Condenada a franquía ourensá de McDonald's por mudar as quendas dunha traballadora de baixa por embarazo de risco

Instalacións da franquía de McDonald's no centro Pontevella de Ourense, nunha imaxe de arquivo divulgada pola superficie comercial © CC Pontevella

O xulgado do social número 3 de Ourense considera que a franquía da cadea de comida rápida McDonald's na cidade vulnerou os dereitos fundamentais dunha das súas traballadoras. Fíxoo, segundo considera unha sentenza ditada o pasado 1 de setembro e á que tivo acceso Praza.gal, por modificar "substancialmente" as súas condicións de traballo mentres se atopaba de baixa por un embarazo de risco.

O xulgado condena a empresa a anular a mudanza na xornada laboral da traballadora, que tiña recoñecido o seu horario por sentenza de conciliación, e a indemnizala con algo máis de 6.000 euros

A traballadora, que "vén prestando servizos" para a empresa dende hai máis dunha década, recibiu unha comunicación o pasado xullo na que lle era comunicada o que, indica a sentenza, "aplicando a normativa" e a xurisprudencia "se debe considerar unha modificación substancial de condicións de traballo". Concretamente, no relativo á súa xornada laboral.

Nesa comunicación, detalla o ditame, a empresa "informa" a traballadora do "horario que vai ter cando se incorpore, pasando de entrar ás 9 a entrar ás 12", todo isto "sen prexuízo de que poida variar con posterioridade, pois por agora é o horario que estaría vixente". Esta circunstancia traería consigo "un sacrificio á traballadora" que ademais, resalta a propia sentenza, "ten recoñecido o horario" que a empresa pretende cambiar "por sentenza de conciliación da vida familiar".

Outro establecemento de McDonald's en Ourense , nunha imaxe de arquivo © Google

A propia sentenza salienta, xunto ao feito de que a muller "está de baixa por risco no embarazo" dende o pasado 1 de xuño, que a traballadora "é afiliada ao sindicato CIG" e foi a propia Confederación Intersindical Galega a que a representou neste proceso, que vén de concluír cunha condena á compañía. Concretamente, a sentenza -recorrible ante o Tribunal Superior de Xustiza- ordena a anulación do cambio da xornada laboral da traballadora e, ademais, a indemnizala con 6.251 euros "en concepto de danos morais e prexuízos".

A CIG "celebra" a sentenza e subliña que "non estamos a falar dun caso illado nesta empresa"

A Secretaría das Mulleres da CIG "celebra" a sentenza e tamén que "vaia acompañada dunha sanción económica, pois deste xeito moitas empresas farán algo máis de caso" e "pensarán antes de poñer impedimentos inxustificados" a dereitos como o da conciliación, resaltan. Así e todo, o sindicato advirte que neste caso concreto "non estamos a falar dun caso illado nesta empresa", na que a situación "constante" é dun "cúmulo de ameazas, coaccións, presións e mesmo actitudes de agresividade física, de maneira moi especial con mulleres".

Neste sentido, a CIG lembra que xa "houbo outras demandas perante o Xulgado do Social" e denuncias na Fiscalía "por parte de varias traballadoras", caso dunha condena en 2018 por ameazas e lesións no marco das eleccións sindicais. "Actualmente -resaltan- temos pendente o xuízo dunha nova demanda, tanto pola vía penal como polo xulgado do social, doutra das traballadoras desta mesma empresa".

Por todo isto, o sindicato "apela, unha vez máis" á "matriz de McDonald's España en Madrid" para "reclamarlle medidas cautelares contra o seu franquiciado" en Ourense, que conta cun local no Centro Comercial Pontevella -ao que se refiren os feitos agora abordados no xulgado- e con outro en Fonsillón. "Pedimos a retirada da titularidade de dita franquía para alguén tan insorportablemente déspota, machista e antidemócrata", din en referencia ao xerente da empresa de restauración en Ourense.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.