As dependentas puxeron fin á súa acción de protesta "á vista da reiterada negativa de Inditex a recibilas" e despois de que a compañía denunciase o peche
O peche que un grupo de delegadas da CIG nas tendas de Inditex da provincia da Coruña iniciaron o pasado venres na sede da empresa finalizou na noite deste luns. As dependentas puxeron fin á súa acción de protesta "á vista da reiterada negativa de Inditex a recibilas" e despois de que a compañía denunciase o peche, achegándose ata o lugar unha dotación da Garda Civil.
As traballadoras buscaban co peche presionar á multinacional para que esta reabrise a negociación provincial "para abordar as melloras laborais e sociais que ficaron pendentes", algo ao que -sinalan- a compañía se comprometera. Cualifican de "indignante" a "insistencia recalcitrante de Inditex en non cumprir os compromisos adquiridos por escrito" e chaman a atención sobre o feito de que "unha multinacional como esta, con milmillonarios beneficios, opte por denunciar as súas propias traballadoras antes que respectar o texto dos acordos".
As dependentas finalizaron a súa acción chamando ás traballadoras das tendas da provincia da Coruña a participar na folga convocada para o vindeiro xoves 27 de xuño
As dependentas finalizaron a súa acción chamando ás traballadoras das tendas da provincia da Coruña a participar na folga convocada para o vindeiro xoves 27 de xuño, coincidido co inicio do período de rebaixas. Hai ano e medio este persoal levou xa a cabo unha folga que rematou coa consecución dunha mellora retributiva que buscaba "acurtar as enormes diferenzas salariais que existen cos compañeiros e compañeiras doutras empresas do grupo".
Fontes oficiais da empresa destacan que existe "un espazo de negociación a nivel estatal no que a CIG está sentada dende decembro" e remiten o sindicato a ese espazo, onde Inditex os convidou e onde "teñen marxe para negociar".
As traballadoras buscaban co peche presionar á multinacional para que esta reabrise a negociación provincial "para abordar as melloras laborais e sociais que ficaron pendentes"
As traballadoras reivindican retomar a negociación de ámbito provincial e sinalan que só demandan os mesmos dereitos que xa teñen os compañeiros e compañeiras doutras empresa do grupo. Porén, denuncia a CIG, Inditex négase a reabrir a mesa provincial de negociación sinalando que xa está en marcha unha negociación en Madrid a nivel de todo o Estado.
A CIG, cunha representación sindical no 70% entre as traballadoras da provincia coruñesa, critica "a política de Inditex de afastar e centralizar as relacións laborais en Madrid e a insistencia nunha negociación estatal na que non se concede nada para provincias como a da Coruña".
O sindicato denuncia que a multinacional opta por realizar unha negociación a nivel estatal para diluír a capacidade de presión das traballadoras galegas, máis mobilizadas. A CIG afirma que a decisión de levar as negociacións a Madrid "só responde ao interese de Inditex de deixar sen efecto a capacidade de loita que as traballadoras da provincia evidenciaron nas históricas mobilizacións de hai dous anos e buscar un marco no que a central nacionalista non sexa a forza maioritaria".
A CIG afirma que a decisión de levar as negociacións a Madrid "só responde ao interese de Inditex de deixar sen efecto a capacidade de loita que as traballadoras da provincia evidenciaron nas históricas mobilizacións de hai dous anos"
O sindicato demándalle a Inditex que negocie "os puntos que só afectan á provincia" e cita entre outros o plus sede, o plus de antigüidade "que aparecía anteriormente no convenio e que conservan outros compañeiros da empresa", o bono de comida, e a homoxeneización e equiparación de todas as condicións reguladas nos comités coa empresa de cada cadea.
A CIG cualifica de "inxusto e discriminatorio" que dentro da mesma provincia as traballadoras teñan condicións diferentes en materia de calendarios, libranza de sábados, licencias, descansos, xornadas, categorías, ou complementos.
A CIG denuncia ademais a "evidente discriminación de xénero" no trato que a multinacional dispensa ao colectivo laboral das tendas, "altamente feminizado e precarizado", en comparación con outros colectivos laborais do grupo con maioría de homes.
A CIG denuncia a "evidente discriminación de xénero" no trato que a multinacional dispensa ao colectivo laboral das tendas, "altamente feminizado e precarizado"
Ao longo de fin de semana a CIG levou a cabo ante a sede central de Inditex, en Arteixo, concentracións de apoio ás traballadoras que realizaban o peche no seu interior. As dependentas estaban instaladas no auditorio que hai dentro do complexo e de xeito periódico ían publicando vídeos nas redes sociais para difundir a acción e as súas reivindicacións.