Construír ou rehabilitar? Depende da crise

Evolución anual dos edificios de nova planta e edificios a rehabilitar Dominio Público Praza Pública

A crise económica tivo como efecto case inmediato unha drástica redución do número de inmobles de nova planta construídos en Galicia, que en 2007 chegaran aos 8.485, movéndose neses anos entre os cinco e os oito mil novos edificios en cada exercicio. En 2009 baixaron, por primeira vez en moito tempo, dos tres mil novos inmobles e a cifra continuou en descenso, ata os 1.300 e 1.200 de 2013 e 2014. O que permaneceu constante, case inalterado polos tempos de auxe inmobiliaria ou polos anos de crise, foi a cantidade de edificios que eran rehabilitados. O seu número, en ascenso dende os 911 de 1994 ata os 1.786 de 2008, sufriu apenas un leve descenso, situándose por riba dos 1.200 entre 2011 e 2014.

A recesión económica igualou, polo tanto, as actuacións de rehabilitación e as construcións novas, unha tendencia que se mantén nos catro primeiros meses de 2015, con 441 novos edificios, fronte a 401 obras de recuperación de inmobles

A recesión económica igualou, polo tanto, as actuacións de rehabilitación e as construcións novas, unha tendencia que se mantén nos catro primeiros meses de 2015, con 441 novos edificios, fronte a 401 obras de recuperación de inmobles. Entre xaneiro e abril de 2014 iniciáronse 390 novos edificios, fronte a 358 obras de rehabilitación. Hai que ter en conta, ademais, que Galicia conta con 30 mil vivendas novas sen vender, segundo os datos que fixo públicos hai unhas semanas o Ministerio de Fomento. En toda a comunidade hai máis de 300 mil vivendas baleiras, segundo datos do INE de 2011, das que máis de 75 mil foron construídas na primeira década do século, coincidindo coa burbulla inmobiliaria, e outras 27 mil corresponden á década dos noventa.

Hai algunhas iniciativas, coma a posta en marcha polo Concello de Rianxo, que buscan fomentar a recuperación de inmobles, poñendo en contacto a propietarios de edificios baleiros con posibles interesados en habitar unha nova vivenda. O rexistro de rehabilitación de Rianxo procura varios obxectivos, comezando polo propio "impulso á conservación e recuperación do patrimonio construído", xerando núcleos de poboación máis compactos, con mellores servizos e unha mellor ocupación do territorio, contribuíndo ademais a "deter a sangría demográfica, sobre todo nas zonas rurais, a que volva haber vida nas vilas e nas aldeas", como destacaba para Praza o impulsor do proxecto, Carlos Henrique Fernández Coto. Ademais, engadía, "habitando núcleos que hoxe están quedando deshabitados, loitas tamén contra o maltrato da paisaxe, pois unha casa abandonada crea ao seu redor unha paisaxe degradada".

Galicia conta con 30 mil vivendas novas sen vender e ao redor de 300 mil vivendas baleiras, un terzo delas con menos de 25 anos

"O viño novo fermenta mellor entre madeiras vellas. A vida moderna entre paredes antigas semella distinguirse, mellorarse". O Proxecto Arga (Arquitecturas Rehabilitadas de Galicia), co que falamos en Praza hai uns meses, fai bandeira do escrito polo arquitecto catalán Jeroni Martorell i Terrats en 1935. ARGA busca inventariar, divulgar, poñer en valor e dar a coñecer a todas aquelas iniciativas de rehabilitación de edificios abandonados en Galicia, proxectos que lles outorgan unha nova fasquía e novas funcións a inmobles e arquitecturas do pasado, no canto de derrubalos e substituílas, e que deste xeito manteñen -anovada- a súa estrutura e esencia.

A rehabilitación supón "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor é un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar"

O modelo de crecemento levou a que moitas vivendas tradicionais foran abandonadas polos seus propietarios ou deixaran de exercer nelas os labores de mantemento e conservación necesarios para mantelas en condicións de habitabilidade. A rehabilitación, destacan os responsables do rexistro de Rianxo, supón "respectar o patrimonio arquitectónico popular e poñelo en valor, un dos alicerces de unha sociedade civilizada", apostando por "mellorar antes que medrar". Haberá que ver se, no momento en que se perciban os efectos dunha recuperación económica, se volve apostar de forma masiva pola construción de edificios de nova planta, ou se ese investimento se dirixe tamén cara á rehabilitación.

Vivenda abandonada en Rianxo © Rehabilita Casa en Rianxo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.