Da represión franquista e o conde de Fenosa ao emir de Abu Zabi

Un parque eólico de Naturgy © Naturgy

En 1943 Pedro Barrié de la Maza creou Fuerzas Eléctricas del Noroeste S.A.. Nacía así Fenosa, froito da absorción forzada por parte de Fábrica de Gas y Electricidad, propiedade de Barrié, da Electra Popular Coruñesa, que fora de José Miñones, empresario e político republicano ao que os golpistas fusilaran en 1936 despois de roubarlle a compañía xunto a todas as súas demais propiedades empresariais. O que quedou daquela empresa está agora no foco dun xigante enerxético controlado polo goberno de Abu Zabi, nos Emiratos Árabes: TAQA.

O xigante emiratí TAQA evidencia o seu interese por mercar Naturgy, a empresa xurdida da compra de Unión Fenosa por Gas Natural

As autoproclamadas como novas autoridades no 36 entregaron a Electra Popular Coruñesa a Barrié, afín aos golpistas e impulsor de iniciativas a prol de Franco como a entrega do Pazo de Meirás. En 1955, alén das prebendas económicas e empresariais, o ditador distinguiuno como Conde de Fenosa pola "súa intelixente laboriosidade, a súa constante iniciativa creadora de riqueza (...) e pola súa xenerosidade, impregnada de sentimento cristián". O título estivo vixente ata a entrada en vigor da Lei de Memoria Democrática, o pasado 2022, e o seu derradeiro titular foi José María Arias, falecido en 2023.

Cartel da antiga Fenosa CC-BY-SA Praza Pública

Nos anos 80 Fenosa fusionouse con Unión Eléctrica, a antiga Unión Eléctrica Madrileña. Deu lugar así a Unión Fenosa, que se expandiu notablemente ata principios deste século, cando foi albo de profundas mudanzas accionariais. Especialmente significativa foi, en 2005, a entrada na empresa da construtora ACS, de Florentino Pérez, que mercou o 22% da eléctrica posto á venda polo Banco Santander. A ese paquete accionarial optaba un grupo de investidores galegos comandado por Amancio Ortega (Inditex), a construtora San José e Caixanova.

FENOSA naceu tras a entrega a Barrié por parte dos golpistas das empresas roubadas a José Miñones, asasinado en 1936

Apenas tres anos despois, ACS vendeu as súas accións a Gas Natural, que acabou sendo a propietaria do 95% de Unión Fenosa. A absorción culminou en setembro de 2009, cando naceu Gas Natural Fenosa. A marca desapareceu de vez en xuño de 2018, ao enterrar o derradeiro vestixio do imperio empresarial de Barrié baixo a nova denominación Naturgy

Esa desvinculación accionarial e mesmo simbólica con Galicia non impediu, non obstante, que a vella Fenosa siga sendo unha eléctrica de referencia no noso país tanto para os consumos domésticos -é o principal distribuidor- como, por exemplo, nas plantas de xeración de enerxía eléctrica, caso das hidroeléctricas ou os parques eólicos. No conxunto do Estado é o terceiro operador do sector e o primeiro gasista. 

Encoro de Belesar, explotado pola central hidroeléctrica de Naturgy CC-BY-NC-SA Praza.gal

Con toda esta historia como pano de fondo chegou esta semana o movemento emiratí. O pasado 17 de abril, a Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) suspendía cautelarmente a cotización de Naturgy en bolsa mentres era "difundida información relevante sobre dita entidade". Previamente, CriteriaCaixa (a división de participacións empresariais de CaixaBank), principal accionista da eléctrica cun 26,7%, admitía "conversas cun potencial grupo investidor" que "manifestou estar en contacto con algúns accionistas de referencia de Naturgy", sen que houbese nada pechado.

TAQA admite contactos co principal accionista de Naturgy, CaixaBank, mentres negocia con dous fondos de investimento mercar a súa parte da eléctrica. Se a empresa árabe se lanzase a mercar o 100% da compañía sería preciso o visto e prace do Goberno de España

Ese potencial grupo investidor é TAQA, a empresa de negocios enerxéticos e hidráulicos controlada ao 90% polo goberno de Abu Zabi. O seu presidente, Mohamed Hassan Alsuwaidi, é o ministro de Investimentos dos Emiratos Árabes Unidos. O propio xoves TAQA saía ao paso das informacións sobre o seu interese en Naturgy mediante un comunicado á CNMV no que confirmaba "conversas" con Criteria "en relación cun posible pacto de cooperación relativo a Naturgy".

A eléctrica árabe admitía ademais "conversas" con CVC e GIP, fondos de investimento que suman un 40% das accións de Naturgy, para mercar as súas accións. "Se dita adquisición se producise, debería forulrse unha oferta pública de adquisición" (OPA) pola "totalidade do capital de Naturgy", evidenciaba TAQA, agregando a continuación que aínda non pechou "ningún acordo" nin existe "certeza" de que a compra chegue a culminarse.

Jasim Husain Thabet, conselleiro delegado de TAQA © TAQA

Así como o que noutrora fora unha empresa eléctrica galega pode acabar dependendo, en última instancia, da vontade política e económica do emir de Abu Zabi, Mohammed bin Zayed Al Nahyan. A operación, en calquera caso, debería contar co visto e prace do Goberno de España, dado o carácter estratéxico da compañía, especialmente no sector do gas. Así o evidenciaron nos últimos días, por exemplo, a ministra de Facenda, María Jesús Montero ou o ministro de Economía, Carlos Cuerpo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.