Concliliar vida familiar e laboral? Non, se es muller

Taxa de emprego de homes e mulleres con e sen fillos menores de 12 anos Dominio Público Praza Pública

Segue habendo fendas de xénero no mundo laboral. Hainas nos salarios e na incorporación das mulleres a certas profesións ou postos e estas fendas danse, ademais e de forma moi acentuada, cando o traballador ou traballadora son pai ou nai. As cifras da EPA amosan como a taxa de emprego (a porcentaxe de persoas ocupadas sobre o total de poboación en idade de traballar) en homes e mulleres varía substancialmente en función de que estes homes e mulleres teñen fillos ou fillas pequenas ao seu cargo. E fano de maneira inversa.

Segundo datos de Eurostat, os homes de 25 a 49 anos con fillos e fillas menores de 12 teñen unha taxa de ocupación do 74,5%, 9,4 puntos por riba da porcentaxe acadada polos homes sen fillos. Pola contra, a taxa de emprego das mulleres con fillos é do 58,1%, 16 puntos inferior á dos homes, e 9,3 puntos inferior á das mulleres sen fillos. Homes sen fillos e mulleres sen fillos presentan taxas de emprego moi semellantes, mesmo superior no caso das mulleres (67,4% fronte a 65,1%).

Segundo datos do INE, canto maior é o número de fillos e fillas dunha muller, a probabilidade de que teña un traballo asalariado tamén é menor: teñen un contrato o 61,1% das que teñen un fillo, o 58,2% das que teñen dous e o 47% das que teñen máis. Porén, nos homes a porcentaxe non varía ou varía moito menos: teñen un contrato o 78,8% dos que teñen un fillo, o 80,6% dos que teñen dous e o 72,8% dos que teñen máis.

O 92,7% dos traballadores que toman unha excendencia a tempo completo para coidar dos fillos son mulleres

Outra estatística que permite constatar a moi diferente incidencia que ten na vida laboral de homes e mulleres ter descendencia é a que fai referencia ás excedencias para coidar dun fillo ou filla enferma. O 92,7% dos traballadores que toman unha excendencia a tempo completo con este fin son mulleres (242 mil no 2013 en España), fronte a un 7,3% de homes (19 mil en total). Ademais, a maioría destas excedencias tomadas polos varóns foron de menos dun mes, mentres que no caso das mulleres, a metade foi de máis de seis meses, e un terzo máis durou entre un mes e seis meses.

De igual xeito, só o 5% das persoas que se ven forzadas a traballar só a tempo parcial para poder coidar familiares en situación de dependencia son homes, un total de 16 mil en 2013 no conxunto do Estado). Elas representan o 95% (316 mil), unha cifra que non varía en absoluto dende os datos de 2010. Na metade dos casos, a razón alegada para ter que buscar un emprego a tempo parcial é "por non haber ou non poder pagar os servizos axeitados para o coidado de nenos".

Protesta das traballadoras de Freiremar © CIG
Traballadora dun hospital público galego © Sergas

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.