Cargas policiais na folga do metal da provincia de Pontevedra mentres a patronal pide acabar cos paros para negociar

Protesta do sector do metal diante da factoría de Stellantis con ampla presenza policial © CIG

O quinto día de folga do sector do metal da provincia de Pontevedra pola negociación dun convenio digno remata cunha carga policial ás portas da factoría de Stellantis en Vigo. CIG, CCOO e UGT denuncian a "actitude inmobilista" da patronal, que pide a "desconvocatoria inmediata" da folga para continuar coa negociación

O sector do metal da provincia de Pontevedra, que representa a preto de 3.700 empresas e uns 30.000 traballadores e traballadoras, celebrou este xoves a quinta xornada de folga para reclamar a negociación dun convenio digno coa patronal, Asime. Mobilizacións en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía reuniron a milleiros de persoas, cunha manifestación que percorreu a cidade olívica e rematou cunha carga policial xunto ás instalacións da factoría Stellantis, antiga Citroén. Este venres está convocado o sexto día de folga.

CIG, CCOO e UGT denuncian a "actitude inmobilista" do empresariado, ao que acusan de "criminalizar" a loita do persoal do sector, que demanda unhas condicións de traballo dignas. Na súa última comunicación oficial antes do quinto día de folga, a patronal trasladou aos sindicatos unha petición "clara e expresa" de "desconvocatoria inmediata" da folga "para poder continuar coas reunións de negociación". Unha solicitude que non aceptan desde a representación sindical, que insiste na súa "vontade clara de negociar", pero "sen condicións previas".

Manifestación sector do metal en Vigo no quinto día de folga © CIG

Desde os sindicatos transmiten que as cinco xornadas de folga convocadas ata o momento decorreron sen incidencias nos piquetes informativos, cun seguemento "practicamente total" por parte dos traballadores e a maioría das empresas paradas. Con todo, xa na anterior manifestación celebrada nas rúas do centro de Vigo, o pasado 28 de xuño, houbo unha importante presenza policial. 

Axentes da unidade antidisturbios cargaron "para impedir que a manifestación rematase diante da porta principal da fábrica de Stellantis", informa a CIG

Este xoves, axentes da unidade antidisturbios cargaron "para impedir que a manifestación rematase diante da porta principal da fábrica de Stellantis", estando todo o percorrido da mobilización autorizado previamente. Ducias de persoas resultaron feridas, segundo informa a CIG, entre elas o propio secretario comarcal da central sindical en Vigo, Alberto Gonçalvez.

Para a CIG, as recentes declaracións do presidente de Asime –patronal do metal na provincia de Pontevedra– asegurando que o 80% dos empregados e empregadas do metal "queren ir a traballar pero non lles deixan", incapacítano e deslexitímano para negociar, "tendo en conta o seguimento practicamente total que están a rexistrar os paros".

Cargas policiais en Vigo na manifestación do metal este xoves © CIG

Os tres sindicatos desconvocan a folga para os días 12 e 13 de xullo para instar a patronal a negociar

Os sindicatos reclaman que a patronal volva á mesa de negociación con vontade de achegar posturas e non incida nun incremento salarial dun 2% para este ano e dun 3% para os anos 2024 e 2025. Pola súa banda, a parte social demanda un incremento do 4% para cada un dos anos

Entre as peticións que tamén resalta a representación dos traballadores figura o mantemento da cláusula de revisión salarial conforme ao IPC real para compensar a perda de poder adquisitivo dos últimos anos e a redución da xornada anual en 24 horas.

Folga indefinida a partir do 18

Na sexta xornada de folga deste venres está convocada de novo unha manifestación en Vigo que sairá das portas do estaleiro Barreras e chegará ata a alameda de Bouzas, onde os tres sindicatos manterán unha asemblea coas traballadoras e traballadores. "Non imos permitir a chantaxe do empresariado, que di que só se sentará a negociar coa condición de que suspendamos os paros", aseveran desde a CIG.

O resultado da asemblea que trasladan os tres sindicatos é que retiran a convocatoria de folga para os días 12 e 13 de xullo como un xesto para instar a patronal a sentarse a negociar, pero convocan folga indefinida a partir do 18 se non hai avances. "Non estamos para que nos mareen. O convenio, como sempre dicimos, ten que saír antes do verán, por iso estas medidas de dar unha marxe a semana que vén e maior contundencia na seguinte", asegura Celso Carnero, de CCOO. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.