O francés analizou na primeira xornada da Semana Galega da Filosofía, organizada pola Aula Castelao, o derrubamento das conquistas sociais propiamente europeas, "dereitos sociais en perigo debido ás medidas ultraneoliberais de gobernos títere de institucións económicas con cargos non electos polos cidadáns". Na conferencia que pechaba o día, centrada na relación entre o poder político e o poder económico en Europa Toussaint foi tallante ao afirmar que “os gobernos dos países da Unión Europea estanse a someter ás dictaduras dos mercados financieiros e das grandes empresas privadas” e denunciou que “os gobernos actúan para que os poderes públicos se sometan ás empresas”.
"Os políticos ou están xa nas empresas ou acaban despois nelas"
De igual xeito, advertiu de que “hai unha complicidade moi activa e estreita entre o persoal da clase política que goberna e as grandes empresas privadas financieiras e non financieiras. Esta crise móstrao de forma evidente: basta ver as formacións, os membros dos gobernos” e concluíu que “hai pontes permanentes entre o poder económico e político. Os políticos ou están xa nas empresas ou acaban despois nelas”.
“É perfectamente posible ser indisciplinado con respecto aos mercados e potencias estranxeiras. Arxentina negouse a pagar a débeda externa e obtivo crecemento económico"
Toussaint foi moi pesimista co camiño que levan as economías europeas coas medidas adoptadas: “As políticas que se levan a cabo van prolongar a crise” e en concreto sobre España afirmou que “a débeda española crece pola transferencia da débeda das empresas privadas ao tesouro público”. Para facer fronte a esta situación, o politólogo contrapuxo casos recentes de América Latina (Arxentina ou Ecuador), nos que a presión popular puido suavizar a presión financeira: “É perfectamente posible ser indisciplinado con respecto aos mercados e potencias estranxeiras. Arxentina negouse a pagar a débeda externa e obtivo crecemento económico".
Ana Miranda: "Cómpre desenvolver un proxecto social definido por nós que sitúe a Galicia en Europa"
Pola tarde Ana Miranda, europarlamentaria nacionalista, falou da situación e do papel de Galicia nas institucións europeas, que se artellaron prescindindo ou relegando a un papel inferior a nacións como Galicia. Miranda afirmou que “a desvantaxe de Galicia en Europa débese a tres factores: a carencia de estado propio, a concepción de Europa a partir da idea de Estado-Nación e a posición de Galicia na Europa periférica (periferia no sentido sociolóxico, non físico)”. A eurodeputada defendeu que “hai que pasar dunha Europa dos Estados a unha Europa dos pobos” e que cómpre "desenvolver un proxecto social definido por nós que sitúe a Galicia en Europa”. De igual xeito, salientou que "o enfoque das políticas europeas, en lugar da cohesión, leva á colisión”.
Inauguración dunha semana dedicada á idea de Europa
A Semana Galega de Filosofía inaugurárase pola mañá cun discurso do coordinador da Aula Castelao, Carlos Calviño, que fixo un repaso á historia do continente, facendo fincapé na converxencia entre o poder económico e relixioso, que funcionaron como base sólida do colonialismo e do capitalismo. Calviño argumentou que despois da Ilustración, na que agroma a razón revolucionaria, o cambio de paradigma occidental que Nietzsche augurou como forza de subversión, "pasa primeiro polo nihilismo negativo, que deriva nunha sociedade dos últimos homes, isto é, a versión conservadora da posmodernidade que, de feito, se efectuou ata o de agora".
Para Muñoz Veiga, o proxecto europeo contén, coma todo, un triunfo e un fracaso
Jacobo Muñoz Veiga, catedrático de Filosofía na Universidade Complutense de Madrid, foi o encargado de abrir esta edición, e fíxoo coa conferencia A herdanza de Europa: crise e conflito. Nela profundizou nas raíces da identidade europea, así como no propio proceso ilustrado como fonte do proxecto europeo común. Para Muñoz Veiga, este proxecto contén, coma todo, un triunfo e un fracaso. O fracaso, a razón instrumental como único modo de racionalidade e a hexemonía da sociedade de consumo despois da caída dos metarrelatos. O triunfo: o programa universalizable, consistente “no Estado de Benestar, na idea de democracia, no cosmopolitismo, na noción de cidadán e na autonomía civil".
A sesión deste martes comezará coa intervención de Antonio García-Santesmases Martín-Tesorero (UNED), que falará sobre A encrucillada europea e a crise da democracia. Pola tarde Fermín Bouza Álvarez (Universidade Complutense de Madrid) ofrecerá unha conferencia sobre Europa na opinión pública. E, finalmente, pola noite Carlos Berzosa (Universidade Complutense de Madrid) achegará a súa visión sobre África, espello do mundo.