Máis de tres meses despois de iniciar a folga e pendentes aínda de cobrar os salarios de xullo e agosto que se lles deben, as traballadoras da limpeza das oficinas de Correos en Galicia volveron ao traballo. Fixérono o pasado 12 de decembro tras desconvocarse o paro que iniciaran ao pasado 4 de setembro polos impagos da empresa SCT (Limpiezas Córdoba), adxudicataria desde xaneiro do servizo nas catro provincias galegas e en varias máis de todo o Estado.
As arredor de 300 afectadas en Galicia —a inmensa maioría mulleres— volveron traballar logo de seren subrogadas á empresa Limcamar, a quen Correos acabou adxudicando o servizo logo de meses de impagos e dun conflito que aínda non se amañou de todo. As limpadoras, á espera de cobrar aínda os días traballados en decembro, acumulan medio ano sen recibir ingreso ningún.
As traballadoras da limpeza de Correos en Galicia puxeron fin a mediados deste decembro á folga que comezaran en setembro pero seguen sen cobrar os dous meses que lles deben
Será, o dos vindeiros días, o primeiro dun colectivo con soldos "precarios", que non adoita chegar "nin ao salario mínimo" e emprego por horas, unha situación "grave" á que se engade, como advertira xa o comité de folga, o feito de que se dea nunha empresa estatal e provocada por unha adxudicación pública duramente criticada. Tanto por insistir en contratos á baixa, maioritariamente rexeitados polas empresas, como pola falta de control que desde Correos se fai de subcontratas como SCT que, logo de meses de impagos e falta de solucións, vén de entrar en concurso de acredores.
"Algunhas compañeiras empezaron antes a traballar porque eran xa demasiados meses sen ingresos; o resto comezamos así que se nos asegurou a subrogación porque a folga non era contra a nova empresa senón contra a anterior", explica Lourdes García, unha das limpadoras de Ourense que se mantivo en folga ata o pasado día 11. Un conflito que provocou graves problemas económicos e de saúde entre as afectadas.
"Ata que non comprobamos que estabamos dadas de alta na Seguridade Social non comezamos a traballar", lembra quen denuncia que as limpadoras sigan "sen ver un peso" dos impagos. No seu caso, os meses de xullo e agosto mais o montante das pagas extras rateadas. Para cobrar teñen que recorrer á vía xudicial e agardar á resolución das súas demandas, ás que incorporan agora a nova empresa adxudicataria.
Ademais, a CGT asegura que o conflito coa limpeza en Correos, que causara graves problemas de insalubridade e a protesta tamén dos traballadores da empresa estatal, "non está solucionado ao 100%". Así, denuncian "incumprimentos" por parte da nova empresa no servizo, tales como a falta de contratación de substitucións en Ordes, Oleiros e na unidade de Correos na Costavella, en Santiago.
Nalgúns deses centros segue sen haber servizo de limpeza porque hai traballadoras de baixa "e a nova adxudicataria non contratou persoal substituto".