Os últimos datos de tráfico nas estradas publicados polo Ministerio de Fomento sinalan que a AP9 continúa perdendo usuarios e usuarias. En xuño esta vía de peaxe foi utilizada por unha media de 21.371 vehículos cada día, lixeiramente por debaixo da cifrade xuño de 2013 (21.428) e moi lonxe das acadadas en xuño de 2012 (23.100) e xuño de 2011 (26.092), un descenso continuado nos últimos cinco anos que neste momento deixa a media interanual (de xuño de 2013 a xuño de 2014) por debaixo de vinte mil vehículos (19.505), algo que non sucedía dende 2003. É certo que nos últimos anos a crise económica, unida a outros factores e motivacións, está a provocar unha redución xeral da densidade do tráfico nas estradas españolas (un 4,15% menos en 2012 e un 1,36% menos en 2013), pero esta caída é moi inferior á que rexistra a AP9, dun 20 por cento en só tres anos.
En paralelo, analizando as cifras de tráfico dalgunhas vías de uso gratuíto, que funcionan nalgúns treitos como alternativa á cara AP9 (e ás veces colapsada por mor das peaxes), vemos como nelas o volume de vehículos se mantén e mesmo nalgúns casos se incrementa. A vella N-550, que da Coruña a Tui vai en paralelo coa AP9, é unha delas e sen dúbida a máis importante. Aínda que tamén podemos falar doutras vías alternativas á AP9, coma a N-651 (entre Betanzos e Fene), a AC-523 (entre A Coruña e Mesón do Vento), a AG59 (entre Santiago e A Estrada) ou a A-55 (entre Vigo e Tui).
Fomento ten distribuído ao longo da N-550 un bo número de estacións de medición. As cifras oscilan de unha a outra e de ano a ano, pero en conxunto podemos falar dun mantemento do número de vehículos que empregan esta vía, ou unha leve caída, fronte ao constante e rápido descenso na utilización da AP9 (pasou de 27.029 usuarios en 2007, a 24.711 en 2011 e a 19.505 en 2014). Ademais, en certas estacións, nomeadamente as situadas entre Compostela e Pontevedra, o tráfico incrementouse moito nestes últimos anos.
2011 | 2012 | 2013 | |
---|---|---|---|
Km. 7 (Culleredo) | 15.824 | 15.058 | 15.047 |
Km. 27 (Mesón do Vento) | 9.456 | 9.338 | 8.661 |
Km. 50 (Sigüeiro) | 20.996 | 20.018 | 19.124 |
Km. 81 (Padrón) | 17.160 | 16.733 | 17.467 |
Km. 100 (Caldas) | 4.806 | 4.985 | 5.101 |
Km. 130 (Vilaboa) | 15.814 | 15.072 | 14.904 |
Media mensual de vehículos en distintas estacións da N-550
De igual xeito, se observamos os datos da N-651 á altura de Pontedeume, vemos como pasou de ser utilizada por unha media de 16.147 vehículos en 2011, a soportar 16.835 en 2012 ou 17.214 en 2013. Outras vías, coma a N-634 á altura de Mesía, mantiveron o seu tráfico nos dous últimos anos (6.269 vehículos en 2011, 6.061 en 2012 e 6.048 en 2013). Ou a A-55 ao seu paso pola ponte sobre o Miño (14.873 en 2011, 15.044 en 2012 e 14.302 en 2013).