CCOO e UGT ven un "éxito" a folga de buses, que se repetirá o luns 11 se non hai acordo

Unha parada de autobús baleira en Santiago durante a folga deste luns CC-BY-SA Praza Pública

Os sindicatos convocantes critican "os elevados servizos mínimos", que non impediron problemas puntuais tamén no transporte escolar

CCOO e UGT consideran un "éxito" o seguimento en Galicia da primeira xornada de folga convocada este luns a nivel estatal no sector do transporte de pasaxeiros por estrada. Se non hai acordo antes, os paros continuarán os vindeiros días 11, 28 e 29 de novembro e 5, 9 e 23 de decembro. A partir desa última data, coincidindo coas festas de Nadal, a folga faríase indefinida

Autobuses de servizos mínimos no transporte urbano de Santiago durante a folga deste luns © CCOO

Segundo os dous sindicatos convocantes, os paros tiveron en Galicia un "gran seguimento" malia os "elevados servizos mínimos" fixados polas respectivas administracións competentes nos transportes urbanos ou interurbanos. CCOO e UGT tamén contextualizan o seguimento da folga coa "desaparición da CIG, que non se sumou á convocatoria".

Entre os servizos mínimos, a Xunta fixara no transporte interurbano que debían ser da totalidade dos servizos de transporte escolar con máis de 4 quilómetros de percorrido. Aínda así, este luns rexistráronse problemas puntuais en varias localidades de Galicia, con demoras na saída dos buses das súas bases e polo tanto na recollida dos escolares.

Os convocantes da folga piden facilidades para a xubilación anticipada © UGT

Os sindicatos convocantes reclaman facilidades para a xubilación anticipada "pola penosidade e o perigo da profesión"

Os dous sindicatos convocantes lembran que coas súas mobilizacións reclaman "a aplicación de coeficientes redutores para unha xubilación anticipada" e que "a responsabilidade está no tellado das patronais Confebus e ATTUC, que son as que poderían asinar coa parte sindical a solicitude do inicio de procedemento" para que as administracións faciliten as xubilacións anticipadas. "A folga pretende que se recolla no convenio colectivo unha xubilación parcial con contrato de substitución, voluntaria para a persoa condutora que poida acumular de forma continuada a porcentaxe de horas que ten que traballar e que, no seu lugar, entre unha persoa nova". "Esta sería unha solución provisional ata que se fosen acumulando coeficientes redutores pola penosidade e o perigo da profesión", sinalan.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.