galicia é a comunidade onde as mulleres perciben o salario bruto medio anual máis baixo, un 14,38% menos de salario que a media das mulleres do conxunto do Estado, ou o que é o mesmo: 2.810,18 euros menos ao ano.

Esta situación foi denunciada este xoves por UGT-Galicia, que presentou un Informe sobre desigualdade salarial por sexos en Galicia, aproveitando a conmemoración, o 22 de febreiro do Día internacional pola igualdade salarial de mulleres e homes. A secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, denunciou que "nos atopamos ante unha discriminación insostible, consecuencia da falta de políticas de igualdade entre mulleres e homes e a falta de vixilancia do cumprimento da Lei que prohibe este tipo de discriminacións". "Nada se está a facer para intentar solucionar este problema que afecta á metade da poboación pois as cifras, lonxe de mellorar, están empeorando", dixo. "O Goberno, impoñendo reformas laborais totalmente inxustas e aplicando políticas de desmantelamento do Estado de Benestar, está contribuíndo a que estas diferenzas se incrementen", concluíu lembrando as dificultades engadidas que a reforma laboral de 2012 crea para a negociación colectiva nas empresas.

  2008 2009 2010 2011 2012
Homes  21.105,60 21.829,80 22.626,21 22.381,85 22.059,69
Mulleres 16.646,42 17.342,32 17.691,11 17.291,96 16.727,15
% de fenda 21,1 20,6 21,8 22,7 24,2

Salario medio anual dos homes e as mulleres galegas, en euros. Fonte: Enquisa anual de estrutura salarial

 

Un 36% das mulleres galegas, por debaixo do salario mínimo

UGT-Galicia lembra que o 25% das asalariadas galegas ten un contrato a tempo parcial, fronte a un 7% de homes

Os contratos a tempo parcial, os complementos e as baixas e excedencias para o coidado de fillos, fillas e familiares condicionan os salarios que cobran homes e mulleres, destaca o informe. UGT-Galicia lembra que o 25% das asalariadas galegas ten un contrato a tempo parcial, fronte a un 7% de homes. Ademais, estas mulleres perciben un salario medio anual de 8.473 euros, un 25,9% menos que un home coa mesma modalidade de contratación. A diferenza no caso dos contratos a tempo completo é dun 11%.

Outra das grandes diferenzas ten que ver cos complementos salariais, máis importantes nos homes. Do total do salario bruto, o 72,67% do salario feminino é salario base, fronte ao 67,88% nos homes. Finalmente, a proporción de homes que se acolle a excedencias para o coidado de fillos e fillas é tan só do 5,77%, unha porcentaxe que mesmo diminuíu entre 2011 e 2012. Ademais, entre os e as traballadoras galegas que en 2012 reduciron a súa xornada laboral para coidado de nenos e nenas, o 74% foron mulleres. Neste senso, Mónica Rodríguez reclamou "permisos individualizados e equiparados entre homes e mulleres", lembrando que xa no 2011 se pactou a ampliación do permiso de paternidade a catro semanas, unha medida que ano tras ano é adiada polo Goberno.

Outra das grandes diferenzas ten que ver cos complementos salariais, máis importantes nos homes. Do total do salario bruto, o 72,67% do salario feminino é salario base, fronte ao 67,88% nos homes

A consecuencia desta fenda salarial no 2013 un 36% das mulleres galegas tiñan ingresos salariais menores ou iguais ao SMI (9.034,20 euros ao ano), fronte ao 26,5 por cento dos homes. De igual xeito, o 10,8% das mulleres galegas ocupadas percibía uns ingresos inferiores ao limiar da pobreza, unha cifra que, estendida a todas as mulleres, se eleva ao 26,7%.

 

Ferramentas para combater a brecha salarial

UGT-Galicia anuncia un proxecto titulado Ferramentas para combater a brecha salarial, co obxectivo de contribuír á redución da fenda salarial a través da negociación colectiva. Para isto, elaboraranse dúas aplicacións informáticas, Indicador xeral de igualdade salarial, para dispositivos móbiles, que permitirá coñecer as diferenzas salariais existentes; e o Indicador ponderado de igualdade salarial, unha ferramenta informática que permitirá, cun catálogo de índices e variables, identificar os factores que inflúen na fenda salarial para poder actuar sobre eles. Isto complementarase cunha investigación dos factores que inflúen na fenda salarial, cunha guía de boas prácticas e de recomendacións e xornadas dirixidas ás persoas negociadoras dos convenios e á representación dos traballadores e traballadoras.

Salario medio anual dos homes e mulleres galegas (2008-12) Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.