CIG e CCOO levan á xustiza o protocolo da Xunta que dá máis poder ás mutuas no control das baixas

Alfonso Rueda, durante unha visita ao CHUO de Ourense CC-BY-SA Xunta

CIG e CCOO levan á xustiza o novo protocolo da Xunta que dá máis poder ás mutuas á hora de xestionar as baixas. Ambos sindicatos anunciaron este luns a súa intención de levar a cabo accións xudiciais —no caso da central nacionalista un recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG)— contra a resolución da Consellería de Sanidade do pasado maio que modifica da Instrución do 1 de abril de 2019 que establece o proceder para a xestión clínica e o seguimento da incapacidade temporal (IT) por parte da Inspección sanitaria. 

CIG e CCOO anuncian accións xuridicas contra a resolución da Xunta que modifica o protocolo de xestión das baixas pola Inspección

Aquela medida, que forma parte do plan contra as baixas impulsado pola Xunta e agora reivindicado pola patronal e o PP estatal, é cuestionada agora pola CIG, que dubida da legalidade do que, din, "se está a disfrazar dunha suposta 'axilización' e 'reforzo do control' da inspección sanitaria na loita contra o chamado 'absentismo laboral”. "Con esta manobra o que fai a Xunta é blindar as mutuas para que controlen por completo as baixas médicas da sanidade pública", advirte a central. 

Pola súa banda, CCOO cre que a devandita resolución "favorece a privatización do control das baixas médicas, reduce as garantías do sistema público e pon en risco os dereitos das persoas traballadoras". 

Mobilización da CIG en Vigo o pasado Primeiro de Maio CC-BY-NC-SA CIG

A CIG argumenta o seu recurso ante o TSXG porque entende que o novo protocolo "habilita a Inspección de Servizos Sanitarios a permitir, cunha única autorización, todas as probas e procedementos relacionados co proceso de IT que soliciten as entidades privadas". "Na redacción anterior a autorización era proba a proba e sempre que as probas ou procedementos fosen solicitadas previamente polas persoas profesionais da sanidade pública", explica. 

A CIG presenta recurso contencioso-administrativo no TSXG contra a resolución da Xunta que "blinda as mutuas para que controlen por completo as baixas"

"Habilítase ás mutuas a solicitar cunha única autorización as probas diagnósticas, tratamentos e procedementos de rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común, sen que figure ningunha limitación polo tipo de patoloxía, nin que estas fosen solicitadas polas profesionais da sanidade pública", advirte a CIG, que lembra que "a única condición" que se mantén é que as probas e procedementos "conten co consentimento informado do ou da paciente conforme ao marco legal actual". 

No caso de CCOO, o secretario de Saúde Laboral, Armando Iglesias, exprésase en termos semellantes ao entender esta medida como unha forma de "reducir o control exercido pola sanidade pública e deixar a evolución da baixa en mans de entidades privadas con intereses económicos".

A CIG, ademais, cuestiona "se é realmente libre o consentimento nun contexto de criminalización das persoas traballadoras en IT", e tamén "se pode entenderse que non outorgar este consentimento sexa considerado unha falta de colaboración no proceso de curación, coa consecuente perda da prestación económica". Ademais,  regúntase se ese asentimento constituirá un cheque en branco “para que a mutua realice todo que considere pertinente”.

CCOO di que o protocolo "favorece a privatización do control das baixas médicas, reduce as garantías do sistema público e pon en risco os dereitos dos traballadores"

Desde CCOO, ademais, alértase de que a resolución "reforza o peso das propostas formuladas polas mutuas e condiciona a capacidade de decisión do persoal facultativo de Atención Primaria". "Pode favorecer altas médicas prematuras e antepoñer a rápida reincorporación ao traballo á recuperación completa das persoas doentes", advirte Iglesias. 

Alén disto, a CIG advirte de que as mutuas "poderán realizar estas probas e procedementos con recursos propios ou mediante contratación con terceiros —é dicir, coa sanidade privada— a través de procedementos regulados", e advirte que a instrución "non recolle ningunha referencia a como se vai financiar o incremento de probas e procedementos, xa sexa con recursos propios das mutuas ou vía contratación coa sanidade privada".

Mobilización de CCOO en Galicia CC-BY-SA CCOO Galicia

Derivación de cartos públicos á privada

"Sexan cartos do Sergas ou dos fondos da Seguridade Social, suporá unha derivación de cartos públicos cara á sanidade privada, reforzando a esta e debilitando a pública", di a central sindical. “En lugar de apostar e reforzar a sanidade pública e eliminar as listas de agarda que non fan máis que medrar, as mutuas incrementan a súa derivación de cartos públicos cara á sanidade privada”, censura o secretario xeral da CIG, Paulo Carril.

Ademais, e segundo avisa a CIG, a nova redacción deste protocolo inclúe, entre os procedementos que poden realizar estas entidades, os procesos rehabilitadores, que non figuraban na instrución anterior. Como consecuencia, a central sindical denuncia que "as mutuas terán o control total do diagnóstico, tratamento e rehabilitación de todos os procesos de IT de continxencia común".

Por outra banda, o novo protocolo inclúe que as probas e procedementos realizados polas mutuas se incorporen á historia clínica electrónica dos e das pacientes. "Non figura ningunha garantía de que as entidades colaboradoras —e, de ser o caso, a sanidade privada— non poidan acceder ao conxunto da historia clínica das persoas traballadoras en incapacidade temporal", engade. 

Esta situación, segundo CCOO, "amplía o acceso de entidades privadas a datos especialmente sensibles" e obriga a "extremar as garantías de confidencialidade e protección da información sanitaria". 

Para a CIG, todas estas modificacións anunciadas pola Xunta chegan "no marco dunha ofensiva patronal e mediática coa que se pretende instalar un discurso perigoso no que enfermar se volve sospeitoso, ao prevalecer a presión económica sobre o criterio clínico, ademais de supoñer unha fiscalización crecente do criterio profesional do persoal de Atención Primaria".

CIG e CCOO advirten da "ofensiva patronal e mediática" contra as baixas e do aumento de poder das mutuas "en lugar de reforzar a sanidade pública"

CCOO, pola súa banda, critica que a Xunta "opte por ampliar o papel das mutuas en lugar de reforzar a sanidade pública con máis recursos humanos e materiais que permitan reducir as listaxe de espera e mellorar a atención ás persoas traballadoras en situación de incapacidade temporal".

Rueda critica a CIG

Ante isto, Comisións reclama a "paralización inmediata" da resolución e a apertura dun proceso de diálogo que permita "abordar a xestión da incapacidade temporal desde a defensa do sistema público de saúde e dos dereitos das persoas traballadoras". Con todo, advirte de que xa está traballando cos seus servizos xurídicos para impulsar "todas as accións necesarias" para "frear a aplicación desta resolución e garantir a protección dos dereitos das persoas traballadoras".

Desde a Xunta, o seu presidente, Alfonso Rueda, reprocchou o recurso "preventivo" por parte da CIG "sen coñecer" o plan do Goberno galego. "Está claro que interesa pouco o que queremos facer. Xa non é que se botase fóra do diálogo social, non quixo estar desde o principio", recriminou ao sindicato nacionalista, antes de que se soubese que CCOO tamén ía emprender accións xudiciais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.