- Ferido outro traballador na ampliación de Rande, que Audasa apura para cobrar máis dende xaneiro
- HEMEROTECA | Morre un traballador ao caer na obra da ponte de Rande, onde a CIG denunciou “explotación laboral”
A preguntas sobre a seguridade das obras na ponte, o presidente da matriz da concesionaria, Pedro Pérez, amosa as súas dúbidas sobre o “tipo de caída” do traballador
O presidente de Itinere, a empresa matriz de Audasa, Pedro Pérez, participou este luns en Vigo nun acto no que foi preguntado polos xornalistas pola seguridade das obras de ampliación da ponte de Rande, onde a pasada noite un obreiro resultou ferido nun pé, a pasada semana ardeu un dos tirantes que sustentan a plataforma e hai cinco meses faleceu un operario. O responsable de Audasa puxo en dúbida que o falecemento producido en xullo fose un accidente laboral.
“É verdade que houbo un accidente hai unha serie de meses dunha persoa que caeu da ponte, aínda que, isto non sei se é prudente dicilo, estase investigando se realmente foi un accidente ou unha caída... provocada por dicilo de algunha maneira”, dixo textualmente. Posteriormente, os xornalistas preguntan a Pérez que tipo de “investigación” se está realizando ao respecto, ao que o directivo responde: “Ben, pois home, polo tipo de caída, por... ben. Creo... aínda que... quizais aí paseime con vostedes nun rasgo de sinceridade, porque realmente en calquera caso é unha defunción, e unha defunción é unha defunción, sexa o motivo que sexa é unha desgraza e así a temos cualificada todos nós”.