Galicia destruíu en xaneiro case o 80% do emprego creado en 2015

Manifestación de parados do sector naval CC-BY-SA CIG

Os datos de desemprego volven traer malas novas para Galicia, terceira comunidade autónoma onde máis se incrementa o paro rexistrado en xaneiro ao aumentar en 7.639 persoas con respecto ao mes anterior. O número de parados inscritos nas oficinas de emprego queda así en 236.447, logo desta suba relativa do 3,34%, tamén a terceira maior e superior á media estatal (+1,4%).

O paro rexistrado sobe en máis de 7.600 persoas en Galicia, terceira comunidade onde máis se incrementa

Galicia volve situarse no podio do paro no Estado logo de liderar o incremento do desemprego en decembro e despois de que as cifras da EPA alertasen do estancamento na caída do paro e da constante perda do diferencial positivo coa media de España. En termos interanuais os datos melloran ao reducirse o desemprego en 22.555 persoas con respecto a hai doce meses, pero é o quinto mes consecutivo de incremento. 

No conxunto do Estado, o paro aumenta en 57.247 persoas, incrementándose as cifras en quince das comunidades autónomas, especialmente en Andalucía (9.254) e Madrid (7.978), e descendendo nas Canarias (-1.545) e nas Illes Balears (-811) e quedando a cifra total en 4.150.755. En Galicia, o desemprego sobe en todas as provincias e céntrase fundamentalmente no sector servizos.

O paro increméntase fundamentalmente no sector servizos tras a masiva finalización de contratos tras o Nadal 

Así, o 96% do incremento do paro rexistrado dáse neste sector: son 7.336 persoas que ingresaron nas listas das oficinas de emprego fronte ao 7.639 total, un dato que revela a masiva finalización dos contratos pola campaña de Nadal. Pola contra, o número de parados descende en 8 persoas na agricultura e en 317 na industria e increméntase na construción (544) e tamén no colectivo sen emprego anterior (84). 

Por sexo, os 236.447 parados galegos distribúense entre 126.315 homes e 110.132 mulleres. Por idade, 11.838 son menores de 25 anos e os 224.609 restantes teñen máis anos. 

Non obstante, os datos son aínda peores en canto ao emprego. Segundo os datos do Ministerio, Galicia rexistrou no pasado mes de xaneiro 15.240 afiliados menos á Seguridade Social con respecto ao mes anterior. Unha destrución de máis de 15.000 empregos fronte ao aumento interanual de cotizantes de 17.554, quedando a media de cotizantes en 930.883 persoas. Nun só mes, Galicia destruíu o 86,8% dos empregos creados no último ano e o 77,6% dos que creara en todo 2015, cando o número de cotizantes aumentara en 19.641 persoas.  

No mes de xaneiro, Galicia destruíu case o 90% dos empregos creados no último ano

En definitiva, máis de 17.500 persoas pasaron a contribuír ás arcas públicas por medio do seu traballo no último ano, fronte ás máis de 22.500 que deixaron as listas de desemprego. Esta diferenza de máis 5.000 persoas entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Polo tanto, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo.

No conxunto do Estado, o número medio de afiliados á Seguridade Social en xaneiro descendeu en 204.043 afiliados, unha elevada cifra fronte ao aumento en case 530.000 cotizantes con respecto a hai un ano. 

En canto aos contratos, os indefinidos aumentan en máis do 26% no mes de xaneiro fronte ao descenso do 5,92% con respecto a hai un ano, mentres que os temporais descenderon en máis do 11% no pasado mes pola fin da campaña do Nadal, mentres que se incrementan pouco máis do 1% con respecto a hai doce meses. 

A taxa de cobertura remata 2015 nun 49,2%: menos da metade dos desempregados percibe algunha prestación por desemprego

Ademais, en xaneiro rexistráronse 62.688 contratos, dos que unicamente o 8,9% foi subscrito baixo algunha modalidade de contratación indefinida.

Tamén é preocupante a redución da porcentaxe de parados beneficiarios de prestacións por desemprego, xa que a taxa de cobertura rematou o ano 2015 nun 49,2%, 116.184 parados sen ningún tipo de protección. Xa que logo, menos da metade dos desempregados percibe algún tipo de prestación e destes, tan só o 42% ten dereito á prestación contributiva (o 20% do total). 

En decembro de 2015, último dato dispoñible, en Galicia o número de beneficiarios de prestacións eran 112.624 persoas. O carácter contributivo está en mínimos, tan só o 42,13% das persoas en desemprego perciben prestacións de carácter contributivo, sendo o 53,45% restante asistenciais. Isto supón, contías máis baixas, mentres a media das contributivas é de 785,4 euros, as asistenciais son de 426 euros.

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.